Un total de 27 parellas disputarán a primeira edición do Torneo de Pádel da Baña que se xogará esta vindeira fin de semana do 17 e do 18 de novembro nas pistas do pavillón de Lañas.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publícanse agora os cadros de xogo nas tres categorías que haberá en competición: 3ª masculina, 3ª feminina e 3ª mixta. 

As persoas finalistas en cada categoría serán premiadas cun trofeo e material deportivo. Ademais, todos os participantes neste I Torneo de Pádel A Baña levarán así mesmo diversos agasallos de benvida.

A competición desenvolverase o venres 17 e o sábado 18 de novembro entre as 8.45 e as 14.00 horas pola mañá e entre as 16.00 e as 22.00 pola tarde.

 

Os cadros definitivos poden consultarse nas imaxes a continuación ou nos arquivos adxuntos.

 

Cadro 3ª masculina

 

Cadro masculino 1

Cadro masculino 2

Cadro de xogo 3ª feminina

 Cadro feminino 1

Cadro feminino 2

Cadro de xogo 3ª mixta

 

Cadro mixta

 

Nota: Os horarios dos partidos de consolación da categoría mixta serán decididos por acordo entre os propios participantes.   

 

  • Poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos e contará con oito categorías diferentes //

  • A inscrición, aberta ata o 14 de novembro, farase por parellas e terá un custo de 5 euros para as dúas persoas integrantes //

  • As quince primeiras inscricións serán premiadas con un agasallo especial, que se sumará ao obsequio de benvida a todos os participantes //

I Torneo de Pádel A Baña

As pistas do pavillón de Lañas serán o escenario do I Torneo de Pádel Concello da Baña, que se xogará na fin de semana do 17 e 18 de novembro. Poderán participar neste torneo todas as persoas maiores de 14 anos que así o desexen apuntándose por parellas ata o martes 14 de novembro. O custo xeral da inscrición é de 5 euros por parella, pero no caso de que unha parella participe en dúas categorías diferentes ou unha mesma persoa xogue en dúas parellas distintas o prezo será de 8 euros polas dúas inscricións.

O primeiro Torneo de Pádel da Baña contará cun total de oito categorías (iniciación masculina e feminina; 2ª masculina, feminina e mixta; e 3ª masculina, feminina e mixta), precisándose en cada unha un mínimo de oito parellas inscritas. Levarán premio, consistente en trofeo máis material deportivo, as persoas finalistas de cada categoría.

Todas as persoas participantes recibirán obsequios de benvida. As vinte primeiras parellas inscritas levarán, ademais, uns agasallos especiais. A inscrición, aberta ata o martes 14 de novembro ás 23.59 horas, poderá facerse nos teléfonos 633 499 635 (Dani) e 669 368 413 (departamento de Deportes do Concello da Baña).

A organización publicará os cadros de xogo e os horarios na web municipal e nas oficinas do Concello o mércores 15 de novembro. No caso de que algunha parella non poida xogar na hora asignada, deberá dalo a coñecer para que se poidan facer as correspondentes modificacións sempre que sexa posible.

As bases de participación poden consultarse no arquivo adxunto e premendo nesta ligazón.

  • Disputarase o domingo 1 de outubro e contará con catro modalidades: dúas competitivas de 28 e 16 quilómetros respectivamente; e dúas andainas de 16 e 10 quilómetros

  • A proba presentouse esta mañá na antiga central hidroeléctrica, un dos paraxes naturais e etnográficos polos que pasan os percorridos

  • Asistiron á presentación o alcalde, José Antonio Pereira; a concelleira de Deporte, Ana Pensado; e Sergio Vieites e Montse Avión, do club Seixos

  • A inscrición pode facerse en liña a partir do luns a través da páxina www.galitiming.com

20230805 Presentacion Trail 01 web 

O Trail da Baña, todo un clásico desta especialidade de carreiras de montaña, presentouse esta mañá na antiga central hidroeléctrica do río Faílde. A proba celebrarase o domingo 1 de outubro nas modalidades de trail, con dúas distancias a escoller; e de andaina non competitiva, tamén con dous percorridos adaptados ás condicións físicas dos participantes. O responsable da organización é un ano máis o club Seixos, coa colaboración do Concello da Baña. A cita presentouse hoxe na antiga central hidroeléctrica da Baña coa presenza do alcalde, José Antonio Pereira Gil; da concelleira de Deporte, Ana Pensado; e de Sergio Vieites e Montse Avión, do club organizador.

Os competidores do trail poderán anotarse para realizar a distancia completa, de 28 quilómetros a través de camiños antigos, pistas e paraxes naturais; ou no mini trail, que cubrirá 16 quilómetros. As dúas probas contarán con premios para os tres mellores nas categorías absoluta (máis de 18 anos), veteranos 1 (desde os 40 anos) e veteranos 2 (a partir dos 50), ademais dos primeiros clasificados orixinarios do Val de Barcala (A Baña e Negreira). Os corredores sairán do pavillón municipal da Baña ás 9:45, cun máximo de cinco horas para completar os esixentes percorridos, que atravesan lugares tan singulares como as escaleiras da vella central ou os camiños que comunicaban as aldeas bañenses.

En canto ás andainas, nelas primarán os compoñentes social e ambiental, co obxectivo de dar a coñecer os vellos sendeiros e os lugares singulares cos que conta A Baña. Haberá unha camiñada de 16 quilómetros e outra de 10, e comezarán ás 10:00 h, tamén no pavillón.

A inscrición, aberta para federados e non federados, estará dispoñible a partir do luns 7 de agosto e ata o 28 de setembro a través da plataforma electrónica Galitiming, cun prezo de 18 euros o trail, 15 € o mini trail, 12 € a andaina longa e 10 € a curta. Todas as probas, tanto os trails coma as andainas, contarán con avituallamentos líquidos e sólidos durante o percorrido. Para o abastecemento do final da competición, a organización conta coa colaboración dunha entidade de prestixio probado como é Ternera Gallega. Alén dos premios, todos os inscritos recibirán un agasallo en recordo da súa participación.

“Un escaparate da riqueza natural da Baña”

O Trail da Baña converteuse nos últimos anos nunha referencia entre os deportistas da comarca que practican esta modalidade de carreira de montaña, tanto pola calidade da súa organización coma polas paisaxes que atravesa. O alcalde, José Antonio Pereira, destacou precisamente isto: “Esta proba é un escaparate ideal para mostrar a riqueza natural da Baña, os seus montes, os sendeiros centenarios e o patrimonio etnográfico do municipio. O feito de presentarmos a competición aquí, na antiga central hidroeléctrica, pola que pasarán os corredores, amosa o tipo de paraxes que atopará quen se achegue o 1 de outubro”.

Pola súa banda, Ana Pensado —concelleira de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais— destacou a importancia deste tipo de citas na “promoción do deporte e, máis alá, da vida saudable” e animou á participación de veciñanza e visitantes “con independencia da súa condición física, dado que existen moitas alternativas con diferentes graos de dificultade, todas elas igualmente atractivas para quen queira coñecer lugares sorprendentes”.

20230805 Presentacion Trail 02 web

 

3 de outubro

O Concello da Baña fai pública a resolución da alcaldía coa listaxe definitiva de rapazada admitida nas Escolas deportivas municipais para o curso 2023-2024.

A listaxe pódese consultar en documento adxunto e premendo nesta ligazón

 

13 de setembro

O Concello da Baña fai pública a resolución da alcaldía coa listaxe provisional de rapazada admitida nas Escolas deportivas municipais para o curso 2023-2024.

A listaxe pódese consultar en documento adxunto e premendo nesta ligazón

 

1 de setembro

O Concello da Baña abre o prazo de inscrición para participar nas Escolas deportivas municipais para o curso 2023-24, que van comezar o vindeiro luns 11 de setembro. As persoas interesadas en coñecer as diferentes disciplinas poderán acudir a practicalas durante as xornadas de portas abertas entre os día 11 e 18 deste mes.

O prazo para matricularse neste servizo que ten como obxectivo facilitar a conciliación ás familias do municipio así como achegar e promover a actividade física a toda a poboación do concello da Baña estará aberto dende mañá, sábado día 2, ata o luns 11 de setembro. A inscrición poderá facerse na sede electrónica do Concello ou presencialmente nas oficinas municipais

A novidade neste curso será o pádel e o baloncesto, que se suman deste xeito ao tenis, pilates, tenis de mesa, xadrez en liña, patinaxe artística, karate, judo e baile moderno como as disciplinas que forman parte da ofertan entre os meses de setembro a maio, ámbolos dous incluídos.

O número mínimo de usuarios para cada actividade será de cinco, sen prexuízo de eliminar a actividade da escola se non se chega a ese número mínimo.

As clases desenvolveranse en horario de tarde, coincidindo co calendario escolar anual. O servizo está dirixido á poboación xeral, a partir dos tres anos de idade.

As Escolas deportivas da Baña desenvolveranse a partir das 15.30 horas ofertando: baile moderno e baloncesto os luns e xoves; judo os luns; patinaxe artística (dividida en dous grupos) e karate os martes e xoves; pilates os mércores e venres; tenis os xoves; tenis de mesa os venres; e pádel os venres e sábados.

Horarios Escolas Deportivas Bana 2023 2024

O custo é de 60 euros por tempada e actividade. No caso de inscribirse en máis dunha actividade o prezo será de 90 euros por curso. Haberá tamén a posibilidade de adquirir un bono familiar polo cal a contía será de 99 euros por tempada no caso da inscrición de dous membros da mesma unidade familiar, e de 132 se un dos integrantes realiza dúas ou máis actividades. No caso de tres ou máis membros da mesma unidade familiar cunha actividade cada un o prezo será de 132 euros e cun dos membros en dúas ou máis de 150.

A inscrición nas Escolas deportivas municipais da Baña debe facerse cubrindo o formulario que se pode descargar na páxina web e, unha vez cuberto, remitilo a través da sede electrónica do Concello ou remitindo a documentación por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. xunto coa documentación requerida. Tamén se poden entregar na Concellería de Deportes.

Ademais da ficha de inscrición debidamente cuberta, para formalizar a matrícula é preciso entregar tamén cubertas tanto a autorización de imaxe, como a declaración responsable e a domiciliación bancaria. Estes documentos pódense descargar nos arquivos adxuntos, en formato PDF editable, que facilitan cubrilos no ordenador e poder remitilos, unha vez asinados, á sede electrónica do Concello da Baña.

 

A petición das persoas interesadas en participar, e co gallo de buscar unhas datas fóra da época estival nas que poida participar o maior número de persoas, o Concello da Baña decidiu adiar a celebración do seu primeiro Torneo de Pádel.

En breve comunicaranse as novas datas de celebración.