• O alcalde subliña que o informe da Xunta non é unha aprobación, porque está condicionado a que se cumpran os requisitos que figuran no documento publicado no DOG //

Os técnicos municipais do Concello da Baña están a analizar en profundidade o informe de 31 páxinas coa declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, relativa ao proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e de Val do Dubra. A devandita declaración saíu publicada o xoves, 15 de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG). O informe íntegro pode descargarse dende a páxina da Consellería (neste enlace) ou  dende o arquivo adxunto.

O alcalde, Andrés García Cardeso, subliña que o informe da Xunta non representa unha aprobación formal do mesmo, senón que a súa aprobación está supeditada a que se cumpran os condicionados que figuran ao longo do documento. García Cardeso remarca que “na declaración de impacto ambiental, A Xunta requírelle á empresa unha serie de documentación e cambiar moitos puntos do proxecto inicial, polo que a aprobación da devandita declaración está condicionada a que se cumpran todos eses puntos”, indica o alcalde.

Na declaración publicada no DOG, a Dirección Xeral resolve “formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico de Vilartoxo, considerando que o proxecto, segundo a documentación aportada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo dese documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto” nesta declaración de impacto ambiental.

Na mesma resolución, a Xunta establece que “ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas” no documento, “se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos”.

Por outra banda, lembrar que ata o vindeiro 30 de decembro pódense presentar alegacións ao anuncio de solicitude pública, e a conseguinte necesidade de urxente ocupación, do proxecto do parque eólico de Vilartoxo. Aquelas persoas que o desexen poden descargar da web municipal a alegación tipo que o Concello da Baña pon a disposición da veciñanza.

  • As persoas interesadas teñen de prazo ata o 30 de decembro para presentar obxeccións

  • O DOG publicou o 16 de novembro o anuncio de exposición pública do proxecto

O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación ao parque eólico de Vilartoxo para que as persoas interesadas que o consideren oportuno poidan presentar as súas obxeccións. Compre lembrar que o prazo para presentar alegacións rematará o 30 de decembro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado mércores 16 de novembro, o anuncio do acordo da Xefatura Territorial da Coruña polo que se sometía a información pública a solicitude de utilidade pública, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación do proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e de Val do Dubra. Tamén facía público a listaxe de persoas propietarias de bens afectados.

No portal de transparencia da Xunta neste enlace, as persoas interesadas poden consultar o estado actual do proxecto, en fase de envío de suxestións, así como o plano xeral e os planos individuais dos predios afectados polo proxecto.

De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.

O modelo de alegacións pódese descargar no arquivo adxunto

 

  • O obxectivo é paliar o trazado sinuoso deste tramo da AC-406 para favorecer a conducción

  • O contrato supón un investimento de 18.000 euros

A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da AC-406 que une Santa Comba con Portomouro, no treito situado entre Paramos e Faílde ao seu paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña.

Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, nunha reunión de traballo que se desenvolveu esta mañá e na que tamén participaron a alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose; o rexedor de Val do Dubra, José Manuel Varela; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. 

O contrato de redacción do proxecto, que foi adxudicado á empresa Vivero de Soluciones para la Ingeniería por un importe de máis de 18.000 euros, ten como obxectivo definir as actuación necesarias para mellorar o trazado dun treito de 3,7 quilómetros da AC-406, entre Paramos e Faílde, para incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade nesa zona.

En concreto, intervirase nun treito sinuoso comprendido entre os puntos quilométricos 18+700 e 22+400 coa idea de favorecer a condución das persoas que se desprazan entre a contorna de Santa Comba e Santiago de Compostela.

Con esta actuación, a Xunta daralle continuidade ao treito xa en servizo entre Abuín e o parque empresarial de Santa Comba, obras nesta mesma estrada AC-406 que supuxeron un investimento autonómico de 3,21 M€. A reunión desta mañá tiña precisamente como fin darlle pulos ao plan estratéxico en infraestruturas para A Baña, Val do Dubra e Santa Comba. 

  • Convidan á veciñanza e ao tecido social, económico e asociativo do municipio a participar na reunión do 17 de novembro para debater e propoñer actuacións //

  • O obxectivo da estratexia ‘Aquí vives, ti decides’ é dar respostas ás necesidades do territorio e impulsar o potencial local //

20221111 Proceso Participativo TdC ABana Pgina 1O Concello da Baña xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela están a traballar na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local  Participativo Leader para o período 2023-2017. O obxecto desta estratexia, que se presenta baixo o lema Aquí vives, ti decides, é o de dar resposta ás necesidades do territorio e impulsar o potencial local. Para elo, están deseñando un proceso participativo aberto a todas as institucións, axentes económicos e sociais, tecido asociativo e veciñanza dos nove municipios que conforman o GDR Terras de Compostela (A Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Val do Dubra e Vedra) que estean interesados en propoñer actuacións e debater en torno á futura Estratexia de Desenvolvemento Local.

Neste senso, o Concello da Baña e o GDR Terras de Compostela convidan a toda a veciñanza, asociacións e empresas que o desexen a asistir á reunión prevista para o xoves, 17 de novembro e participar no proceso de planificación da estratexia. A reunión terá lugar na Casa da Cultura da Baña ás 19.30 horas.

Todas aquelas persoas ou colectivos que non poidan asistir de xeito presencial, pero que queiran colaborar, poderán facelo cubrindo a enquisa que atoparás nesta ligazón aportando as súa opinión ou formulando as súas inquedanzas.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos da Axencia do Desenvolvemento Local do Concello da Baña  981 886 501 ou 682 859 367

  • Acometerá tamén unha ramificación desta rede troncal nos vindeiros meses //

  • O Concello está a buscar terreos para a construción de dúas torres de cobertura móbil en Valiña e Vigobó //

  • O goberno bipartito ponse como obxectivo prioritario que a fibra óptica chegue canto antes a todos os fogares da Baña //

O compromiso do Concello da Baña de pór á súa disposición todas as infraestruturas necesarias para desenvolver os traballos no menor tempo posible, permitiu que o operador neutro de telecomunicacións galego Rede Aberta estea nestes momentos a despregar unha rede ultrarrápida de fibra óptica nos lugares limítrofes ou que están próximos á estrada AC-444 que une Negreira con Santa Comba.

Esta primeira fase, que se desenvolve durante os meses de febreiro e marzo, supón en concreto o despregamento dunha rede troncal de fibra óptica por San Mamede, Duomes, Ceilán, Nantón, San Vicenzo, Guende, Xasoso, Salvande, Fampousa, Canlís, Vilarnovo, Señor, Castro, Vesía, Liñares, San Salvador, Paredes, Barro de Abaixo, O Sino, Barro de Arriba e O Campo.

Así mesmo, e sempre que as infraestruturas existentes o permitan, Rede Aberta ten previsto acometer nos vindeiros meses unha ramificación desta rede troncal que dará servizo aos lugares de Buchaín, Lañas, Vilar da Torre, Valiña, Castro, Meimendre, Prousor, Mundrís, Guimaráns, Cabanas, Cantalarrana, Marcelle, Quinteiro, Vilar, Suevos, Cruz, Faxín e Reguengo.

Unha vez rematados estes traballos, Concello e empresa reuniranse novamente para analizar a posibilidade de darlle cobertura ás chamadas zonas brancas, é dicir, aquelas que non están recollidas nos distintos plans de telecomunicacións tanto estatais como autonómicos. Nestes momentos, localízanse zonas brancas en San Xoán da Riba, Ferreiros, Folgueira, Vilanova, Ordoeste, Ceilán, Xanín, Valiña, Prousor, Guimaráns, Cabanas, Fiopáns, Vilacoba, Quintáns e Vilela.

Ao respecto cabe subliñar que, en relación á cobertura móbil, a Xunta de Galicia inclúe nas súas liñas de actuación os núcleos de Valiña e Vigobó. Por este motivo, o Concello da Baña púxose en contacto coa empresa adxudicataria do servizo e está a buscar os terreos máis acaídos para a construción de torres en ambos os dous lugares que darán cobertura nun amplo radio de acción e que tamén ofrecerán a posibilidade de contratar nesas zonas o servizo 4 G na casa.

En España é o Goberno central a administración competente en materia de telecomunicacións e tamén quen conta actualmente co maior número de fondos europeos para o financiamiento de iniciativas que incrementen a cobertura no territorio. Grazas a eles impulsa o Plan Único que, na súa convocatoria de 2021, incluíu actuacións na Igrexa, no Pazo, Guimaráns, Vilacoba, Vilanova, Vilela e Folgueira. O prazo de execución remata o 31 de decembro de 2023.

Por outra banda, tanto o Goberno de España (co Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración) e a Xunta de Galicia (co Plan de Banda 2020) financiaron o despregamento de fibra óptica en distintos núcleos bañenses. Xa cubertos, co programa autonómico, quedaron os de Nantón e Lañas. As outras actuacións que debe desenvolver Telefónica, neste caso co apoio estatal, afectan aos núcleos de Ferreiros, Estivadiña, Barro de Abaixo, Xasoso, Vilarnovo, Vilariño, Vilar de Suso, Vilar, Vesía, Trece, Tarroeira, Seoane, Señor, San Xoán, San Salvador, San Cibrán, Rial, Reguengo, Ponte Corneira, Piolla, Paredes, Outeiro (Corneira), Outeiro (Marcelle), Liñares, Guende, Francos, As Foxas, Ferraces, Faxín, Fampousa, Faílde, Ermida, Cruz, Corneira, Choupana, Chantada, Castro, Canlís, Barro de Arriba, Barreiros, Agramaior e San Vicenzo. O Goberno de España prolongou o prazo de execución, previsto para o periodo 2020-2022, durante un ano máis.