- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 915
O Concello da Baña vai mellorar as instalacións e dotacións do Punto de Atención á Infancia (PAI) cunha achega recibida da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. Cos 28.074,60 euros recibidos, o Concello vai instalar persianas, pavimentar unha zona do patio e crear unha horta medioambiental, ademais de adquirir mobiliario para o interior e unha pantalla dixital para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías aos 20 nenos e nenas de 3 meses a 3 anos que atende o centro.
O importe da axuda ascende a 28.074,60€, que se repartirá en tres bloques de actuacións:
- Destínanse 19.998,64 euros a obras menores de adecuación e mellora do centro, que inclúen a instalación de persianas nas fiestras, pavimentación dunha zona do patio, onde se colocan bancos e se crea unha horta medioambiental.
- Adquisición e mellora do equipamento para o desenvolvemento da actividade, por importe de 6.219,19 euros para comprar mobiliario de almacenamento para o baño, aseo e cociña, un forno e vixía bebés.
- Compra dunha pizarra dixital por importe de 1.856,77 euros para a integración das novas tecnoloxías na aula.
Esta axuda pública, que ascende a 28.074,60 €, está cofinanciada nun 80 % (22.459,68 €) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dentro do obxectivo temático 10: investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e aprendizaxe permanente. Prioridade de investimento10.5: Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e aprendizaxe permanente, mediante o desenvolvemento das infraestruturas en educación e formación.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 986
Con motivo da conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, preséntase o concurso de PINTURA MURAL QDM?, no marco da Campaña de sensibilización contra a violencia de xénero QUEN DIXO MEDO? impulsada pola Deputación da Coruña.
O obxecto deste certame é empregar a pintura mural para xerar espazos que conviden á reflexión á poboación, de xeito que se muden mentalidades a través da xeración de mensaxes e imaxes claras de loita contra a violencia machista.
Poderán participar todas aquelas persoas que residan nun dos concellos participantes na campaña, entre os que está o Concello da Baña, de xeito individual ou en grupos de non máis de catro persoas. Establécense dúas categorías: adultos e menores de idade (entre 5 e 17 anos).
O prazo de admisión de deseños para o concurso será do mércores 14 de novembro ao sábado 24 de novembro, ambos incluídos.
Ademais de realizar o mural e de que a súa obra sexa difundida, o/a gañador/a de cada unha das categorías de participación recibirá como premio un IPOD TOUCH de 32 GB.
Cada participante ou grupo só poderá presentar un bosquexo orixinal e inédito, que será enviado en formato PDF, tamaño DIN A4, a cor. Así mesmo, achegarase un pequeno texto explicativo sobre as motivacións para a realización do deseño presentado e unha listaxe dos requisitos técnicos e materiais preciso para desenvolvelo, que non excederán os 100 euros e serán achegados pola organización.
A obra seleccionada realizarase nun lugar determinado con anterioridade, no Concello das/dos participantes que resulten gañadoras ou gañadores. Terá unhas dimensións aproximadas de 200x300cm, nun soporte liso e con imprimación previa en branco. O idioma que se empregará será o galego.
Podes consultar as bases completas do certame QUEN DIXO MEDO? no documento adxunto ou no enlace www.quendixomedo.gal
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1720
O Concello da Baña subrogará o uso da reitoral de San Mamede do Monte á Asociación Anxiños para que poida poñer en marcha un centro de atención á nenos enfermos psiquiátricos ou con trastornos de conducta. O acordo, que se aprobou esta mañá en pleno cos votos a favor do PP e en contra do PSOE, conta co visto bo do Arcebispado de Santiago. O edil de Compromiso por Galicia non asistiu ao pleno por atoparse enfermo.
No ano 2007 o Arcebispado de Santiago cedeulle ao Concello da Baña o uso da reitoral de San Mamede do Monte por 25 anos (ata o 2032) para habilitar unha vivenda comunitaria no edificio. As obras de rehabilitación remataron no 2010 e, en nos anos seguintes dotouse ao inmoble de diferentes subministracións e equipamento. A entrada en vigor da Lei de Estabilidade Orzamentaria, que en 2012 obrigou ao Concello da Baña a aprobar un plan de axuste financeiro; e a modificación da normativa sobre centros de atención a persoas maiores fixeron inviable a execución do proxecto inicialmente previsto.
O informe elaborado pola Secretaría do Concello recolle que “desbotada a idea inicial de posta en funcionamento da citada residencia por razóns de índole legal, técnica e económico financeira que determinaron a consideración da inviabilidade do proxecto inicialmente concibido, non se formularon propostas alternativas nin constan iniciativas tendentes á consecución do interese xeral e o concreto interese municipal” para esta reitoral.
En abril de 2017, a Asociación Anxiños presentou no Concello da Baña unha solicitude na que pedía a subrogación no convenio co Arcebispado de Santiago para utilizar as instalacións da reitoral de San Mamede para promover a integración psicosocial dos nenos con trastornos de saúde mental, que permitirá que ata 8 nenos vivan neste edificio. Subrogación aprobada hoxe.
O alcalde, Andrés García Cardeso, explicaba ao comezo da sesión que, una vez recibida a petición da Asociación Anxiños, o Concello solicitou todos os informes pertinentes na Consellería de Política Social para coñecer se era viable ceder o uso da reitoral. “Eses informes foron positivos, e dende a Consellería tamén nos aseguraron que era inviable a construción dunha vivenda comunitaria, fogar residencial ou centro de día, por non cumprir coa normativa en vigor”. Por este motivo, dende o goberno propoñen cederlle o uso da reitoral a asociación, “ao non se presentar outras propostas, máis aló de crear un centro de refuxiados no inmoble”, dixo.
Dende o PSOE, José Antonio Pereira foi moi crítico co alcalde, a quen acusou de “enganar aos veciños, aos que sempre lles dixo que aí se ía construír unha iniciativa para a terceira idade”. Pereira, tras recoñecer que o de Anxiños “é un bo proxecto”, asegurou que na restauración do inmoble “se investiron uns 700.000 euros de cartos públicos e que agora se lle ían regalar a unha asociación” para un proxecto “que non vai beneficiar en nada aos veciños da Baña, que seguen sen ter un centro de día”.
Andrés García Cardeso recoñece que se investiron fondos públicos para acondicionar o edificio, “que non podemos dedicar a centro para maiores, como pretendíamos. Agora queremos darlle unha utilidade, e por iso propoñemos esta cesión á Asociación Anxiños”. Manuel Tourís abundou nesta idea ao sinalar que “aos nenos enfermos psiquiátricos que atende este asociación, estámoslles dando unha oportunidade, coa cesión da reitoral”. O concelleiro engadiu que, ata o momento, ningún membro da corporación presentou “outra alternativa para a reitoral, toda vez que o centro de día ou o fogar residencial son inviables”.
Na votación, a subrogación foi aprobada con 5 votos a favor do PP e 4 en contra do PSOE. Agora, o concello deberá redactar o convenio coa Asociación Anxiños.
Entre os asistentes ao pleno atopábanse tres membros da Asocaición Anxiños. Ruth Gómez, presidenta; José Luis Cacharrón, secretario, e María Gudiña, vogal e nai de dous nenos enfermos.
Ao rematar a sesión, Rut Gómez amosábase “moi feliz, porque despois de moito tempo de loita, os nenos enfermos mentais ingresados no hospital de Santiago van ter un espazo amplo, cun gran xardín, no que continuar a súa recuperación e tratamento, co mesmo coidado e amor que teñen no CHUS”. Gómez engadiu que a reitoral de San Mamede servirá tamén como “un área de respiro para os país de nenos enfermos mentais ou con trastorno de conduta, e como unha segunda estancia para estes enfermos”, asegurou.
Festivos locais e xuíz de paz
No pleno tamén se aprobaron os festivos locais para 2019, que serán o 22 de xaneiro e o 9 de setembro.
Como xuíz de paz propúxose ao único candidato que se presentou, Antonio Martínez Méndez, quen xa ven exercendo esta función.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 946
-
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria de concorrencia non competitiva para a que os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 15 de decembro, tanto de xeito presencial como telemático
-
Os apoios, que van dos 250 aos 400 euros anuais, están dirixidos aos consumidores con máis dificultades e garantirán un acceso continuado a esta necesidade básica
A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas complementarias ao bono social do Estado grazas ás que os consumidores máis vulnerables poderán evitar os cortes de subministración eléctrica nos seus fogares. Coa publicación desta convocatoria hoxe, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a nosa Comunidade convértese na primeira en ofrece estas axudas complementarias.
Esta nova liña de apoios á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 1,2M€ -que se ampliarán en caso de ser necesario- diríxense aos consumidores con máis dificultades. En concreto, os destinatarios son persoas residentes en Galicia e titulares dun contrato de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais.
Os apoios, que se outorgarán por concorrencia non competitiva a todos cantos cumpran os requisitos, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 250 ou 400 euros -no caso de familias numerosas-. Esta cantidade, unida ás axudas estatais, permitirá que o beneficiario non teña que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo o acceso continuado á subministración eléctrica e dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda autonómica.
Para facilitar o acceso a estas axudas, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes tanto de xeito presencial como telemático. Por iso, ademais de habilitarse oficinas nas catro xefaturas territoriais, en Santiago de Compostela e en Vigo, poderanse presentar no rexistro do concello no que o solicitante teña o seu domicilio.
Establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución, polo que unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, realizarase o pago por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria directamente aos comercializadores de referencia cos que se teña asinado un protocolo de colaboración. O prazo para solicitalas remata o 15 de decembro.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 845
A unidade móvil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase este luns, día 3 de setembro, ata o Concello da Baña facilitar que todos os veciños e veciñas interesadas en doar sangue poidan facelo.
A unidade móvil estará aparcada diante do centro de saúde da Baña de 10.00 a 14.30 horas.
Dende a Axencia de Doazón de Organos e Sangue recordan que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns cada día para atender a una media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.
As persoas interesadas en colaborar doando sangue teñen que ter entre 18 e 65 anos e pesar máis de 50 quilos.
Se queres colaborar, leva o DNI e achégate este luns, de 10.00 a 14.30 horas, á unidade móvil do Centro de Transfusión de Galicia que estará aparcada diante do centro de saúde da Baña.
Podes atopar máis información neste enlace: https://ados.sergas.gal/DDoazondesangue/405/PODO%20DOAR-PUEDO%20DONAR%203-18.pdf