A música dos Campantes da Baña e as exhibicións e talleres de artesanía foron algúns dos atractivos da mañá

Alumnado do obradoiro Mocidade 2020 estiveron acondicionando os xardíns da rotonda cunha cruz xacobea

Os Campantes da Baña abrirán, Os Monifates, SilvaRedonda e Faíscas da Pontagra animaron a xornada

20210926 Romaria Xacobea Seilan4

 A veciñanza da Baña que se achegou ata a carballeira do Seilán gozou coa primeira Romaría Xacobea ao ritmo da música dos Campantes da Baña, conversando con familiares e coñecidos e contemplando como se fan os sombreiros, cestos ou cuncas de barro.

20210926 Romaria Xacobea Seilan2

Algúns participaron nos talleres e obradoiros de artesanía para aprender das máis vellas do lugar como se fan os sombreiros de palla; cunha moza que apostou pola cosmética natural e as conservas naturais, ou cun experimentado oleiro de Muros. Foron algunhas das propostas para animar a participar ás persoas asistentes a esta primeira Romaría Xacobea do Seilán antes de compartir mesa nun xantar popular. 

20210926 Romaria Xacobea Seilan8

Empanada, polbo e carne ao caldeiro foi o menú que degustaron máis dun cento de comensais, xa cando o alumnado do obradoiro de emprego Mocidade 2020 tiña practicamente rematado o acondicionamento das rotondas da estrada que vai a Lañas. Aquí cubriron con céspede dúas das zonas e debuxaron unha cruz xacobeo na máis grande. Unha proposta que serviu para amosar o que levan aprendido nestes nove meses de formación.

20210926 Romaria Xacobea Seilan9

E coa música dos campantes da Baña, Os Monifates, SilvaRedonda e Faíscas da Pontagra continuou a festa durante toda a tarde.

20210926 Romaria Xacobea Seilan1

  • As cen prazas do xantar popular levan cubertas dende o martes, pero os pulpeiros atenderán por libre ao resto de comensais

  • Haberá obradoiros de instrumentos tradicionais, la, cerámica, sombreiros de palla, cestos ou conservas

  • Os Campantes da Baña abrirán o capítulo musical, que inclúe as actuacións de Os Monifates, SilvaRedonda e Faíscas da Pontagra

20210926 RomariaXacobea portada web

A carballeira do Seilán, na Baña, acollerá este domingo 26 de setembro unha festa popular que se desenvolverá ao longo de todo o día e contará con mercadiño, obradoiros de artesanía, actuacións musicais e unha xuntanza gastronómica.

A I Romaría Xacobea O Seilán dará comezo ás 11 da mañá coa apertura dos postos de venda e a exposición de produtos da terra, ademais dunha demostración de xardinería do alumnado do obradoiro de emprego Mocidade 2020.

Os talleres arrancarán ás 11.15 horas cun obradoiro de instrumentos tradicionais a cargo de Emilio Lois. Durante o xornada, sucederanse despois outros de artesanía en la (12.00 horas), cerámica (12.00 horas), sombreiros de palla (12.30 horas), cosmética natural (16.00 horas), cestos de vimbio (16.30 horas), artesanía en papel (17.00 horas), conservas de alimentación (17.30 horas) e novamente de artesanía en la (18.00 horas). As persoas interesadas en participar só teñen que dirixirse a alguén da organización para saber se hai praza.

O programa, que inclúe a celebración da misa ao mediodía, comprende tamén as actuacións das agrupacións folclóricas e de música tradicional Os Campantes da Baña (12.00 horas), Os Monifates (16.00 horas), SilvaRedonda (17.00 horas) e Faíscas da Pontagra (18.30 horas).

O Xantar Xacobeo poñerá a nota gastronómica cun menú xenuíno composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro, rosca e café a un prezo de 13 euros. O aforo tivo que limitarse por causa da covid a cen prazas que xa están cubertas dende o martes. Só poderán acceder a esta carpa as persoas que teñen ticket. Non obstante, os pulpeiros contarán con outra carpa na que servirá por libre a toda a veciñanza que queira comer na carballeira.

  • Poderán presentarse as persoas maiores de catorce anos con canle de Youtube e alomenos cinco vídeos publicados

  • Repartiranse en premios un total de 7.500 euros en doce categorías

  • Promove novas accións formativas cun obradoiro sobre posicionamento e outro sobre aspectos legais

cartel

Os Premios Youtubeiras abren ata o 22 de outubro o prazo de inscrición nunha quinta edición que ten como obxectivo consolidar a comunidade creadora que impulsou este certame dende o seu nacemento no 2017. Por iso, e pensando no mantemento das canles, por primeira vez non se van poder presentar vídeos illados. Poderán optar aos premios todas as persoas maiores de catorce anos con portal en Youtube e alomenos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

As categorías, ao igual que o ano pasado, volverán ser doce: canle, vídeo, youtubeira/o, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctica, prioneira e premio do público. As tres primeiras están dotadas cun premio en metálico de mil euros e as nove restantes levarán 500 euros. En total, o concurso repartirá 7.500 euros en premios entre as persoas gañadoras.

De cara a axudar aos participantes a mellorar no proceso creativo, os Premios Youtubeiras promoverán varias accións formativas nas vindeiras semanas, que se suman ao obradoiro que tivo lugar ao comezo de verán para mellorar a calidade sonora dos vídeos. Neste mes de setembro, Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, desenvolverá en outubro outro obradoiro centrado nos aspectos legais do Youtube.

O servizo de normalización lingüística do Concello da Baña é un dos impulsores de Youtubeiras, xunto aos de Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, así como as tres universidades galegas e a Deputacón da Coruña. A responsable do servizo bañense e coordinadora do Proxecto Youtubeiras, Carme Pereiro, foi a encargada de desvelar as novidades da quinta edición do certame nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Santiago. Acompañárona na presentación Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames; e Rubén Prol, concelleiro compostelán de Poíticas Lingüísticas.

Carme Pereiro explicou que se elixiu o lema de ‘Magnetismo en liña’ para remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. “O que se pretende con esta idea do magnetismo é incidir na atracción en canto á consolidación da figura da youtubeira, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youbeiro exerce xa na sociedade”, sinalou.

Neste sentido, incidiu no espectacular incremento de participación que foi experimentando o certame. “Dende a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”, indicou Carme. Lembrou que “en 2017 concorreron 202 vídeos” e na última convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu até os 536 vídeos”, unha marca que confían en superar este ano.

  • Funcionará nas instalacións do colexio de luns a venres entre ás 7.30 e as 9.15 horas

  • Hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50 €) ou non (40 €)

Madrugadores 1920

O vindeiro luns, 20 de setembro, poñerase en marcha o servizo de madrugadores no CPI San Vicente por terceiro curso consecutivo, unha medida que busca axudar ás familias a conciliar a vida laboral cos horarios escolares.

O Concello da Baña elaborou unha enquisa coa fin de consultar á veciñanza sobre o interese das familias para utilizar o servizo A Baña Madruga. Do total de respostas anónimas recibidas (7), a gran maioría (6) apuntaban a necesidade de incluír o almorzo. En canto a preferencia horaria e días da semana en que utilizarían o servizo, máis da metade das persoas que participaron na enquisa decantáronse polas opcións máis amplas: de 7.30 horas a 9.15 horas (un 57,1%) e todos os días (42,9%). Os luns foron escollidos por todas as familias, seguidos polos mércores e venres (85,7%) e, por último, polos martes e xoves (71,4%).

O programa de conciliación A Baña Madruga correspondente ao curso 2021/2022 levarase a cabo nas instalacións do CPI San Vicente de luns a venres entre as 7.30 e as 9.15 horas.

Para gozar de dito servizo hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50€) ou non (40€). Tamén poderá empregarse en días soltos cun custo de 4 euros.

As familias interesadas poden inscribir as súas cativas e cativos nas oficinas do Concello ou cubrindo os impresos que figuran nos documentos adxuntos e entregándoos no Concello ou enviándoos por sede electrónica.

  • As probas corresponden aos niveis 2, 3 e 4 e faranse en Santiago e en Ponferrada en datas aínda por determinar

Dende hoxe, martes 14 de setembro, e ata o 4 de outubro permanecerá aberto o prazo de inscrición nas probas para o obtención dos certificados de lingua galega (Celta) nos niveis 2, 3 e 4. Os exames realizaranse en Santiago e en Ponferrada nos meses de novembro e decembro. As datas exactas publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

As persoas interesadas en facer as probas deberán cubrir o formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PL500C; accede dende esta ligazón) e pagar as taxas correspondentes aos dereitos de exame. Na solicitude, indicarán a que proba ou probas queren presentarse e en que localidade.

O anuncio da convocatoria publicouse no DOG do luns 13 de setembro. Pódese consultar picando nesta ligazón.