- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1882
Psicomotricidade, patinaxe artística, xadrez, tiro con arco e karate son as novidades que ofrecen este ano as escolas deportivas municipais que promove a Concellaría de Deportes da Baña para os nenos e nenas que queiran facer deporte. Ademais, tamén poderán aprender ou perfeccionarse en fútbol sala, baloncesto, baile moderno, pilates ou tenis de mesa. A ficha de inscrición para as actividades do curso escolar 2019-2020 e o documento de domiciliación da cota figuran nos documentos adxuntos.
As persoas interesadas deberán inscribirse na Concellería de Deportes da Baña, nas dependencias municipais, dende o luns, día 16, ata o venres 20 de setembro. Unha vez cubertos debense entregar nas oficinas municipais, ben presencialmente ou a través da sede electrónica (neste enlace).
O alumnado do CPI San Vicente xa puido coñecer algunhas destas disciplinas nas xornadas de portas abertas que se realizan esta semana no polideportivo municipal, e que contaron con bastante asistencia.
No caso de psicomotricidade, esta actividade ofrécese nova este curso e está dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos e desenvolverase no ximnasio do CPI San Vicente os luns e xoves de 15.30 a 16.30 horas. Para levala a cabo será necesario conformar un grupo mínimo.
Excepto xadrez (luns), baloncesto (martes), karate (xoves) e tiro con arco (sábados), as demais disciplinas terán dúas sesións semanais, segundo os horarios que se poden consultar no arquivo adxunto e que se reproducen a continuación.
Xadrez: luns (14.30-15.30)
Patinaxe artística: luns e xoves (15.45-16.45)
Psicomotricidade, no ximnasio do colexio: Luns e xoves (15.30 a 16.30)
Fútbol sala: martes e venres (15.45-16.45)
Tenis de mesa, que se practicará no ximnasio do colexio: martes e xoves (16.00-17.30)
Baloncesto: martes (17.00-18.00)
Baile moderno, no ximnasio do colexio: Martes (19.00-20.00) e xoves (18.30-19.30)
Pilates: martes (20.00-21.00) e xoves (19.30-20.30)
Kárate, no ximnasio do colexio: xoves (17.00-18.00)
Tiro con arco: sábado, 11.00-13.00
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1331
A Concellaría de Xuventude e Deportes da Baña organiza mañá e pasado, días 12 e 13 de setembro, dúas xornadas de portas abertas nas que os nenos e nenas poderán coñecer a oferta das escolas deportivas municipais para o presente curso escolar.
Dende as 15.45 horas do xoves, día 12, nenos e nenas poderán practicar baloncesto, patinaxe artística (17.00 h) e pilates (19.30 h).
O venres, día 13, poderán xogar a tenis de mesa (15.45 h), fútbol sala (17.30 h), tiro con arco (18.30 h), xadrez (19.00 h) e baile moderno (19.30 h).
Coa finalidade de que a cativada poida inscribirse no deporte que máis lle guste, o venres estarán xa postos os días e horarios nos que se ofrecerá cada modalidade.
A vindeira semana, de luns 16 ata o venres 20, estará aberto o prazo de inscrición nas dependencias municipais.
Estas actividades darán comezo o luns, 23 de setembro.
Ademais das escolas deportivas, o Concello da Baña ofrecerá tamén este ano clases de robótica e informática, así como a ampla oferta da Escola Municipal de Música.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1077
Un ano máis, O Concello e a SD A Baña organizan o xa tradicional Torneo de Fútbol Base nas categorías benxamín e alevín, baixo a modalidade de fútbol 8. A sexta edición do campionato celebrarase o sábado 7 de setembro no Campo municipal de Cartas e comezará ás 9.00 horas. Os equipos participantes deste ano son as SD A Baña, SD Tordoia, SD Dubra, AD Nicrariense, SD Negreira e os Noia CF e Xallas CF.
O vindeiro sábado 7 de setembro o fútbol convertirase no protagonista indiscutible do Concello da Baña. A SD A Baña, xunto coa colaboración co Concello, organiza un ano máis o seu xa tradicional Torneo de Fútbol Base nas categorías benxamín e alevín, baixo a modalidade de fútbol 8. O lugar da celebración será o Campo municipal de Cartas, igual que en ateriores edicións, do mesmo xeito que tamén comezará ás 9.00 horas.
Nesta ocasión, os equipos que competirán por ser os campións do VI Torneo de Fúbol Base da Baña serán as SD A Baña, SD Tordoia, SD Dubra, AD Nicrariense, SD Negreira e os Noia CF e Xallas CF.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1345
O Concello da Baña e o Grupo de Trail e Montaña (GtraM) Val de Barcala xa teñen todo preparado para celebrar unha nova edición do CMP Trail o vindeiro domingo, 6 de outubro. Tras o éxito acadado o ano pasado co patrocinio da marca italiana CMP con 300 participantes, esta carreira de montaña contará cunha distancia de 26,5 quilómetros e incluirá a categoría de Mini Trail (17 km), ademais de dúas andainas non competitivas de 16 e 10,5 km. A inscrición poderase facer a través da web emesports.es ata as 23.59 horas do xoves, 3 de outubro.
Nesta cuarta edición do Trail da Baña, a segunda patrocinada por CMP, a proba mantén as características de anos anteriores e contará con dúas distancias: haberá un percorrido de 26,5 quilómetros, cun desnivel de 780 metros positivos; e outro de 17, con 500 metros de subida. Quen o prefira, tamén poderá percorrer os montes da bisbarra da Barcala participando nas andainas non competitivas proTrail (16 km) e amateur (10,5 km).
A inscrición na proba de 26,5 quilómetros custa 15€, mentres que a de 17 quilómetros custa 10. Para participar en calquera das dúas categorías da andaina hai que aboar 5€. A idade mínima para participar é de 16 anos para todas as categorías, nas que os menores de idade necesitan consentimento paterno firmado e no caso da andaina Amateur, terán que ir acompañados dun titor. A inscrición xa está aberta e pode facerse a través da web emesports.es ata as 23.59 horas do vindeiro xoves, 3 de outubro.
Corredores de renome como Pedro Nimo e Alberto Carou participaron na anterior edición da carreira, na que Víctor Cousillas, María Fabeiro, Moisés Bereijo e Vanesa Mella se fixeron coas victorias das diferentes modalidades.
Gráficas Esteiro (Santiago), Deportes P. Alvite (Santa Comba), Talleres Baleato (Val do Dubra), Coca Cola, e emesports.es patrocinan esta actividade que se está a converter nun referente galego das cada vez máis populares carreiras de montaña.
Unha trintena de persoas clausuran na Baña a iniciativa ‘Verán no Tambre’ coa ruta pola beira do río
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1198
Na área recreativa de Fiopáns, ao carón do río Portalaxe, Francisco González, o técnico de turismo dos concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra, explicáballe á trintena de persoas que o sábado madrugaron para facer deporte, o que se ían atopar na ruta de sendeirismo coa que remataba a iniciativa ‘Verán no Tambre’, e que permitíu durante tres sábados coñecer algúns dos segredos que agocha este río nos tres concellos. Para o mes de setembro haberá algunha ruta máis pola zona, anunciaba Francisco González, que está a desenvolver o seu traballo grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.
O percorrido comezou atravesando A Pontella, unha vella ponte de pedra sobre o río Portalaxe “que ten máis de cen anos de antigüidade”, explicou González, que anunciou que carballos e ameneiros serían as principais especies que se verían no percorrido. Entre a fauna da zona, a troita é a máis abundante, aínda que o sábado non se deixou ver ningunha. Durante a ruta, que ten pouco máis de cinco quilómetros río arriba dende Fiopáns, os e as camiñantes cruzáronse con algúns pescadores no Tambre, que polo que comentaron, tiveron pouca sorte.
Un dos atractivos da ruta é o carballo de Cancello, “que ten 6 metros de diámetro e está considerado un dos máis grandes de Galicia”, explicou Francisco González aos asistentes. Na camiñada, os participantes puideron comprobar os danos do último temporal na zona, que tirou algúns árbores sobre a ruta.
Tras pasar fronte a área recreativa de Ponte Maceira, os camiñantes chegaron á ponte de Portochán, que une A Baña co concello de Ames. “Río arriba poderíamos chegar ata Portomouro, pero este tramo está sen sinalizar”, explicaba o técnico de turismo, polo que os participantes na ruta volveron percorrer o mesmo treito ata Fiopáns, onde o Concello da Baña acondicionou unha área recreativa grazas a que os veciños lles venderon os terreos. “Os intentos para facer unha praia fluvial na zona non tiveron éxito, ao non conseguir os permisos necesarios”, explicou González.
Entre os participantes nesta terceira ruta de ‘Verán no Tambre’ atopábanse o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e o ex rexedor de Val do Dubra, Antonio Negreira. Precisamente, ao rematar o percorrido, Antonio Negreira agradeceu publicamente o traballo desenvolvido por Francisco González “deseñando tres rutas que nos permiten coñecer un pouco máis a nosa zona”, sinalou Negreira. Un agradecemento que corroboraron os presentes cun aplauso.
Tres rutas formaron parte da iniciativa ‘Verán no Tambre’ na que participaron un total de 150 persoas e que comezou o 3 de agosto coa ruta dos 3 pazos, un percorrido de 15 quilómetros por Negreira que continuou a semana seguinte coa ruta do Remuíño, en Val do Dubra, con saída no colexio de Portomouro.
Para o outono, e antes de que remate a súa estadía nos tres concellos, Francisco González anunciou outra ruta para seguir coñecendo os segredos da comarca.
As fotos da xornada están na páxina de Facebook do Concello da Baña.