A Xunta de Galicia abre ata o 5 de decembro o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición do programa Xuntos polo Nadal, destinado ás ás persoas maiores de 60 anos que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.
A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, oferta un total de 540 prazas, da que 280 son na residencia de tempo libre do Carballiño (para as persoas solicitantes da Coruña e de Lugo) e 260 na de Panxón, en Nigrán (para solicitantes de Pontevedra e Ourense).
Xuntos polo Nadal levarase a cabo entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, en dúas quendas de oito días cada unha: a primeira, do 23 ao 30 de decembro; a segunda entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro.
O programa inclúe de xeito totalmente gratuíto un completo programa de actividades e a estancia na residencia durante 8 días (7 noites), con aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa. O aloxamento en cuartos individuais terá carácter excepcional, require que a necesidade figure debidamente acreditada e, en todo caso, estará suxeito á dispoñibilidade.
Tamén inclúe o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre e viceversa. Porén, os gastos de desprazamento desde o domicilio ata o lugar de saída que se indique serán por conta da persoa participante. A saída dende os puntos de orixe establecidos realizarase o dia 23 de decembro pola tarde e o regreso o dia 30 de decembro pola mañá na primeira quenda, e o 31 de decembro pola mañá e o regreso o 7 de xaneiro pola mañá na segunda quenda.
Para beneficiarse de Xuntos polo Nadal é preciso ter 60 ou máis anos, estar empadroado nalgún concello galego, vivir só/a no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal e valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía. Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos, teñan máis idade, teñan un menor nivel de ingresos económicos e non participaran no programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.
As solicitudes, acompañadas do informe social e da declaración responsable, formularanse nos modelos establecidos ao efecto e estarán debidamente cubertas e asinadas pola persoa que corresponda. Estes impresos están á disposición das persoas interesadas na páxina web https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2022
As solicitudes poderanse presentar ata o 5 de decembro (incluído) nos servizos sociais comunitarios dos concellos, nos departamentos de traballo social dos centros de saúde ou hospitais, nas xefaturas territoriais ou centros socio comunitarios dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude; ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 16,4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Común das Administracións Públicas.
As persoas ás que se lle adxudique praza terán que confirmar a súa asistencia e, no momento de incorporarse ao programa, ir provistas de:
- DNI ou pasaporte en vigor.
- Informe médico actualizado no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira de algunha atención especial (control sanitario, tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual...). De non levar a acreditación da necesidade, non se lle prestará ningún tipo de atención especial.
- Tarxeta sanitaria, medicación habitual necesaria e/ou accesorios para o transcurso da estadía.
- Roupa cómoda.
Para mas información pódese consultar a páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude neste enlace ou dirixirse a:
- A Consellería de Política Social e Xuventude Subdirección Xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Socio-sanitaria. Edificio Administrativo San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela, Tlfno.: 981 547437/ 881 995993, correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., teléfono Social: 900 333 666 (gratuíto).
- A Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude Servizos de Dependencia e Autonomía Persoal. Rúa Concepción Arenal, 7-9. 15006 A Coruña. Teléfono: 881881528, Rúa Serra de Ancares, 68 baixo. 27003 Lugo, Teléfono: 982294051
- Os Centros Socio comunitarios da Consellería de Política Social e Xuventude
- Servizos Sociais Concello da Baña, previa cita no teléfono 981 886 501.