A Baña celebrará o seu primeiro Torneo de Pádel do 20 ao 23 de xullo nas pistas do pavillón de Lañas
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 841
-
Poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos e contará con oito categorías diferentes //
-
A inscrición, aberta ata o 18 de xullo, farase por parellas e terá un custo de 5 euros para as dúas persoas integrantes //
-
As quince primeiras inscricións serán premiadas con un agasallo especial, que se sumará ao obsequio de benvida a todos os participantes //
As pistas do pavillón de Lañas serán o escenario do I Torneo de Pádel Concello da Baña, que se xogará na fin de semana do 20 ao 23 de xullo. Poderán participar neste torneo todas as persoas maiores de 14 anos que así o desexen apuntándose por parellas ata o martes 18 de xullo. O custo xeral da inscrición é de 5 euros por parella, pero no caso de que unha parella participe en dúas categorías diferentes ou unha mesma persoa xogue en dúas parellas distintas o prezo será de 8 euros polas dúas inscricións.
O primeiro Torneo de Pádel da Baña contará cun total de oito categorías (iniciación masculina e feminina; 2ª masculina, feminina e mixta; e 3ª masculina, feminina e mixta), precisándose en cada unha un mínimo de oito parellas inscritas. Levarán premio, consistente en trofeo máis material deportivo, as persoas finalistas de cada categoría.
Todas as persoas participantes recibirán obsequios de benvida. As quince primeiras parellas inscritas levarán, ademais, uns agasallos especiais. A inscrición, aberta ata o martes 18 de xullo ás 23.59 horas, poderá facerse nos teléfonos 633 499 635 (Dani) e 669 368 413 (departamento de Deportes do Concello da Baña).
A organización publicará os cadros de xogo e os horarios na web municipal e nas oficinas do Concello o mércores 19 de xullo. No caso de que algunha parella non poida xogar na hora asignada, deberá dalo a coñecer para que se poidan facer as correspondentes modificacións sempre que sexa posible. As bases de participación poden consultarse nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 593
-
Alumnado das diferentes modalidades fixo unha demostración o sábado no polideportivo de San Vicenzo diante de familiares e amizadas //
-
O Club Patinaxe Sarela, de Ames, clausurou o acto cunha exhibición de patinaxe artística //
-
As persoas adultas organizaron o venres un pequeno torneo en Lañas para clausura da escola de pádel //
O Concello da Baña clausurou esta fin de semana o curso 2022-23 das escolas deportivas municipais, nas que este ano se inscribiron 116 menores nas diferentes modalidades ofertadas. O sábado pola mañá, nenos e nenas fixeron unha demostración do aprendido no polideportivo de San Vicenzo diante de familiares e amizades, mentres que o venres, as persoas adultas que acudiron a pádel organizaron un pequeno torneo en Lañas. Todas as persoas participantes levaron un pequeno agasallo do Concello.
No curso 2022-23, o Concello da Baña ofertou nas escolas deportivas municipais judo, karate, tenis, tenis de mesa, pádel, xadrez, baile moderno, fútbol sala e patinaxe artísticas disciplinas nas que se matricularon en total 116 menores de idade. Como moitos deles participaron en varias disciplinas, o número total de matrículas nas escolas deportivas ascendeu a 170 no curso escolar que agora remata. Tras a exhibición realizada o sábado no polideportivo de San Vicenzo levaron como recordo un agasallo da Concellaría de Promoción da Vida Activa e Deporte.
Tras recibir numerosos aplausos do público que se xuntou no polideportivo de San Vicenzo, a xornada rematou cunha exhibición do Club patinaxe Sarela, de Ames.
O venres pola tarde tamén rematou a escola de pádel para persoas adultas. No polideportivo de Lañas as persoas que asistentes organizaron un torneo no que se proclamou gañadora a parella formada por Alba e María, quedando subcampións Carlos e Paula. Todas as persoas asistentes levaron un agasallo como recordo da participación na escola de pádel.
Pica aquí para ver o álbum fotográfico da páxina de Facebook
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 536
- A Baña dispón de tres prazas na quenda que vai do 16 ao 21 de xullo ||
- As solicitudes deberán presentarse no Concello ata o 7 de xuño ||
A Deputación da Coruña abre mañá, mércores 10 de maio e ata o 7 de xuño, o prazo para participar nos Campamentos Deportivos de Verán 2023, que se celebrarán nas instalacións do instituto Rosalía Mera, na Coruña. Están dirixidos a rapazada de nada entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2014, é dicir, entre 9 e 14 anos. Ao Concello da Baña concedéronlle 3 prazas na quenda que vai do 16 ao 21 de xullo. As inscricións realizaranse no Concello da Baña.
CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DE VERÁN 2023
- Lugar: Instalacións do IES Rosalía Mera, rúa Archer Milton Huntington, 24, A Coruña.
- Datas: do 16 ao 21 de xullo de 2023.
- Destinatarios: rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos anos, cumpridos no presente ano.
- Programación: actividades e xogos ao aire libre e nas instalacións do instituto; deportes náuticos, xornada de praia, visitas culturais, deportivas e etnográficas.
- Prezo: 85 euros.
- Inclúe: transporte interno, estadía, manutención e actividades.
- Nº de prazas: 3. Teñen preferencia os nenos e as nenas que non participasen no campamento deportivo da Deputación en edicións anteriores. No caso de ser máis solicitudes que prazas, o Concello realizará un sorteo público diante do secretario.
- Inscricións: ata o 7 de xuño, no Concello da Baña.
Máis información e ficha de inscrición no arquivo adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 92
O Concello da Baña vai recibir unha subvención de 15.000 euros da Deputación da Coruña para o mantemento do persoal técnico nos servizos municipais de deporte con titulación universitaria durante o ano 2023.
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou onte, xoves 1 de xuño, a resolución definitiva pola cal se lle concede este importe ao Concello bañense ao abeiro da convocatoria do programa FO106: Convocatoria do programa de subvencións a concellos e outras entidades locais para financiar gastos de persoal técnico nos servizos municipais de deporte en 2023.
A resolución do BOP pode consultarse no documento adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 884
-
O sábado 1 de abril celebrarase unha homenaxe no descanso do encontro dos Veteranos da Baña
-
No acto inauguraranse tamén os novos vestiarios do campo de fútbol
O campo municipal de fútbol da Baña, situado en Agra de Cartas, levará o nome de Antonio Martínez, en homenaxe a unha figura fundamental da Sociedade Deportiva A Baña e do deporte local. O sábado 1 de abril celebrarase un acto de homenaxe no descanso do partido da categoría de veteranos e descubrirase unha placa no seu recordo, logo de que o Pleno do concello aprobase por unanimidade concederlle o recoñecemento de dar nome a estas instalacións deportivas.
Antonio Martínez Fernández, máis coñecido polo alcume do Cubano, foi fundador, presidente e directivo da Sociedade Deportiva A Baña durante máis de 30 anos. O Pleno municipal decidiu, na sesión ordinaria celebrada o martes 28 de marzo e por unanimidade, poñerlle ao campo de fútbol o seu nome en atención aos "seus méritos como veciño da Baña e no seu labor na promoción do deporte, en especial do fútbol, no municipio". Martínez Fernández, falecido en 2016 aos 92 anos, formou parte da directiva do club desde a súa fundación, en 1978, e ostentou a presidencia durante máis de tres décadas, nunha “vida dedicada de forma altruísta á SD A Baña, e tendo un labor moi importante na promoción do deporte no municipio".
A homenaxe a esta figura clave na difusión do deporte bañense levarase a cabo o próximo sábado, 1 de abril, ás 17 horas, coincidindo co partido entre o equipo de Veteranos da Baña e o Advoc. Jr Motor & Arturo, un combinado que tamén xoga como local no campo de Cartas. No descanso do encontro descubrirase a placa coa lenda Campo municipal de fútbol Antonio Martínez e, ademais, inauguraranse os novos vestiarios de que goza a instalación. Para rematar, o público asistente poderá participar na churrascada ofrecida pola SD A Baña, Veteranos A Baña e a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte do Concello da Baña.
Autor da fotografía de Antonio Martínez: Javier Iglesias Ramos.