• O xefe territorial de Educación puido coñecer in situ as peticións que lle trasladaron a semana pasada o alcalde e o tenente alcalde nunha reunión na Coruña

20220113 Indalecio Cabana visita colexio Bana

O xefe territorial na Coruña da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, visitou hoxe o CPI San Vicente onde puido coñecer in situ as necesidades que xa a semana pasada lle trasladaron o alcalde e o tenente alcalde nunha reunión no seu despacho na Coruña.

Acompañado polo alcalde, Andrés García Cardeso; a concelleira de Educación, Lorena Trillo, e a directora do centro, Mar Sueiro, Indalecio Cabana percorreu o CPI San Vicente e anunciou que a Consellería de Educación vai acometer proximamente obras para cambiar as cubertas e as ventás do colexio. Esta actuación mellorará considerablemente o confort do alumnado e a eficiencia enerxética do edificio, que se adaptará así as novas esixencias construtivas establecidas no Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia.

Ademais das ventás, a Consellería tamén actuará sobre a fachada do edificio,, para incrementar o illamento e mellorar así a eficiencia enerxética do edificio.

Con esta visita ao colexio, Indalecio Cabana puido comprobar persoalmente as peticións de mellora que lle propuxeron o pasado día 3 o alcalde e o tenente de alcalde da Baña nunha reunión celebrada na Coruña, e que recollía as peticións da comunidade educativa.

20220103 Garcia Cardeso Cesar Ramos Indalecio Cabana

  • As familias poderán gozar antes do espectáculo de circo e humor ‘Rogelio, un paiaso en recuperación’

20211227 cartel reis magos bo

Aínda que sen festa por causa do coronavirus e ao igual que aconteceu o ano pasado, os Reis Magos achegaranse ao pavillón polideportivo de San Vicenzo o vindeiro día 5 de xaneiro para recibir as peticións das nenas e nenos da Baña. As Súas Maxestades de Oriente saudarán a toda a cativada e virán con agasallos para cada un deles.

Antes da chegada dos Magos, prevista para as 17.30 horas, a compañía de circo AsSircópatas ofrecerá no mesmo pavillón o espectáculo de escapismo e humor ‘Rogelio, un paiaso en recuperación’. Para asistir, as persoas interesadas deberán reservar praza chamando ou mandando un wasap ao número de teléfono 981 88 65 01. A entrada é gratuíta.

  • A concelleira de Política Social pecha por este ano a serie de audiovisuais A Baña en feminino

  • Incide en que, tras a incorporación da muller ao mundo laboral, queda pendente a súa presenza en postos de responsabilidade

  • Chama a educar os escolares en igualdade para que a defendan no futuro

 

“A unha muller cústalle máis chegar a postos de responsabilidade e, por outro lado, as mulleres somos as encargadas do coidado dos nenos e das tarefas da casa”. Estas dúas, a xuízo da concelleira Mónica González, son as principais causas da desigualdade existente na Administración local da Baña, espello para ela do comportamento da sociedade. “Temos unha corporación bastante paritaria, con cinco mulleres e seis homes. A parte negativa é que os voceiros dos tres grupos con representación son homes e que os postos principais, como o de alcalde, sempre os ocuparon homes. Tamén hai diferenzas no ámbito de actuación; por exemplo, Urbanismo e Obras está dende sempre vencellada ao xénero masculino, mentres que o departamento de Cultura, o servizo de axuda a domicilio, o punto de atención á infancia, etc, dependen de mulleres”, explica.

Mónica Gónzalez Blanco é natural de Marcelle. Psicóloga e profesora, exerce dende hai dous anos como concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e Deportes da Baña e protagoniza neste mes de decembro a última entrega do 2021 da serie de audiovisuais A Baña en feminino, unha das accións do goberno local encamiñadas a reivindicar o papel das mulleres e ofrecer referentes femininos no ámbito rural. Para superar a desigualdade, coida Mónica, “é prioritario promover a conciliación familiar, concienciar a sociedade do reparto da responsabilidades entre homes e mulleres e promover iniciativas como esta para visibilizar o labor das mulleres e abrir un espazo de reflexión”.

Ademais dos programas de concienciación, a concelleira salienta outras actuacións que se levan a cabo dende a Administración local. Cita os centros de información á muller ou as axudas económicas e fai énfase nas que se desenvolven nos centros escolares, “porque é onde están as novas xeracións e temos que preocuparnos de educalas en igualdade para que a defendan cando sexan adultos”.

Baña feminino 12 Monica Gonzalez Blanco ALF1901

A Baña en feminino

O vídeo de Mónica González, que pode verse na canle municipal de Youtube, pecha por este ano o proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’. Trátase dunha iniciativa do concello bañense que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do presente ano 2021, tivo como principal obxectivo convidar a reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a persoas do municipio que exercen en diversos eidos. As anteriores protagonistas foron:

  • Mónica Rial. A presidenta da ANPA do CEIP San Vicente instou, no Día do Neno, a fomentar nos colexios todas aquelas actividades en prol da equidade e a educar as fillas e fillos para que loiten por conseguir a máxima igualade de oportunidades posible.
  • Manuela Tojo. Veciña de Faílde de 89 anos, protagonizou o vídeo de outubro no Día da Muller Rural. Nel repasou unha traxectoria que non foi nada común porque, ao contrario do que adoitaba pasar cando ela era nova, sendo muller desenvolveuse laboralmente fóra da casa, desempeñou un oficio tradicionalmente masculino como era o de ferreira e foi tamén pioneira ao converterse na primeira bañense en sacar o carné de conducir.
  • Rosa Rodríguez, cantante do Dúo Rosán, radiografou o papel da muller na música no mes de setembro, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Vicenzo da Baña. “Agora hai máis mulleres que levan a batuta e seguiremos avanzando”, subliñou, ademais de aconsellar “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.
  • Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.
  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar a sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

Enlacedeo de Mónica González: https://youtu.be/nYoU_VuMQAM

O alumnado da Escola Municipal de Música da Baña felicítalle este ano as festas a toda a veciñanza ofrecendo o seu tradicional concerto de Nadal de xeito telemático. A situación da covid-19 desaconsellaba facer as actuacións presenciais, para evitar aglomeracións de familiares e amigos no auditorio da escola, polo que se animaron a ofrecer as súas interpretacións a través das redes sociais.

Co apoio do profesorado, nenas e nenos que acoden a Escola de Música da Baña, que dirixe Martín Pose Pérez, gravaron as súas actuacións de xeito individual. O vídeo con todos os traballos pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña (preme aquí)

20211223 Grupo Vocal Infantil Escola Musica Bana

  • Nenas e nenos recibiron a visita de Papá Noel e entregáronlles as cartas coas súas peticións

  • Animaron a tarde o grupo de pandereteiras e Os Campantes da Baña

mercar

Varios centos de veciñas e veciños visitaron o mercadiño de Nadal da Baña, que na súa sexta edición congregou onte no pavillón polideportivo de San Vicenzo postos de artesanía, comida, roupa ou libros e contou tamén con diversas actividades de animación que se desenvolveron ao longo do día. Un autobús percorreu as parroquias facendo o mesmo itinerario que os luns das feiras mensuais e non faltaron á cita nin a pulpería nin a churrería.

campantes

O mercadiño estivo aberto entre as doce da mañá e as oito da tarde. A sesión matinal contou con obradoiros de instrumentos musicais, artesanía en palla e papel, así como co espectáculo de maxia de Dani Polo. Xa pola tarde, o público familiar puido gozar coa sesión de teatro infantil ‘Debulendo lendas... galegas’ a cargo da compañía Tarabelos e tanto pequenos como maiores cantaron e bailaron coas animadas actuacións das pandereteiras e da agrupación local de música tradicional Os Campantes da Baña. A agardada visita de Papá Noel, a quen nenas e nenos puideron entregarlle as cartas coas súas peticións para Nadal, púxolle a guinda á xornada de festa.

uno