- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 990
O Concello da Baña vai concentrar o vindeiro mércores, 15 de maio, os actos principais cos que celebra o Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, o escritor, historiador e galeguista nado en Cotobade (Pontevedra). E para homenaxealo, dende o Servizo de Normalización Lingüística municipal decidiron facer o mesmo que fixo durante moitos anos o propio Fraguas en moitas zonas de Galicia, recoller e recompilar cantigas da zona da Baña, nunha actividade na que as regueifas e a pintura terán tamén o seu oco.
Os actos abertos ás familias e veciñanza da Baña vanse celebrar no centro social e da terceira idade a partir das cinco da tarde. Pero as actividades comezarán xa de mañá, coa participación do alumnado do CPI San Vicente nunha Andaina Literaria, dende o propio colexio, pasando por Vesía e ata o campo de fútbol de Cartas. Segundo as idades, os nenos e nenas farán máis ou menos percorrido. En Vesía recitarán coplas populares da Baña, e diante da casa da cultura contarán algún conto popular.
Xa pola tarde, maiores e pequenos daranse cita no centro social e da terceira idade para recuperar e recoller cantigas da zona da Baña para manter a tradición. Dende o Servizo de Normalización Lingüística da Baña recordan que Antonio Fraguas caracterizouse, entre outras cosas, por tecer unha rede de persoas para recoller patrimonio inmaterial de distintos puntos de Galicia. “É a mellor forma de manter viva a nosa cultura e tradicións”, asegura Carmen Pereiro, responsable do servizo na Baña.
Durante a tarde, o alumnado que acode ás clases de pintura de Silvia Capelo aproveitará para debuxar un mural no que amosarán a súa particular forma de conmemorar o Día das Letras. Ademais, o Club de Regheifas de Barcala, que creou o ano pasado Olalla Liñares, tamén se dará cita na Baña para regueifar e recuperar coplas tradicionais da comarca (neste enlace podes ver o vídeo do primeiro encontro interxeracional de regueifas celebrado en 2018 na Baña).
Unha xornada completa coa que o Concello da Baña conmemora este ano o Día das Letras Galegas. Para estas actividades, o concello conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1309
O Concello da Baña organiza un obradoiro de elaboración de cestos entre os días 27 e 30 de maio, no Centro social e da Terceira Idade da Baña, cun horario de 16.00 a 19.00 horas e cun prezo de 10 €. As inscricións faranse chamando ao 981 886 777, ou ao 682 859 367. Para máis información, chama a estos mesmos números de teléfono.
Por outra banda, tamén se levará a cabo outro taller de elaboración de derivados lácteos na Antiga Escola de Seoane, A Barcala, durante os días 20, 21, 23, 24 e 25 de maio de 10.00 a 14.00 horas. As inscricións a faranse a través do número de teléfono 981 55 41 47, ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 916
O vindeiro venres 26 de marzo, o Concello da Baña celebra o IX Maratón de contacontos. Con motivo do Día do Libro, a Casa da Cultura bañense acollerá a novena edición deste acto, que estará acompañado pola actuación da ratiña Lilí Ruyère de Lonxetodo. A xornada rematará co reparto de libros gratis da Campaña “Libros para sermos libres”.
Este venres, a partir das 17.00 horas, o Concello da Baña levará a cabo as celebracións con motivo do Día do Libro. Por noveno ano consecutivo, a Casa da Cultura acollerá o Maratón de Contacontos en galego, que se está a afianzar ano a ano gracias a todas as familias que se animan a participar narrando os seus contos favoritos. Como nas edicións anteriores, os colaboradores terán un libro infantil de agasallo.
Unha vez rematado o maratón, a ratiña Lilí Gruyère de Lonxedetodo visitará A Baña. O seu contacontos teatral chegará ás 18.30 horas para aprender aos asistentes un montón de coñecementos que van espertar a curiosidade da cativada.
Para rematar esta xornada, arredor das 20.00 h, todas as persoas que se acheguen pola entrada da Casa de Cultura poderán levar libros de agasallo dentro da Campaña "Libros para sermos libres", que se desenvolve dende a área de cultura e normalización lingüística da Deputación da Coruña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 996

A Casa da Cultura bañense acolleu hoxe a novena edición da Maratón de Contacontos en Galego, organizada polo Concello da Baña, que incluíu como actuación especial a participación da moza Liliana Ruyère de Lonxetodo. A xornada servíu para conmemorar o Día do Libro 2019 e rematou coa distribución gratuíta de libros da campaña Libros para sermos libres.
As auténticas protagonistas da IX Maratón de narración de contos foron as familias do municipio, que se animaron a contar algunhas das súas historias favoritas diante da cativada. Como en edicións anteriores, todos os participantes foron agasallados cun libro infantil.
Para continuar coa troula, e tras presentar o seu espectáculo teatral en cidades como NovaYork, actuou a pequena Lilí de Gruyère de Lonxetodo. Cos seus relatos, os asistentes aprenderon moitos coñecementos que espertaron a curiosidade dos máis pequenos e pequenas do concello.
Para rematar este día, e grazas á campaña Libros para sermos libres, ninguén marchou coas mans baleiras, posto que se distribuíron exemplares de xeito gratuíto entre os asistentes.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1455
O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, asistiu o pasado sábado aos actos conmemorativos do 40 aniversario da Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste, e entregoulles unha placa co escudo do concello a cada un dos membros da xunta directiva, xunto cunha reprodución en bronce da casa do concello ao presidente, Manuel Gómez García, que leva na directiva dende que se constituíu a entidade. No acto houbo unha mención especial para Amalia López, a primeira directiva da asociación, e tamén para o ex tesoureiro Ángel Manteiga, que faleceu o pasado ano. Unha obra de teatro e a proxección dun vídeo conmemorativo, serviron para completar a programación da xornada, que rematou cos asistentes compartindo experiencias e anécdotas mentres degustaban uns petiscos.
A Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste constituíuse o 10 de abril de 1978 nunha reunión celebrada no teleclub parroquial, na que se nomeou presidente da xunta directiva a Herminio Brenlla Canelas e na que figuraban como vogais Manuel Gómez García (da aldea de Cruceiro), Ceferino Almozara (Couto) e Ángel Manteiga (Cotovades). Catro décadas despois, Manuel Gómez é o presidente da asociación e Ceferino Almoraza continúa como vogal.
A representación da obra ‘As mil e unha noites’, a cargo da compañía Teatro dos Ghazafelhos, fixo gozar as preto de setenta persoas que estaban presentes no teleclub, entre os que se atopaban o alcalde e representantes da Corporación municipal. Despois do teatro, a xunta directiva proxectou un vídeo conmemorativo dos 40 anos de vida da entidade, no que Manuel García, Alicia Blanco (actual secretaria), Manuel Blanco (tesoureiro) e Ceferino Almozara recordan como se constituíu Camiño Real e os fitos máis importantes que acadaron nestas catro décadas. A construción da área recreativa e do parque infantil para os pequenos, ou as melloras nas escola, a que lle botaron o tellado e a placa, son algúns destes logros.
Tanto no vídeo como na reunión do sábado, a actual directiva fixo un chamamento á xuventude para que se implique e se anime a participar na directiva, para “poder acadar cousas que interesen a maioría dos habitantes da parroquia”, como explicou o presidente e o tesoureiro.
Para a organización dos actos, a Asociación de Veciños Camiño Real contou cunha achega da Deputación da Coruña, que financiou a edición do vídeo e tamén a dixitalización do libro de actas, para conservar os acontecementos máis importantes da historia do colectivo. O Concello da Baña tamén colaborou coa organización dos actos, durante os cales se tivo un recordo especial para Amalia López, a primeira muller que se incorporou á xunta directiva e que non puido asistir á celebración por problemas de saúde. Outra mención especial foi para o ex tesoureiro Ángel Manuel Manteiga, que formou parte da directiva de Camiño Real dende a constitución ata o seu pasamento en febreiro de 2018. “Manteiga traballou moito pola asociación, sen el posiblemente xa non houbéramos chegado ata aquí. Para poder celebrar outros corenta anos é seguir conseguindo cousas para a parroquia polo que precisamos que os veciños se impliquen e participen activamente”, sinalou Manuel Blanco.
En homenaxe a todas as persoas que durante estes 40 anos se implicaron na directiva e traballaron na Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste, o Concello colocou unha placa conmemorativa na escola. Para rematar os actos todas as persoas asistentes compartiron anécdotas e proxectos mentres degustaban uns petiscos.