O Concello da Baña celebrará este domingo o Día Mundial contra a Violencia de Xénero con actos para público de todas as idades no centro social e da terceira idade. Obradoiros para os máis novos, teatro, un magosto e un photocall contra a violencia de xénero desenvolveranse a partir das cinco da tarde.
O acto principal será unha concentración de quince minutos na praza do concello en repulsa contra a violencia de xénero na que participarán representantes da Corporación municipal e veciñanza a partir das 17.45 horas.
Antes do acto central desenvolveranse os obradoiros infantís (17.00 horas). A xornada rematará cun magosto que comezará ás sete da tarde. Os asistentes poderán degustar castañas e facerse fotografías no photocall contra a violencia de xénero.
Coincidindo con esta conmemoración, o Concello da Baña programou unha obra de teatro, dentro do programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña. A partir das seis da tarde, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei representarán ‘Falar sen cancelas’.