- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1101
A concellería de Cultura da Baña leva o cine á praza do Concello co programa Cine de Verán. Será alí onde se emitan tres películas: o venres 28 de xuño ‘Peter Rabbit’, o 5 de xullo ‘Ralph rompe Internet’ e o sábado 13 de xullo ‘The Way’. A cativada poderá gozar cos dous primeiros filmes, de xénero infantil, mentres que o último, un drama español, vai destinado principalmente aos adultos.
Polo tanto, ‘Peter Rabbit’ é a primeira das películas que transformará a praza do Concello da Baña nunha sala de cine ao aire libre. Ás 21.00 horas do venres 28 proxectarase esta animación na que un coello rebelde e traste tenta roubarlle o control da súa horta a un granxeiro.
Na segunda xornada de Cine de Verán o venres 5 de xullo ás 22.00 horas, a emisión de ‘Ralph rompe internet’ manterá a atención das nenas e nenos posta na pantalla. Nesta animación fantástica dirixida por Rich Moore e Phil Johnston, os protagonistas, Ralph e Vanellope, embárcanse nunha aventura no máis fondo de Internet onde tratarán de atopar unha peza que necesitan para arranxar un videoxogo.
O espectáculo non quixo olvidarse dos adultos, pois a emisión de ‘The Way’ satisfará os seus desexos. Nesta drama español, un pai perde o seu fillo nos Pirineos mentres estaba a facer o Camiño de Santiago, entón decide rematar o traxecto na súa honra. A proxección está datada para o sábado 13 de xullo ás 22.00 horas.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1288
José Antonio Pereira Gil foi elixido esta mañá alcalde do Concello da Baña no pleno de constitución da Corporación cos 4 votos do Partido Socialista e 2 de Compromiso por Galicia. Pereira agradeceu aos veciños e veciñas da Baña o apoio nas últimas eleccións, e aos concelleiros de CxG ous dous votos que lle permiten ao Partido Socialista recuperar a alcaldía da Baña tras 25 anos de goberno do Partido Popular. Andrés García Cardeso so contou cos cinco votos dos concelleiros do PP no pleno de hoxe.
“Asumo este proxecto cos meus compañeiros. Imos facer todo o que esté nas nosas mans para que o Concello da Baña volva a estar nese punto onde tiña que estar dende hai moitos anos”, asegurou José Antonio Pereira despois de prometer o seu cargo como novo alcalde da Baña. “Grazas a todos. Imos facelo ben, xa veredes”, afirmou entre unha sonora ovación de veciños e veciñas da Baña que abarrotaron o salón de plenos e, moitos, tiveron que seguir a sesión dende fora.
José Manuel Landeira, do Partido Popular, e David Gontán, de Compromiso por Galicia, foron os dous concelleiros que formaron a mesa de idade, por ser o de maior e menor idade, respectivamente, da Corporación. Landeira foi quen lle entregou o bastón de mando a José Antonio Pereira una vez ratificado o respaldo maioritario dos once concelleiros ao candidato do Partido Socialista.
Rematada a sesión, todos os membros da Corporación fixéronse unha foto de familia, antes de que a gran maioría dos asistentes felicitasen ao novo alcalde e aos outros tres concelleiros do Partido Socialista.
José Antonio Pereira é o terceiro alcalde da Baña dende que se celebraron as primeiras eleccións democráticas en 1979. O primeiro foi o tamén socialista Francisco Villaverde Marcos, que gobernou dende 1979 ata 1995, cando tomou posesión Andrés García Cardeso, do Partido Popular, quen agora lle deu o relevo a José Antonio Pereira.
A nova Corporación da Baña
A Corporación da Baña para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:
Partido Socialista: José Antonio Pereira Gil, Mónica González Blanco, Jesús Manuel Pena Varela, Ana Páramos Cebey.
Partido Popular: José Andrés García Cardeso, Alicia Blanco Sande, José Manuel Landeira Liñares, Manuel Tourís Fernández, María José Ramos Freita.
Compromiso por Galicia: César Ramós Domínguez, David Gontán Varela.
Pódes ver o album de fotos no facebook do Concello da Baña (neste enlace)
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1268
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o de Medio Rural, José González, confirmaron esta mañá na súa visita á Baña que a escola de educación infantil de Lañas incorpórase aos colexios rurais agrupados coa súa inclusión no CRA de Coristanco e Santa Comba.A asociación destas tres institucións supón a súa dirección e coordinación de maneira conxunta, o que permitirá a rotación de docentes entre os centros, proporcionando un maior número de especialistas en cada área de estudo. O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, destacou a importancia de manter a educación de calidade no rural, nun acto no que se deron cita representantes dos 27 CRAs que hai en Galicia.
O acordo representouse cunha recepción na escola de Lañas, na que se deron cita, ademais de Carmen Pomar, José González e Andrés García Cardeso, as alcaldesas da Santa Comba, María Pose, e a rexedora en funcións de Coristanco, Clarisa Couto, así como representantes e mestres dos CRAs de Galicia.
Emilio Lois foi o encargado de dar a benvida con música galega aos conselleiros, que despois visitaron ás distintas aulas da escola de Lañas, durante a cal Carmen Pomar compartiu un momento ca cativada do centro educativo. Andres García destacou a relevancia de manter as instalacións educativas do rural, destacando que son “o seu “futuro”. A voz do claustro púxoa a directora do CRA de Tui e Premio Nacional de Educación no 2017, Teresa Domínguez, que recitou un poema dedicado á ensinanza rural, “Debullando sentimentos de CRA”, que os dous conselleiros levaron enmarcado como agasallo.
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, salientou a importancia desta fusión na medida en que permite aproveitar sinerxías en canto á planificación da actividade educativa e organización de recursos que redundan nun servizo educativo de máis calidade. Así mesmo, fixo fincapé no papel dinamizador e de cohesión do territorio que exercen as escolas de Educación Infantil e os Colexios Rurais Agrupados nas zonas onde se insiren, así como no excelente labor que están desenvolvendo os docentes que traballan nestes centros dispersos por aldeas e parroquias de toda Galicia.
Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, resaltou a importancia da formación, non só na etapa infantil, senón tamén a nivel profesional. Neste sentido, José González lembrou que na última década un total de 1.220 persoas cursaron diferentes ciclos formativos ordinarios da familia profesional agraria nos distintos centros de formación e experimentación agroforestal que ten a Consellería do Medio Rural.
Os CRAs son centros educativos onde, principalmente, se imparte educación infantil e que se reparten entre varias parroquias, aínda que contan cunha dirección central, normalmente a do centro de maior relevancia do concello ou concellos. Neste caso, o CRA estará formado por oito escolas: catro en Coristanco, tres en Santa Comba e a de Lañas na Baña, aos que asisten 80 nenos e nenas. O acto rematou con todos os asistentes compartindo uns petiscos con produtos galegos que trouxeron os profesores e representantes de todos os CRAs presentes.
Esta fusión lévase a cabo atendendo á petición expresa das direccións de ambos CRAs, así como da escola infantil de Lañas, que foi referendada polos claustros dos tres entes, polos seus respectivos consellos escolares (onde están representadas as familias) e co apoio dos concellos de Santa Comba, Coristanco e A Baña.
Actualmente en Galicia existen un total de 27 CRAs (incluído o resultante desta fusión) que aglutinan a preto de 2.200 alumnos e alumnas, aos que hai que engadir unhas 88 escolas unitarias que suman uns 1.000 máis.
Máis fotografías do acto no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 922
O ‘Obradoiro sobre empoderamento e benestar para mulleres’ impulsado polo Servizo de Educación Familiar da Baña contou coa presenza de quince mulleres. Durante os tres días que durou o curso, que conclúe hoxe, as participantes afondaron en temas como o autocoñecemento, o reforzo da autoestima e a xestión das emocións mediante dinámicas e xogos que fomentaron a participación das mulleres.
No grupo formado para o curso hai mulleres de todas as idades e oficios, que se amosaron moi interesadas dende o primeiro momento nas materias de intelixencia emocional, empoderamento e autoestima. “As máis xoves xa estaban bastante informadas e cunha base teórica avanzada e están reafirmando os conceptos de autoestima e empoderamento. Moitas das maiores están moi concienciadas coa violencia de xénero”, destacou Diana Muñoz, docente do curso xunto a Sara Vierna. Muñoz tamén salientou a creación dunha rede de apoio entre as participantes do taller, pois “as veces vivimos na casa moi entregadas á familia e os seus coidados, así podemos ver que hai outras que nos poden botar unha man”.
Nos talleres buscouse fomentar a participación das mulleres mediante dinámicas, xogos, traballos en grupo e debates, sempre de forma lúdica para manter a atención e a motivación das participantes. No primeiro día de obradoiro traballáronse os conceptos de autoimaxe, autoconcepto e autoestima; para a segunda xornada a materia centrouse en igualdade e violencia de xénero; e para o último día quedou a temática de como xestionar as emocións.
Grazas ao curso as mulleres puideron “identificar as súas fortalezas, mellorar a súa autoestima, ser capaces de detectar que é violencia de xénero ou estar preparadas para identificar o machismo que hai na sociedade”, sinalou Diana Muñoz. A fin de contas, estratexias que lles proverán máis benestar e oportunidades de conseguir os seus obxectivos na vida. Ademais, tralas sesións grupais houbo outras individuais nas que as mulleres puideron tratar coas docentes situacións que non queren contar en público.
O ‘Obradoiro sobre empoderamento e benestar para mulleres’ estivo financiado polo pacto de estado contra a Violencia de Xénero da Secretaría de Estado de Igualdade e realizouse en tódolos concellos de España que o solicitaron, aínda que as asistentes coinciden na brevidade do taller, que se levou a cabo no centro social e da terceira idade da Baña: “Dinnos que se lles fai moi curto e que lles gustaría que durase máis tempo. Está claro que hai interese na temática e é un curso moi necesario e que vén moi ben”, sentenciou a mestra Diana Muñoz.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 846
O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua, celebra neste 2019 a súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate. Con esta máxima, o Proxecto Youtubeir@s busca para este ano non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube. Así, o Proxecto Youtubeir@s organiza por vez primeira dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube, coa meta de motivar a súa vinculación e de crear redes conxuntas de traballo.
O primeiro deles, Youtubeir@s en conexión, terá lugar o vindeiro 8 de xuño na Coruña, estará aberto á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube e buscará achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase o 8 de xuño entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (Rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
O segundo evento, Lista de reprodución ao vivo, será o 28 de xuño entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e público, o acto emula en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formacioEste enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.