- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visitas: 668
-
Estes apartamentos rurais veñen de acreditarse no sistema de calidade turística en destino SICTED //
-
Acompañouno na visita o alcalde da Baña, Andrés García //
-
O bono poderá empregarse ata o 31 de decembro nos establecementos adheridos á campaña da Xunta //
O alcalde da Baña, Andrés García, visitou hoxe na compaña do delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, os apartamentos rurais A Carballeira do Tambre, un dos establecementos aos que se pode acudir empregando o bono turístico Quedamos en Galicia.
O bono turístico é unha iniciativa da Xunta estreada o ano pasado para incentivar o turismo na nosa comunidade. Nesta edición, e coa idea de promocionar as visitas fóra da temporada alta para contribuír á desestacionalización, activouse o pasado 15 de setembro e permanecerá en vigor ata que acabe o ano o 31 de decembro. Na área de Santiago hai 114 establecementos adheridos.
A Xunta subvenciona o importe do bono cun 60% do custo, mentres que a persoa usuaria aporta o 40% restante. Unha vez concedido o bono, o beneficiario recibe no seu domicilio unha tarxeta co importe total para gastalo nos establecementos adheridos da súa preferencia. Na Baña, o único dispoñible é A Carballeira do Tambre, apartamentos que veñen de recoller recentemente o diploma SICTED que acredita a calidade turística en destino, un sistema polo que está a apostar o GDR Terras de Compostela coa idea de buscar a máxima satisfacción da clientela e ofrecer un servizo de excelencia e homoxéneo nos nove concellos rurais dos arredores de Santiago nos que traballa.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visitas: 3984
-
Senda circular á beira do río Faílde de 7,5 quilómetros e dificultade moderada
En Galicia, a terra dos mil ríos, a auga moldea as súas verdes paisaxes e está intimamente vencellada ao seu desenvolvemento social e económico. Os cursos fluviais permitiron regar os cultivos, darlle de beber aos animais e aportaron tamén a forza para mover as rodas dos muíños ou alimentar ás chamadas fábricas de luz. A Ruta dos muíños da Baña convídanos a viaxar ao pasado para coñecer a Galicia máis tradicional percorrendo paraxes de gran beleza natural á vez que nos mergullamos na historia e na etnografía do municipio.
Facendo esta ruta circular de 7,5 quilómetros e de dificultade moderada, a persoa camiñante percorrerá unha zona chea de natureza e un anaco de historia do Concello da Baña. Percorrendo o río Faílde visitará un conxunto de 9 muíños tradicionais galegos, fervenzas, montes, escaleiras de pedra, un lavadoiro, e a vella central hidroeléctrica que subministrou luz á capital bañense e ás aldeas próximas a principios do século XX. Unha mestura de arte, historia, natureza e tradición que de seguro será un pracer para os sentidos e unha oportunidade para visitar recunchos de singular beleza próximos á vila da Baña.
O punto de chegada e saída da Ruta dos muíños da Baña é á praza do Concello, fronte a casa consistorial. Dende aquí baixaremos pola rúa Castelao ata a entrada de San Vicenzo, cruzamos o paseo de peóns que está situado sobre a ponte e chegamos ao lugar de Vilariño, onde empezaremos a gozar dos primeiros soutos e carballeiras ata chegar á central hidroeléctrica. As 79 escadas de pedra forman o conxunto máis coñecido do lugar. Continuamos río arriba ata O Barro e, pouco depois, veremos os muíños de Marcelle e cruzamos a primeira das pontellas de madeira sobre unha fervenza singular. Baixamos de novo, agora pola marxe dereita do regato, ata volver á ponte do Barro para dirixirnos de volta a San Vicenzo.
A uns 250 metros atoparemos os dous primeiros muíños. O río tórnase alegre, ruidoso, con distintos saltos de auga e no percorrido da senda poderemos descubrir algunha “bañeira” artificial. Imos xa por enriba dunha antiga levada que abastecía de auga os muíños. Veremos un pequeno bosque de abeneiros no que as cores pardas e a sombra predominan sobre o resto. O río tamén troca e volvese mudo, xerando una zona calma e pacífica. En breves chegaremos á caseta de captación de auga do Concello e xa empezaremos a gozar das fervenzas e saltos de auga que nos levaran ata a antiga minicentral. Zona para gozar dos sentidos e percibir cal sería o seu funcionamento e a importancia na vida da veciñanza do Concello da Baña.
Seguimos o curso do río e comeza unha zona un pouco máis complicada para camiñar, pero apta para todos os públicos, que nos levará a ver unha cascada e o columpio que descobre a gran fervenza do río Faílde. Continuamos gozando das diferentes cores e sons que nos brindan as paisaxes desta ruta, con zonas de fortes correntes, zonas calmas con area, bosques frondosos, pero neste intre son protagonistas os catro muíños que nos quedan por visitar, cada un coa súas particularidades e coa súa pegada na historia deste municipio. O remate deste sendeiro condúcenos xa ata o final desta ruta.
Podes facer a ruta seguindo o track GPX que se descarga no arquivo adxunto.
Historia da minicentral hidroeléctrica situada na Ruta dos muíños da Baña
En 1906 Manuel Gómez Barbeira funda Electra de La Baña S.A. E inmediatamente constrúe a planta a carón do rego do Failde.
Dende esta minicentral subministra luz a capital bañense (San Vicenzo) as aldeas próximas da capital e chagando incluso a zonas do Concello de Negreira.
Funcionou ata o 13 de novembro do 1951, implantando o servizo a Sociedade Xeral de Galicia da recente presa construiía no Tambre e xestionada por Fillos de Plácido Fabeiro S.A.
Na planta bañense traballaba a familia Proupín que era a encargada do correcto funcionamento. Vivían nela e incluso a familia aumentou nela nacendo José Proupin. No parón de produción da enerxía emigraron a Venezuela.
Como dato, en 1933 o kilowatio rondaba as 33 pesetas sen impostos. A xefatura de Industria era a que verificaba e inspeccionaba os contadores e o tendido eléctrico. O tendido eléctrico de Electra La Baña S.A seguía en funcionamento en aluguer á Sociedade Xeral de Galicia.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visitas: 805
- O Concello e a asociación de empresarios A Baña Emprende buscan poñer en valor a importancia histórica e turística do castro da Baña
- Un total de seis grupos participaron no Concurso de Clans
- Xogos populares, mercado de artesanía, unha batalla castrexo-romana ou espectáculos de maxia e musicais completaron o programa
A Baña regresou aos tempos anteriores aos romanos con motivo da primeira edición da Festa Castrexa. Centos de persoas reuníronse durante toda a xornada de hoxe, sábado 21 de maio, para celebrar o pasado bañense e gozar dunha xornada de actividades festivas e culturais, nunha acción que pretende poñer el valor os atractivos turísticos do municipio e, en especial, o seu castro. O evento, organizado polo Concello da Baña e pola asociación de empresarios A Baña Emprende, coa colaboración da Asociación de Mulleres Alborada e da Deputación da Coruña, continúa esta noite con actuacións musicais de primeiro nivel.
Numeroso público xuntouse xa de mañá no castro, situado no alto da parroquia de San Vicenzo da Baña, para asistir á apertura do mercado de artesanía, no que os máis de corenta expositores presentes puideron demostrar en vivo o seu desempeño en diversos oficios tradicionais. A rapazada coñeceu de primeira man como se realiza un traballo arqueolóxico, e os maiores recordaron o labor de trenzado da palla, en dous obradoiros. Á unha, o colaborador do informativo humorístico da TVG 'Malicia Noticias' Pepe Capelán, encargouse de abrir a programación festiva co pregón, destacando que “esta é a primeira festa castrexa destas características que se celebra en toda a provincia”.
O alcalde da Baña, Andrés García, manifestou que esta iniciativa responde ao desexo de “poñer en valor o noso patrimonio” e agradeceu “o traballo desenvolvido tanto dende o consistorio como dende a asociación A Baña Emprende na organización da festa e na recuperación dun espazo singular como o castro da Baña”. Trátase de aproveitar este elemento patrimonial singular para captar visitantes interesados no pasado e na cultura, engadindo un atractivo máis á oferta natural e gastronómica coa que conta o municipio.
A festa estoupou a mediodía coa celebración da sesión vermú. O grupo Minguante amenizou os instantes previos á comida; a Festa Castrexa contou cunha abondosa oferta gastronómica para que ninguén quedase con fame de cara a afrontar as actividades da tarde, que comezarán coa simulación dunha batalla entre castrexos e romanos.
A tarde proseguirá con xogos populares destinados aos castrexos e castrexas de menor idade. Ademais de gozar con entretementos tradicionais como os zancos ou as carreiras de sacos, puideron organizar partidas arqueolóxicas para descubrir un tesouro ou aprender a fabricar xerros de arxila ou trísceles, o símbolo polo que se coñece mellor a cultura castrexa. A media tarde actuou o mago José Benigno, “o ilusionista xalleiro”, que deu paso a unha sesión de música popular a cargo dos Gaiteiros da Baña.
O concurso de caracterización castrexa foi un dos momentos máis importantes da Festa. Durante toda a xornada puideron verse pola Baña un total de seis clans vestidos con todos os atributos propios da época: personaxes vestidos de época, lanzas e abalorios deron lustre á celebración, transportando a localidade a unha época pasada hai máis de dous mil anos. No certame o clan mellor caracterizado e o máis diverso recibiron un premio de 200€, mentres que o máis numeroso foi agasallado cunha cea no propio recinto da festa.
A festa segue esta noite coa actuación ás 21h. do grupo vocal De Vacas, un dos máis singulares e destacados da música galega actual grazas á súa mestura de folk, pop e jazz. Ás 22h. está previsto un espectáculo do Bruxo Queiman, que dará paso á festa rachada que habitualmente despregan nas súas actuacións os Festicultores.
Podes ver as fotos da xornada en Facebook: (Preme aquí)
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visitas: 728
-
A marcha, na que participou unha ducia de bañenses, coincidiu coa segunda etapa da ruta posxacobea organizada polo Concello de Zas
-
Os camiñantes percorreron algo máis de 25 quilómetros en 5 horas
O Concello da Baña organizou o pasado sábado, 28 de maio, unha andaina que tivo por obxecto potenciar e reivindicar o Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil ao seu paso polo municipio bañense. É fíxoa coincidir precisamente coa 2ª etapa da andaina do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, organizada polo Concello de Zas; etapa que, partindo de Negreira, transcorreu un bo tramo polo municipio da Baña ata a súa chegada á ponte de Brandomil, xa no concello de Zas. En concreto, os lugares bañenses polos que transita esta antiga ruta peregrina son San Cibrán, Barcala, Ordoeste, Corneira e A Riba.
Ao redor dunha ducia de bañenses sumáronse á veciñanza de Zas que está a percorrer as catro etapas desta ruta (de 86 quilómetros en total) ao obxecto de apoiar e reivindicar a oficialidade deste Camiño como ruta posxacobea. Unha ruta histórica, que cómpre subliñar, foi escollida antigamente por milleiros de peregrinos como un dos camiños máis directos entre Compostela e Muxía.
Así, os camiñantes percorreron un total de 25,4 quilómetros a máis de 30 grados de temperatura e en pouco máis de cinco horas.
O Concello da Baña quere agradecer ao Concello de Zas, á Fundación Brandomil e a Protección Civil de Zas a súa colaboración e a súa implicación. Tamén fai extensivo o seu agradecemento ao supermercado Claudio da Baña que contribuíu ao avituallamento dos participantes bañense na andaina.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visitas: 894
O Concello da Baña vén de facer públicas as bases do Concurso de clans castrexos da I Festa Castrexa 2022, no que se premiará o mellor clan caracterizado, o máis numeroso e o máis diverso. O certame é un dos puntos fortes do programa da festa, que terá lugar o sábado 21 de maio no lugar do Castro.
Os participantes no concurso deberán vestir acorde á temática da festa: casaca e pantalón de liño, capas con pel, calzas de coiro con calcetíns de la... Ademais, cada clan estará identificado cun nome (que deberá constar no momento da inscrición) e portará un estandarte identificativo que os represente.
Hai en xogo premios en metálico, con 200€ para os vencedores nas categorías de clan mellor caracterizado e máis diverso; e tamén unha cea por valor máximo de 200€ para o clan máis numeroso, para desfrutar no recinto da feira castrexa no mesmo día.
Canto a número mínimo de participantes, con dúas persoas será suficiente para optar á modalidade de clan mellor caracterizado, mentres que os máis numerosos deberán superar os 9 integrantes. Por último, a categoría de máis diverso estará composta por un mínimo de 8 persoas que han de ser diversas en idade (avós e netos, por exemplo). As persoas participantes poderán presentarse a distintas categorías.
Aquelas persoas que desexen participar no Concurso de clans castrexos deberán cubrir a ficha de inscrición anexa nesta nova e enviala por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou ben entregala nas oficinas do Concello. Así mesmo, os participantes menores de idade achegarán unha autorización de participación asinada pola nai, pai ou titor/a legal.
As bases do concurso, a ficha de inscrición e a autorización para menores de idade poden descargarse nos arquivos adxuntos.