20190531 Futbol Sala

 20390531 ALI3895Un grande ambiente reinou esta tarde no polideportivo de San Vicenzo nas exhibición de clausura das escolas deportivas municipais da Baña. Amigos e familiares animaban e aplaudían desde as bancadas do polideportivo, mentres os nenos e nenas practicaban e demostraban todo o que melloraron durante o presente curso escolar nas actividades promovidas polo Concello da Baña.

As escolas deportivas da Baña contaron este ano cunha trintena de nenos e nenas de 4 a 12 anos, que estiveron aprendendo, mellorando e perfeccionando os seus coñecementos en patinaxe, baile moderno, fútbol sala, baloncesto e tenis de mesa. Durante a clausura desta tarde, as nenas de patinaxe fixeron unha exhibición das súas habilidades antes de que se disputase un partido de baloncesto e, despois, dous de fútbol sala, mentres os seus compañeiros xogaban ao tenis de mesa. Precisamente, nesta disciplina, nenos e maiores puideron probar como se xoga ao ping pong. 

Diferentes coreografías de baile moderno puxeron fin a exhibición, antes de que a cativada puidese gozar cos inchables que se montaron no polideportivo de San Vicenzo. Algúns xa están agardando a que pase o verán para poder seguir practicando o seu deporte favorito.

Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 20190531 ALI3888

20190523 Cartel

 

A Concellaría de Xuventude e Deportes do Concello da Baña ten programadas diferentes exhibicións para clausurar as escolas deportivas municipais. As actividades desenvolveranse o venres, 31 de maio, a partir das 17.30 horas no polideportivo municipal da Baña.

A partir desa hora, os nenos e nenas poderán gozar cos inchables e demostrar as súas habilidades nun circuito de patinaxe, tenis de mesa, fútbol sala, baloncesto, aero-zumba-step ou baile moderno.

Durante a tarde, monitores e responsables da concellaría facilitarán información ás familias sobre as actividades programadas para as escolas deportivas do vindeiro curso escolar 2019-2020.

20181230 Manzaneda

 

A Deputación Provincial da Coruña pon en marcha a Campaña de Inverno 2019 para que nenos e nenas de 11 a 15 anos da provincia goces de catro días na neve, concretamente na estación invernal de Cabeza de Manzaneda. No caso dos menores do concello da Baña, o prazo asignado é do 25 ao 28 de xaneiro.

Os interesados en participar deberán anotarse antes do 10 de xaneiro cubrindo o formulario de inscrición que se atopa ao final desta nova, que deberá ir asinado pola nai, pai ou titor, acompañado dunha foto carné, e fotocopia da tarxeta sanitaria e DNI ou libro de familia. A cota para participar é de 85 euros. Poden participar todas as persoas que teñan cumpridos entre 11 e 15 anos, ambos inclusive, o 31 de decembro de 2018.

A inscrición permite gozar de 4 días na estación invernal de Cabeza de Manzaneda (Ourense), entrando o venres pola mañá e regresando á casa o luns despois de comer. A cota de inscrición inclúe transporte, estadía e manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

Dende a Deputación da Coruña recomendan aos participantes levan guantes, gorro, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, equipamento deportivo, chuvasqueiro e roupa interior e de aseo axeitada. O listado completo pódese consultar no boletín de inscrición.

 

Attachments:
Download this file (Inscricion_Cabeza_Manzanedav02.pdf)Inscrición Cabeza Manzaneda 2019[ ]978 kB

CARTEL BTT 19

O Concello da Baña e o Club Ciclista de Negreira abren o prazo de inscrición para a terceira edición da Ruta BTT Filloa da Pedra. A celebración da proba será o domingo 17 de marzo. O éxito das últimas edicións, ás que acudiron máis de 70 ciclistas de toda Galicia, fai augurar unha divertida xornada de deporte nas fermosas paisaxes da comarca da Barcala.

Os participantes sairán da Praza do Concello da Baña ás dez da mañá para facer un dos dous percorridos propostos pola organización. O primeiro consta duns 32 quilómetros, mentres que o máis longo chega aos 42, pasando por pistas forestais que presentan unha dificultade técnica media. Poden participar ciclistas maiores de 15 anos, estean federados ou non; neste último caso tramitarase coa Federación Galega de Ciclismo unha licenza dun día para cubrir o seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Ao longo da xornada, os ciclistas atoparán puntos de avituallamento no quilómetro 20 (sólido e líquido) e no 30 (unicamente líquido). A chegada será no mesmo punto da saída.

O prazo de inscrición remata o xoves 14 de marzo. Para participar hai que cubrir o formulario habilitado ao efecto na páxina web municipal (www.concellodabana.gal) e aboar unha cota de 5€ (máis 10€ para a licenza temporal para os non federados) na conta bancaria indicada no regulamento, que está publicado tamén na web.

20181204 Cros ABaña PodioAlevinFeminino

Máis de 800 deportistas en idade escolar participaron esta mañá na fase zonal do campionato escolar de cros, que se celebrou na Baña. Mozos e mozas de once colexios da contorna competiron no circuíto habilitado xunto ao CEIP San Vicente para se clasificaren para a fase intercomarcal, que se celebrará en Porto do Son o día 25 de xaneiro.

Nunha mañá na que a choiva deu tregua, as xoves promesas do atletismo campo a través competiron nunha proba organizada pola concellería de Xuventude e Deporte da Baña, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Atletismo, a través da Agrupación Deportiva Escolar Escolarix. Dos preto de 800 corredores, 64 conseguiron a clasificación directa para o intercomarcal, cinco deles da Baña.

Foi moi meritoria a participación de atletas locais. Noelia Carnota Fernández e Rosalía Rodríguez Caven subiron aos podios cadete e alevín respectivamente. A elas súmanse Enma Pazos Gómez (benxamín), Hugo Vázquez Peillet (alevín) e Adrián Balboa Tomé (cadete), para representar á Baña no intercomarcal despois de se teren clasificado entre os oito primeiros postos, os que daban acceso á seguinte fase do campionato.

Os centros educativos que participaron na proba son o CPI de San Vicente (A Baña); CPI de Zas; CPI A Picota, CEIP Pino de Val e CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos); Xuventude Dubresa, CEIP Xacinto Amigo e CPI de Bembibre (Val do Dubra); IES Ames e CEIP Barouta (Ames) e o CEIP O Coto (Negreira).

Podes ver as imaxes da xornada neste album de fotos no Facebook Concello da Baña e neste vídeo.

 

As gañadoras e gañadores das distintas categorías foron os seguintes:

Benxamín feminino:

  • Claudia Bar Mallo (CEIP Xacinto Amigo)
  • Alba Noya Fernández (CEIP O Coto)
  • Daniela Barbazán García (CEIP O Coto)

Benxamín masculino:

  • Rodrigo Ordóñez Espasandín (CPI de Bembibre)
  • Aitor Aran Martínez (CPI A Picota)
  • Yago Vieito López (CEIP O Coto)

Alevín feminino:

  • Alba Forján Costa (CEIP O Coto)
  • Ada Gramage Riveiro (CPI de Zas)
  • Rosalía Rodríguez Caven (CPI A Baña)

Alevín masculino:

  • Rubén Rama Seoane (CEIP Barouta)
  • Mauro Torreira González (CEIP O Coto)
  • Bilal Kouaou (CEIP O Coto)

Infantil feminino:

  • María Fernández Martínez (IES Ames)
  • Sara Fernández Romar (CPI A Picota)
  • Irene Rodiles Lago (IES Ames)

Infantil masculino:

  • Daniel Forján Costa (CEIP O Coto)
  • Nicolás Pais Mosquera (IES Ames)
  • Enrique Zarra Sabarís (IES Ames)

Cadete feminino:

  • Rosana Fernández Martínez (IES Ames)
  • Noelia Carnota Fernández (CPI A Baña)
  • Uxía Fernández Blanco (IES Ames)

Cadete masculino:

  • Antón Aranda Fernández (IES Ames)
  • Pablo Míguez Rodríguez (CPI de Bembibre)
  • Álvaro Suárez Castiñeira (CPI de Zas)