20190327 Guia Camiño BrandomilO vindeiro venres día 29 de marzo Manuel Vilar Álvarez presentará na antiga Escola de Seoane (Barcala) a súa obra “De Santiago a Muxía por Brandomil”. Esta guía do camiño que une Compostela con Muxía, pasando polo Concello da Baña, naceu co obxectivo de contar as historias que transcorren por esta parte do Camiño e axudar aos peregrinos. É unha guía pola ruta milenaria que pasa por Seoane, Fontecada, A Pereira, Antes, Baíñas e Berdoias.

Como apunta Manuel Vilar: "Estamos ao pé dun castro e ao pé dunha ponte de orixe romana. É dicir aquí se encontran inscricións que non se encontran noutros sitios, porque está nunha zona que controla a unha parte importante dunha mineiría que había aquí de metais preciosos, sobre todo de ouro, que era moi importante para Roma. Fixen un traballo, digamos de a pé, de falar con toda a xente maior, que cada vez hai menos, que nos conte contos e por exemplo aquí estamos sobre un camiño que dicían que si pisamos forte, pois os de abaixo protestan. Un xeito digamos de entender e interpretar a historia dunha maneira distinta ao que facemos actualmente e oficialmente".

O acto de presentación comezará ás 20.30 horas e intervirán José Andrés García Cardeso, alcalde da Baña, Mª Paz Gago Gómez, licenciada en Historia pola USC, Manuel Vilar Álvarez, autor do libro e Henrique Alvarellos Casas o editor.

Ao rematar, haberá un aperitivo.

Irmandamento da Baña en Nizza di Sicilia

 

A pasada semana, o Concello da Baña participou como representante español no acto de irmandamento co muncipio italiano de Nizza di Sicilia titulado Town Twinning "Bordering the possible overcome the stereotypes for migrant’s Integration”
En total, foron sete países, xunto co anfitrión

  • Nagylóc Municipality (Hungría)
  • Municipality of La Bana (España)
  • Pavlikeni Municipality (Bulgaria)
  • Birgu Municipality (Malta)
  • Priekuli Municipality (Letonia)
  • Freguesia de Buarcos (Portugal).

En adxunto podedes ver a descripción do proxecto e os resultados.

 

20190323 Via Mariana presentacion

20190323 Via Mariana monolitoO alcalde da Baña asistiu esta mañá no Museo das Peregrinacións en Santiago a presentación da Vía Mariana Luso Galaica, unha ruta de peregrinación de 370 km. entre os santuario do Sameiro, en Braga, e o santuario da Nosa Señora da Barca en Muxía, unindo algúns dos principais santuarios marianos do norte de Portugal e Galicia. Na Baña, a Vía Mariana pasa polos santuarios de Seilán e Ordoeste.

O fío condutor da “Vía Mariana” son as tradicionais romarías, vivas aínda hoxe nas terras de Galicia e Portugal, que conducen aos Santuarios de devoción Mariana, culto anterior á devoción xacobea, e que remite moitas veces a outros cultos de maior antigüidade, de carácter máxico e matriarcal.

A Asociación Vía Mariana Luso Galaica, promotora do proxecto, pretende valorizar  a cultura do mundo rural interior galego e do norte de Portugal,  dinamizar áreas esquecidas en vías de desertización, preservar ó patrimonio material e inmaterial, o patrimonio natural, as nosas vilas, os nosos bosques autóctonos e xacementos arqueolóxicos.

A Asociación creouse para coordinar o traballo das asociacións, comunidades de montes e demais axentes sociais que traballaron altruistamente para crear este proxecto da man dos impulsores Luís “do Freixo” Martínez e José de la Riera Autrán.

A Vía Mariana Luso Galaica non é un camiño de Santiago, ten personalidade propia, é un proxecto único e singular, e ten garantida a súa razón de ser e o seu futuro. E nese futuro está a pretensión de acadar o merecemento de ser recoñecida como Itinerario Cultural Europeo.

Á presentación asistiron, entre outros, a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o Vicario Xeral da Archidiócese de Braga, o canónico José Paulo Abreu, o Dean da Catedral de Santiago, don Segundo Pérez, presidentes das cámaras de Portugal, alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras e técnicos de turismo dos municipios por onde pasa a Vía, historiadores, académicos, prensa e os socios, sen quen este proxecto non tería sido posible.

20190323 Via mariana Grupo

 

20190323 Festa Musca Baña

A asociación Nosos Aires e o Concello da Baña celebrou no mediodía deste sábado a súa II Festa da Música cunha especial homenaxe á muller traballadora. A parroquia da Riba recibiu á veciñanza da contorna no campo da festa da Carballeira, onde se habilitou unha carpa e se celebrou o xantar popular. O prato forte da celebración foi a homenaxe á muller do rural, que contou cunha exposición de ferramentas da época e co descubrimento dunha placa conmemorativa, que levou a cabo Carmen Ponte Liñares, unha veciña de 94 anos.  

A II Festa da Música da Riba conmemorou este sábado a tradición musical da parroquia, que existe dende varias xeracións atrás e que perdura entre a veciñanza máis nova. Pero na Riba non só hai músicos, por iso este ano a troula contou cunha especial homenaxe á muller do rural. Esta figura que tamén segue presente hoxe en día é fundamental para comprender a historia desta zona do Concello da Baña. Por iso, Carmen Ponte Liñares foi a invitada de honra desta edición, xa que aos seus 94 anos reflexa perfectamente a figura da muller labrega que pasou moitas penurias durante o século XX.

Deste xeito, o presidente da asociación Nosos Aires, Pepe Ramos, dedicoulle unhas palabras de recoñecemento como posta en valor do patrimonio e dos valores do rural, que en moitos casos se transmiten a través das mulleres. Tras o pequeno discurso, Carmen descubriu a placa que estará xa para sempre na Riba recordando á muller labrega.

Tamén houbo unha exposición de fotografías, vestimenta e ferramentas da época que mostraron a cantidade e variedade de labores que levaba a cabo a muller do rural, dentro e fora do fogar. Na celebración non faltou nin o bo tempo, nin o xa tradicional xantar popular composto por pulpo á feira, carne ó caldeiro, bebida, sobremesa e café. As actuacións musicais animaron a troula e despediron a Festa da Música da Riba ata o vindeiro ano.

Album de fotos no facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20190312 Cartel Festa Musica A RibaA asociación Nosos Aires e o Concello da Baña celebran este sábado a súa II Festa da Música cunha especial homenaxe á muller rural. O 23 de marzo a parroquia da Riba convida á veciñanza da contorna a pasar unha xornada de troula no campo da festa da Carballeira, onde se habilitará unha carpa e se levará a cabo o xantar popular, o descubrimento dunha placa conmemorativa e a lectura dunha carta adicada á muller labrega. Ademais de contar cun mural fotográfico e cunha mostra da vestimenta da época.

Este sábado, a partir das 13.30 horas, celébrase na parroquia bañense da Riba a II Festa da Música na que se conmemora a tradición musical desta zona, que existe dende varias xeracións atrás e que aínda perdura entre a veciñanza máis nova. Pero na Riba non só hai músicos, por iso este ano a troula contará cunha especial homenaxe á muller do rural. Esta figura que tamén segue presente hoxe en día é fundamental para comprender a historia desta parroquia do Concello da Baña.

Coa colaboración da veciñanza, a asociación Nosos Aires conseguiu reunir fotografías e vestimentas da época que se expoñerán durante toda a xornada no lugar da celebración. Deste xeito, reflexarase a cantidade e variedade de labores que levaba a cabo a muller do rural, dentro e fora do fogar, durante o século XX. En definitiva, reflexarase a súa gran importancia. Ademais, lerase unha carta e descubrirase unha placa en homenaxe a este colectivo.

Na celebración non faltará o xa tradicional xantar popular composto por pulpo á feira, carne ó caldeiro, bebida, sobremesa e café. As actuacións musicais animarán a festa a partir das 17.00 horas da tarde da man de grupos de música folclórica da contorna coma os Campantes da Baña. O Dúo Rosán será o encargado de poñer o broche final e de despedir a Festa da Musica da Riba ata o vindeiro ano.