• Deberán adquirir a tarxeta Xente Nova nunha oficina de Abanca

  • A medida entra en vigor o vindeiro venres 21 de maio

20210513 tarxeta nova

As persoas menores de 21 anos poderán utilizar de forma gratuíta o transporte público en Galicia desde o vindeiro venres 21 de maio. Para iso, deben dispoñer dunha tarxeta Xente Nova que poderán adquirir en calquera das oficinas de Abanca ubicadas nas catro provincias galegas e que lles permitirá realizar ata sesenta viaxes interurbanas de balde ao mes.

A Xunta estende así os beneficios dun dispositivo que ata o de agora podía empregarse só nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en trece concellos da área de Pontevedra. A tarxeta serve para viaxar de balde tanto no autobús, como no barco da ría de Vigo e no ferrocarril de vía estreita da zona de Ferrol.

Unha vez adquirida a tarxeta, a mocidade pode comezar a utilizala cargándoa cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes. O importe seralles reintegrado logo no mesmo dispositivo. A web www.bus.gal permite consultar toda a información sobre o dispositivo e as súas vantaxas, o listado das sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello.