Youtubeiros conexion

 

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua, celebra neste 2019 a súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate. Con esta máxima, o Proxecto Youtubeir@s busca para este ano non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube. Así, o Proxecto Youtubeir@s organiza por vez primeira dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube, coa meta de motivar a súa vinculación e de crear redes conxuntas de traballo. 

O primeiro deles, Youtubeir@s en conexión, terá lugar o vindeiro 8 de xuño na Coruña, estará aberto á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube e buscará achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase o 8 de xuño entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (Rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

O segundo evento, Lista de reprodución ao vivo, será o 28 de xuño entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e público, o acto emula en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formacioEste enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Premios Youtubeir@s 

Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

20190524 132157 ok

 

20190524 111917 okUnha visita ao invernadoiro de caraveis de Ferreiros e aos covos das abellas en Trece foron algunhas das actividades programadas durante o encontro de escolas de educación infantil de Barcala, na que participou alumnado das escolas de Aro (Negreira), Lañas e San Vicenzo (A Baña) e tamén de 1º e 2º de Primaria do CPI San Vicente. En total foron máis de 70 nenos e nenas, que estiveron acompañados polo profesorado de cada centro, normalizadora lingüística e a concelleira de Cultura da Baña.

As actividades programadas para este encontro de escolas infantís partiu do CPI San Vicente a primeira hora.  A comitiva partiu andando cara Ferreiros, onde fixeron unha parada para visitar o invernadoiro de caraveis (o primeiro da Baña) que rexentan Carmen Fernández e Miguel Quintela, que lles explicaron polo miudo á cativada como hai que facer para recoller os fermosos caraveis que saen de Ferreiros para toda España. Despois de escoitar atentamente todas as explicacións, nenos, nenas e mestres estiveron aprendendo como se fai para plantar unha maceta, con aprendizaxe práctico incluído.

Dende Ferreiros a numerosa comitiva camiñou ata o local social da Carballeira, onde nenos e nenas puideron merendar e xogar xuntos no parque e no terreo que arrodea ao local. E mentres os máis novos se relaxaban e fomentaban as relacións sociais cos compañeiros, os mestres tamén aproveitaron para conversar e repoñer forzas.

A mañá, e a camiñada, rematou en Trece, onde a comitiva visitou a produción caseira de mel de Rosa Ramos e Pepe, e puideron ver os covos das abellas. Pepe fíxolles unha explicación polo miúdo do proceso que ten que seguir para conseguir a mel.

Un ano máis, o alumnado das escolas de educación infantil puideron coñecer outra zona do noso concello e aprender de primeira man e coñecer novos oficios que favorecen o desenvolvemento da economía local, grazas a colaboración desinteresada de veciñas e veciños como Carmen, Miguel, Rosa ou Pepe.

Podes ver o álbum de fotos da xornada no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 

20190524 130118

 

As mulleres da Baña sumáronse á homenaxe a Antonio Fraguas preparando coplas e regueifando onte á tarde, acompañadas polos máis novos do municipio que, antes, estiveron elaborando un mural coas paisaxes do escritor, historiador e galeguista nado en Cotobade (Pontevedra) ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Despois de participar pola mañá na andaina literaria que se organizou dende o CPI San Vicente, nenos e nenas da Baña que asisten ás clases de pintura de Silvia Capelo estiveron elaborando un mural no que, cadaquén ao seu xeito e de forma coordinada, elaboraron as “Paisaxes de Antón Fraguas”, que logo colgarían no centro social e da terceira idade.

E mentres os máis novos pintaban, un grupo de mulleres que forman parte do Club de Regheifas de Barcala dedicáronse a crear unhas coplas para regueifar acompañadas polos nenos e nenas, e tamén algúns dos maiores que acoden habitualmente ao centro social e da terceira idade. E todo isto mentres tomaban un ‘Café con letras’ e a cativada merendaba para celebrar dun xeito ameno e divertido, recuperando as tradicións da comarca, o Día das Letras Galegas.

A regueifa que elaboraron, e que podedes escoitar no vídeo publicado no Facebook do Concello (https://www.facebook.com/ConcellodaBana/videos/430437891100224/) inclúe as seguintes coplas:

 

20190516 Cafe con Letras 1Neste ano dezanove

a Academia Galega

nomeou a Antón Fraguas

autor das Letras Galegas.

 

As mulleres de Barcala

non paran de regueifar

porque a esta homenaxe

tamén se queren sumar.

 

O día das nosas Letras

témolo que celebrar

por eso estas mulleres

queremos xa regueifar.

 

O Antón foiche un home

de moita sabedoría

que naceu en Cotobade

terra de moita alegría.

 

Pois de moita alegría

tamén che estamos na Baña

celebrando a nosa lingua

a máis bonita de España.

 

Aquí hai unha veciña

que naciu lonxe da terra

pois éche de Salamanca

e fala a lingua galega.

 

Ídevos chegando todos

a celebrar esta festa

despois do café con letras

botaremos a regueifa.

 

E se non houbese Letras

armaríamos a festa

pois pra celebrar a lingua

xa nos valemos nós mesmas.

 

E pra dar a despedida

querémosvos recordar

que este ano a Antón Fraguas

imos homenaxear.

20190517 Portada Video

A Escola de Música Tradicional da Baña e as Pandeireteiras da Baña quixeron celebrar este ano o Día das Letras Galegas gravando en vídeo co ritmo da ‘Muiñeira de Sabaxáns’, unha peza na que se recollen coplas recuperadas por Antonio Fraguas e publicadas no libro ‘Cantigueiro de Cotobade’. Dirixidos polo mestre Emilio Lois, na gravación realizada na área recreativa Agra de Chans participaron nenas, nenos e adultos do grupo de gaitas e tamén as pandeireteiras.

A Concellaría de Cultura da Baña quixo conmemorar deste xeito especial o Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Antonio Fraguas, escritor, historiador e galeguista nado en Cotobade (Pontevedra).

A ‘Muiñeira de Cotobade’ inclúe coplas de Antonio Fraguas que se cantaban nas ruadas de Loureiro (Cotobade) e que foron recollidas polo ilustre galeguista para manter a tradición oral desta zona, como tamén fixo en moitas outras de Galicia. A música foi recollida en Sabaxáns, segundo explica o director da Escola de Música Tradicional da Baña, Emilio Lois.

 

20190515 Festival RegueifasO Concello da Baña vai concentrar o vindeiro mércores, 15 de maio, os actos principais cos que celebra o Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, o escritor, historiador e galeguista nado en Cotobade (Pontevedra). E para homenaxealo, dende o Servizo de Normalización Lingüística municipal decidiron facer o mesmo que fixo durante moitos anos o propio Fraguas en moitas zonas de Galicia, recoller e recompilar cantigas da zona da Baña, nunha actividade na que as regueifas e a pintura terán tamén o seu oco. 

Os actos abertos ás familias e veciñanza da Baña vanse celebrar no centro social e da terceira idade a partir das cinco da tarde. Pero as actividades comezarán xa de mañá, coa participación do alumnado do CPI San Vicente nunha Andaina Literaria, dende o propio colexio, pasando por Vesía e ata o campo de fútbol de Cartas. Segundo as idades, os nenos e nenas farán máis ou menos percorrido. En Vesía recitarán coplas populares da Baña, e diante da casa da cultura contarán algún conto popular.

Xa pola tarde, maiores e pequenos daranse cita no centro social e da terceira idade para recuperar e recoller cantigas da zona da Baña para manter a tradición. Dende o Servizo de Normalización Lingüística da Baña recordan que Antonio Fraguas caracterizouse, entre outras cosas, por tecer unha rede de persoas para recoller patrimonio inmaterial de distintos puntos de Galicia. “É a mellor forma de manter viva a nosa cultura e tradicións”, asegura Carmen Pereiro, responsable do servizo na Baña.

Durante a tarde, o alumnado que acode ás clases de pintura de Silvia Capelo aproveitará para debuxar un mural no que amosarán a súa particular forma de conmemorar o Día das Letras. Ademais, o Club de Regheifas de Barcala, que creou o ano pasado Olalla Liñares, tamén se dará cita na Baña para regueifar e recuperar coplas tradicionais da comarca (neste enlace podes ver o vídeo do primeiro encontro interxeracional de regueifas celebrado en 2018 na Baña).

Unha xornada completa coa que o Concello da Baña conmemora este ano o Día das Letras Galegas. Para estas actividades, o concello conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.