O Nadal máis musical chega á Baña da man do alumnado da Escola Municipal de Música. As instalacións da escola acollerán o vindeiro luns 17 de decembro ás cinco e media da tarde o xa tradicional concerto de Nadal. No festival ofreceranse 31 actuacións en directo nas que haberá panxoliñas, música clásica, tamén repertorio moderno como bandas sonoras de películas e ata un pouco de jazz. Temas clásicos destas datas como Blanca Navidad, Noche de Paz ou Jingle Bells serán os encargados de contaxiar o ambiente do Nadal ao público asistente, que tamén poderá gozar con temas como o Himno da alegría, a banda sonora de Titanic ou Braveheart.
No concerto, que durará unha hora e media aproximadamente, haberá interpretacións individuais e en grupo, nas que o alumnado da Escola Municipal poderán interactuar uns cos outros facendo representacións máis interesantes e un festival máis ameno para todo o público convidado.
A Escola Municipal de Música da Baña conta con 53 alumnos e 7 profesores e ofrece clases de piano, acordeón, guitarra española e eléctrica, baixo eléctrico, batería, clarinete, trompeta, saxofón e frauta traveseira.