• Entre as actividades que desenvolven atópanse exercicios para fomentar o benestar corporal, o coidado do horto e diversos obradoiros //

  • Combaten a abafante calor destes días na piscina e con xogos de auga //

Máis de medio cento de rapazas e rapaces da Baña participan nestes días no campamento urbano de conciliación que o Concello pon en marcha durante as vacacións escolares nas instalacións de Agra de Chans. Exercicios de benestar corporal, traballos no horto e en distintos obradoiros foron algunhas das moitas actividades que desenvolveron os pequenos, que están a combater a vaga de calor con baños na piscina municipal e con xogos de auga.

Nenas e nenos participantes comezaron o campamento de verán da Baña elixindo nome, canción e lema para identificar o seu grupo e fóronse familiarizando nos primeiros días coa piscina e co horto escolar, ademais de facer unha plantación de herbas aromáticas na área recreativa de Agra de Chans.

Entre as rutinas diarias destaca o programa Actívate desenvolvido a primeira hora da mañá e co cal, por medio de exercicios musicais, mindfulness básico e ioga, incorporan hábitos para fomentar a conciencia corporal e o benestar físico. Asimesmo, están a traballar con outros conceptos integrados na axenda 2030 como a sosteniblidade, a saúde ou a igualdade de xénero.

As actividades complétanse con obradoiros, entre eles o que desenvolveron con Vella Escola centrado na creación de camisetas, rap e beat boxing. E, para loitar contra a abafante calor destes días, nada mellor que divertidos xogos de auga.