• As protagonistas recibiron unha vela artesá, unha fotografía do día da gravación do vídeo e un punto de libro

  • A proxeción do corto ‘As 3 caídas de María Santiso’ servíu para por en común a situación que viven as mulleres no campo

  • Asistiron o director Roberto Alvite; a protagonista Lucía Veiga e a actriz Tatiana Mouro participaron no coloquio

20220313 Bana feminino homenaxeadas ALF5982

A proxección do corto ‘As 3 caídas de María Santiso’, premio do público a mellor película na Semana do Cine de Lugo 2019, servíu de fío condutor para a homenaxe que o Concello da Baña lle rendeu hoxe as doce protagonistas da seria A Baña en feminino, que durante todo o 2021 contaron cal é a situación da muller no rural.

O obxectivo do proxecto era visibilizar á muller do rural e coñecer a opinión das once protagonistas e dun protagonista masculino sobre como evolucionou a súa vida no rural. Para pechar o ciclo, hoxe proxectouse o corto dirixido por Roberto Leal, protagonizado por unha muller de 40 anos que vive soa no rural na súa casa de toda a vida. A visita dun camiñante descobre os conflitos interiores de María Santiso (interpretada por Lucía Veiga).

20220313 Bana feminino proxeccion ALF5962

Despois proxectouse un documental sobre como foi a gravación da película e para coñecer a opinión das e dos integrantes do equipo. No debate posterior entre protagonistas,  actrices e público, moderado por Roberto Alvite, quedou patente que “os mundos mudaron, e é importante arriscar e tomar decisións para facer aquilo que che guste”. Tamén se resaltou a importancia de traballar conxuntamente, “sobre todo entre as mulleres. Hai que xuntarse, e ser decidida”.

“Cada vez hai máis soedade no rural, non só porque hai menos xente, senón porque temos sempre moita presa e non nos da tempo a falar cos veciños e veciñas”, indicou unha das participantes no debate.

Ao rematar o coloquio, o Concello entregoulle a cada unha das protagonistas de A Baña en femininopresentes no acto unha vela artesá, elaborada por Máis Cera; unha fotografía de recordo do día que se gravou o vídeo, e un marcapáxinas que recolle un poema de Manuel María. 

Neste punto de libro pódese ler: Mulleres que “teñen dediante da súa ollada / eidos sen labrar, / ermos, incultos, / e son elas as que empuñan / a rabela / como quen ergue unha bandeira / para obrigra a terra, / o escuro terrón endurecido, / a parir o pan de cada día”.

Este coloquio, co que se pechan os actos con motivo do Día Internacional da Muller, estivo presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Muller e Igualdade, Lorena Trillo, quen dixo que con este acto se pechaba unha iniciativa que puxo en marcha a súa antecesora, Mónica González, hai un ano. Ao acto asistiu o portavoz socialista na Corporación, José Antonio Pereira, e veciños e familiares das protagonistas.

20220313 Bana femininno Director ALF5950

A Baña en feminino

A Baña en feminino  foi iniciativa do concello bañense que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do ano 2021, tivo como principal obxectivo convidar a reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a persoas do municipio que exercen en diversos eidos. Os vídeos coas doce protagonistas (entre as que se atopa o filloeiro Carlos Sande Manteiga) pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña neste enlace (preme aquí)

Mónica González. A ex concelleira de Política Social pechou o proxecto en decembro. Na súa intervención considerou “prioritario promover a conciliación e concienciar á sociedade do reparto de tarefas domésticas”. 

Mónica Rial. A presidenta da ANPA do CEIP San Vicente instou, no Día do Neno, a fomentar nos colexios todas aquelas actividades en prol da equidade e a educar as fillas e fillos para que loiten por conseguir a máxima igualade de oportunidades posible.

Manuela Tojo. Veciña de Faílde de 89 anos, protagonizou o vídeo de outubro no Día da Muller Rural. Nel repasou unha traxectoria que non foi nada común porque, ao contrario do que adoitaba pasar cando ela era nova, sendo muller desenvolveuse laboralmente fóra da casa, desempeñou un oficio tradicionalmente masculino como era o de ferreira e foi tamén pioneira ao converterse na primeira bañense en sacar o carné de conducir.

Rosa Rodríguez, cantante do Dúo Rosán, radiografou o papel da muller na música no mes de setembro, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Vicenzo da Baña. “Agora hai máis mulleres que levan a batuta e seguiremos avanzando”, subliñou, ademais de aconsellar “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.

Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.

Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.

Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar a sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.

A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.

Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.

Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.

En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.

A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

20220313 Bana Feminino debate

‘Galiza Profunda’ e ‘Enxamio da Baña’ quedaron terceiros en carrozas e comparsas, respectivamente.

Os 27 participantes nas diferentes categorías procedían de nove municipios das comarcas de Santiago, Noia e A Barca

Nicrafest ALF5384

O NON á guerra de Ucraína, as Tanxugueiras co Benidorm Fest, os emoticonos, as abellas e a moción de censura entre PP e Compromiso non faltaron onte no desfile de Entroido na Baña, ao que acudiron un total de 27 participantes nas diferentes categorías e procedentes de nove concellos das comarcas de Santiago, Noia e A Barcala. ‘Oroso West’ e ‘Nicrafest’ foron os gañadores, intercambiándose os postos en comparsas, que gañaron os de Oroso, e carrozas, con vitoria para Negreira. 'Galiza Profunda' e o 'Enxamio da Baña' quedaron terceiros en carrozas e comparsas, respectivamente.

Galiza Profunda ALF5334

Ás rúas de San Vicenzo acudiu numeroso público para ver as actuacións e animar aos participantes nun desfile presentado por Lupe Blanco, gañadora da primeira edición dos Premios Galegos de Regueifa.

Enxamio da Bana ALF5301

Tras a deliberación do xurado, os gañadores das diferentes categorías foron:

Individual infantil: Beyoncé

Individual adulto: O caloriño da lareira

Parella: Cultura inuit

Grupo: Entroido minecraft

Carrozas: Oroso West (1ª), Nicrafest (2ª) e Galiza Profunda (3ª)

Comparsas: Nicrafest (1ª), Oroso West (2ª) e Enxamio da Baña (3ª)

 

Galería de imaxes no Facebook do Concello da Baña (neste enlace) e tamén vídeos con algunhas das actuacións

Oroso West ALF5354

  • Fillo Predilecto do Concello, impulsou o uso do galego no eido da xustiza

O Concello da Baña homenaxeou esta mañá a Daniel García Ramos en San Vicenzo, coincidindo co 24 aniversario do seu pasamento, como lembranza a quen foi o primeiro maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que utilizou o galego nun procedemento xudicial. A concelleira de Cultura, Lorena Trillo, depositou un ramo de flores diante do busto de Daniel García en San Vicenzo, en presencia de Inmaculada Ramos e José Ramón Girón, tía e sobriño político de Daniel García e que se atopan entre os últimos familiares que lle quedan residindo no municipio. Asistiron tamén ao acto o alcalde, Andrés García, e o concelleiro César Ramos.

Nado na Baña en 1933 e Fillo Predilecto da localidade, Daniel García Ramos era fillo de mestres de escola e neto dun médico rural que lle inculcou o amor ao pobo e a entrega desinteresada. Viviu en San Vicenzo e en Marcende ata que os nove anos marchou estudar a Santiago e, logo xa de cursar a carreira de Dereito, a Madrid. Foi alí onde descubriu o galeguismo, que marcará toda a súa traxectoria. Catedrático e xuíz, desenvolveu o seu labor en distintas localidades galegas e españolas ata ser nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O compromiso de Daniel García Ramos con Galicia e coa lingua lévao ao longo dos anos a ser primeiro membro fundador de Xuíces para a democracia, dende a que defende a utilización do galego na administración de xustiza, e despois a integrarse tamén en Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, plataforma que propiciou que en 1987 un pequeno número de xulgados e notarías comezasen a utilizar a lingua galega. Destacouse tamén como un firme defensor da pluralidade e a democracia, ademais de reivindicar os montes comunais.

Morto no ano 1998 de forma prematura, A Baña nomeouno Fillo Predilecto en agosto do ano seguinte. Foi así mesmo recoñecido como Galego egrexio pola Fundación Premios da Crítica Galicia.

  • O proxecto contempla tamén facer un rexistro topográfico, acometer a sinalización para facilitar o acceso e desenvolver un programa de promoción con obradoiros, visitas guiadas e rutas de sendeirismo

O Concello da Baña está decidido a poñer en valor canto antes o castro da Baña cun proxecto que foi presentado no Servizo de Arqueoloxía da delegación de Santiago. Despois dos labores de limpeza levadas a cabo nas primeiras fases da recuperación, que deixaron ao descuberto o perímetro e a croa, o seguinte paso será comezar coa excavación arqueolóxica. Prevese que estes traballos poidan comezar en maio grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a asociación de empresarios A Baña Emprende.

O alcalde da Baña, Andrés García; o concelleiro César Ramos e o presidente dos empresarios, Rafa Vieito, volveron reunirse esta semana cos dous arqueólogos encargados do proxecto, Martín Rivas e Verónica Silva, para abordar as actuacións a seguir. Xunto á excavación arqueolóxica, tense pensado facer un rexistro topográfico, acometer a sinalización para facilitar o acceso ao castro con fins de lecer e turísticos e desenvolver un programa didáctico e de promoción a través de actividades como obradoiros, visitas guiadas ou rutas de sendeirismo.

Logo de actuación sufragada polo Concello este mesmo mes para limpar e poñer chan o terreo, o interior do recinto fortificado é xa totalmente accesible, podendo apreciarse con claridade a gran extensión do castro e tamén a súa morfoloxía. Isto posibilita identificar o sistema defensivo, con murallas que chegan aos 4 metros nalgúns puntos.

Para o Concello da Baña, a recuperación do castro permite que a veciñanza estea tomando conciencia do potencial do patrimonio histórico á hora de promocionar o municipio.

castro web

  • O concurso celebrarase o sábado 5 de marzo polas rúas de San Vicenzo

  • O prazo de inscrición para participar remata o 28 de febreiro

entroido1

A Baña celebrará o entroido 2022 cun gran concurso de disfraces que se desenvolverá o sábado 5 de marzo en San Vicenzo e que repartirá máis de 3.300 euros en premios entre os gañadores. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 28 de febreiro para formalizar a inscrición, de xeito telemático na sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral. Os menores de idade necesitarán a autorización do titor ou titora.

O desfile de disfraces iniciarase ás 16.30 horas e discorrerá pola rúa Rosalía de Castro, a Praza do Concello e a rúa Tedelle, cunha parada dun máximo de cinco minutos diante da casa consistorial para que os participantes poidan actuar e amosar as súas creacións.

Haberá seis categorías. As de carrozas e comparsas terán tres premios cada unha, valorados en 900€, 400€ e 150€ respectivamente. Para participar como carroza, o grupo terá un mínimo de dez persoas e todas ou unha parte deberán desprazarse sobre algunha plataforma móbil. As comparsas, pola súa parte, terán polo menos nove membros que representen a mesma temática.

Tamén se poderá concursar como grupo, formado por entre 3 e 8 persoas, e neste caso haberá un único premio dotado con 150 euros. Por último, os gañadores do resto das categorías (parella, individual infantil e individual adulto) levarán 100 euros.

O xurado valorará a orixinalidade dos disfraces, a realización artesanal, a maquillaxe, a interacción co público e, no caso das categorías grupais, tamén a organización e o traballo en equipo.

Os premios repartiranse ao remate do desfile nunha carpa onde se poderá gozar da animación dunha discoteca móbil e doutras sorpresas.

Nos arquivos que se achegan atoparás as bases do concurso, o formulario de inscrición e a autorización para a participación de menores.