- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 798
A comitiva dos Reis Magos de Oriente chegará mañá á Baña sobre as cinco e media da tarde, para recibir a pequenos e maiores no local social. Alí escoitarán atentamente todas as peticións de nenas e nenos, e tamén dalgún que outro avó ou avoa, se se animan. Para os asistentes haberá un agasallo, 200 bolsas con lambetadas e doces, tamén aptos para persoas celíacas ou diabéticas.
Ao rematar a recepción, as persoas asistentes poderán degustar rosca e chocolate (tamén aptos para celíacos e diabéticos) no local da terceira idade, mentres os Magos de Oriente se achegan ata o fogar residencial de Ceilán para agasallar ás persoas maiores.
Precisamente no local da terceira idade, os Magos atoparanse cunha decoración especial que estiveron facendo este días os nenos e nenas que participaron no Nadal Xogo, que rematou hoxe.
Maxia con Pedro Bugarín
E para amenizar a espera pola chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar, outro mago, neste caso Pedro Bugarín, ofrecerá o seu espectáculo de maxia a partir das catro e media da tarde no local social.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 870
Agrupacións de música tradicional da Baña, Frades, Rianxo, Santiago e Vedra animaron onte o ambiente da Baña ao ritmo de pandeiretas, gaitas e tambores durante a Troula de Nadal, que xuntou a moitos veciños e visitantes nas instalacións da escola de música (antigas escolas vellas) para pasar unhas horas de lecer. Organizado polo Concello da Baña e ACM Os Campantes da Baña, houbo ata quen se animou a bailar.
Os máis aplaudidos foron os nenos e nenas que están comezando ás tocar a gaita na Escola de Música Tradicional da Baña. Sobre o escenario amosaron que a música tradicional ten futuro na Baña, despois de interpretar varias pezas xunto co seu mestre, Emilio Lois, a quen ao rematar lle entregaron un bonito que acabou emocionando ao líder dos Campantes da Baña e mestre en outras agrupacións de música tradicional da contorna de Santiago.
Os adultos que están aprendendo nesta escola a tocar a pandeireta e a gaita non dubidaron en subirse ao escenario para animar unha velada que tiña como obxectivo despedir o ano con boa música, mellor humor e poñendo en valor a tradición cultural da nosa terra.
As Pandereteiras da Baña, o grupo de gaitas do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia (Santiago), as Dedaleiras de Sarandón (Vedra), Vai de Roda (Rianxo), e Sarillo de Aiazo (Frades) foron as outras agrupacións que animaron coa súa música unha tarde na que gozaron maiores e pequenos.
Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 817
O Concello da Baña felicítalle as festas á veciñanza, amigos e visitantes, desexándolles un Bo Nadal e Ventureiro 2019.
Pódes ver o vídeo no canal de Youtube do Concello da Baña. Preme neste enlace
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 645
A música tradicional galega volverá mañá a ser a protagonista na Troula de Nadal, unha iniciativa do Concello da Baña en colaboración coa ACM Os Campantes, para que os grupos de música tradicional do municipio e arredores teñan un espazo no que amosar o seu bo facer, ao tempo que se mantén a aposta por potenciar a cultura do país.
A Troula de Nadal comezará ás 20.30 horas nas Escolas Vellas da Baña nun concerto no que participarán integrantes da Escola de Música Tradicional da Baña, as Pandereteiras da Baña, Escola do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, de Santiago; as Dedaleiras de Sarandón (Vedra), Vai de Roda, de Rianxo, e Sarillo de Aiazo (Frades).
O Concello da Baña convida a nenas e nenos a asistir este Nadal ao parque de atraccións Silleda Park
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 816
O Concello da Baña convida a todos os nenos e nenas do municipio a acudir ao parque de atraccións Silleda Park o xoves 27 de decembro, de tres e media da tarde a nove e media da noite. Para facilitar os desprazamentos, o Concello ofrecerá un servizo de autobús onde a cativada deberá ir acompañada polo pai, nai, titor ou persoa autorizada.
A inscrición deberá realizarse na Concellería de Cultura, planta alta do concello, dende o luns 17 de decembro ata o día antes da visita. As prazas son limitadas, 55 entre menores e familiares, e terán preferencia os empadroados na Baña.
As entradas para o Silleda Park custan 6 euros por persoa e os menores de tres anos pasarán de forma gratuíta. Ademais, con cada ticket todos os asistentes poden acceder as veces que queiran nas atraccións.
A rapazada e os non tan cativos poderán gozar con infinidade de atraccións como saltóns, pista de coches, dragón, barco, tiratacos, camas elásticas, scalextric, inchables, Mario kart... Ademais, Silleda Park dispón de servizo de restauración, karting infantil, videoxogos, pistas deportivas, máquinas recreativas, talleres de maquillaxe, globoflexia e moito máis. Todo o preciso para pasar unha tarde de Nadal divertida e chea de actividades onde adultos e cativos poderán gozar uns cos outros.
Podes descargar e cubrir a ficha de inscrición no arquivo adxunto a esta nova.