- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1135
-
As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o día 24 de xeito telemático ou presencialmente no rexistro municipal //
-
Haberá premios en metálico nas seis categorías do concurso //
-
A festa iniciarase ás 16.00 coa charanga Os Celtas para darlle paso ao desfile a partir das 16.30 horas //
-
Unha disco móbil e inchables poñeranlle a guinda á xornada //
O sábado 25 de febreiro será o día no que o Concello da Baña celebre o seu tradicional desfile de entroido, no que repartirá un total de 3.350 euros en premios nun total de seis categorías: carrozas, comparsa, grupo, parella, individual infantil e individual adulto.
A festa comezará ás 16.00 horas coa actuación da charanga Os Celtas, para darlle inicio ao desfile ás 16.30 horas. Unha vez remate, procederase á entrega de trofeos e maiores e cativada poderán seguir gozando coa música de CDC Disco Móvil e inchables.
Todas as persoas interesadas en participar no concurso de entroido deberán cubrir o formulario de inscrición e presentalo telematicamente a través da sede electrónica do Concello da Baña ou de xeito presencial no rexistro municipal. A data límite para inscribirse é o venres 24 de febreiro ás 14.00 horas. No caso dos menores de idade, o formulario de inscrición deberá ir acompañado dunha autorización asinada polo pai, nai ou titor/a.
O Concello outorgará premios en metálico nas seis categorías do concurso de disfraces. As categorías de carroza e de comparsa contarán con 1.450 euros para os premios, divididos nun primeiro premio de 900 €, un segundo de 400 € e un terceiro de 150 euros. Nas categorías de individual infantil, individual adulto e parella outorgarase un único premio de 100 euros. E o mellor grupo levará 150 euros.
Segundo as bases, os grupos deberán estar formados por entre 3 e 6 persoas, mentres que as comparsas e as carrozas terán que ter un mínimo de 7 membros. Ademais, no caso das carrozas todas as persoas (ou unha parte) integrantes terán que desfilar enriba dun móbil. En todos os casos, os membros deberán representar un mesmo motivo e nomear a un voceiro ou voceira.
O concurso desenvolverase pola rúa Rosalía de Castro, a praza do Concello e a rúa Xacinto Rodríguez. O xurado, composto por tres persoas alleas ao Concello da Baña valorará o vestiario e a maquillaxe, o emprego de materiais de refugallo e o traballo a man, a orixinalidade, a posta en escena e a interacción co público.
Todos as persoas participantes, grupos, carrozas e comparsas que o desexen poderán facer unha exposición ou actuación diante do concello e para iso terán un tempo máximo de 5 minutos.
As bases, a ficha de inscrición e o modelo de autorización, no caso dos menores, están dispoñibles nos arquivos adxuntos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 621
-
Celebraranse na Axencia de lectura na tarde do venres 17 de febreiro e nas mañás do luns 20 e do mércores 22 //
-
As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do luns 6 de febreiro no Departamento de Cultura ou no teléfono 981 88 65 01 //
As nenas e os nenos da Baña poderán gozar de varias actividades de carácter gratuíto durante as vacacións de Entroido. O Concello, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Lorena Trillo, organizou para os días 17, 20 e 22 de febreiro unha serie de obradoiros para crianzas de entre 3 e 12 anos que terán como temática o Entroido. Os menores participantes confeccionarán máscaras, ademais doutras manualidades e xogos.
Os obradoiros desenvolveranse na Axencia de lectura da Baña o venres 17 en horario de tarde, de 16.30 a 19.30 horas, e os días 20 e 22 de febreiro pola mañá, de 10.00 a 13.00 horas. Coa organización destas actividades o Concello quere facilitar a conciliación das familias do municipio durante as vacacións escolares de Entroido.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse, de balde, a partir do luns 6 de febreiro, de xeito presencial no Departamento de Cultura da Baña ou por teléfono, chamando ao 981 88 65 01.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 829
-
As tres reciben un lote de libros como premio do concurso organizado pola Concellería de Cultura
-
As súas fotos formarán parte do calendario 2023 do Concello da Baña xunto con outras nove seleccionadas polo xurado entre as 22 que participaron no concurso
-
As imaxes poderanse ver esta semana na casa da cultura
Tres mulleres foron as gañadoras do concurso de fotografía ‘Elas no outono’ que organizou a Concellería de Cultura da Baña para reivindicar o papel da muller e ofrecer unha visión diferente da figura feminina durante o outono.
As tres gañadores foron Erica Blanco Rey, na categoría de persoa adultas, coa súa obra Aire puro, sacada na planta da antiga minicentral. Na categoría de 12 a 17 anos o premio foi para a única imaxe presentada, Carballeira de Vilacoba con vistas a agra e o río Tambre, de Antía Iglesias Güimil. Contrastes e o título da imaxe presentada por Iria Paredes Blanco na categoría de 6 a 11 anos. A foto foi sacada en Vilar de Cima, na parroquia de Corneira.
Estas tres imaxes formarán parte do calendario 2023 do Concello da Baña, xunto a outras nove que participaron no concurso e que foron seleccionadas polo xurado, que estivo composto pola concelleira de Cultura, Lorena Trillo, o fotógrafo bañense Javier Iglesias, e o director da axencia de comunicación Alicentis, Juan Martínez. O tribunal destacou o número de fotografías presentado ao certame, un total de 22 imaxes, e a variedade temática abordada nas mesmas. “É un primeiro paso para por en valor ás mulleres da Baña e todo o bo que temos que ofrecer no noso concello”, dixo Lorena Trillo.
As fotografías presentadas a esta primeira edición do concurso pódense ver na casa da cultura durante a vindeira semana.
As tres gañadoras recibirán como premio un lote de libros acorde a súa idade. Lorena Trillo e Javier Iglesias xa lle entregaron hoxe o agasallo a nai de Antía Iglesias despois da conferencia do fotógrafo bañense na casa da cultura.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 750
-
Ábrense catro grupos por idades para rapazada a partir de oito anos e persoas adultas //
-
As inscricións formalizaranse a través da sede electrónica ou enviando un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co formulario debidamente cuberto //
Durante o mes de decembro, cativada de 8 anos en adiante e persoas adultas poderán poñer a proba de xeito gratuíto as súas dotes dramáticas na nova escola de teatro do Concello da Baña, que comezará a andar de xeito oficial a partir de xaneiro baixo a dirección de Xan Martínez.
A Escola municipal de teatro e conciencia corporal quere recuperar, coincidindo co trinta aniversario da súa fundación, a escola de teatro bañense Berenguela, que chegou a ser coñecida en toda Galicia tanto pola formación de intérpretes como pola posta en escena de obras de moi diversa índole.
Nenas e nenos terán clases nas instalacións do CPI San Vicente. Os luns de 16.30 a 17.30 será a quenda dos que teñen entre 8 e 10 anos; xusto despois, e ata as 18.30 horas, tocaralle ás cativas e cativos de entre 10 anos e 12 anos; e xa os martes, de 15.00 a 16.30 horas, terán aulas mozas e mozos de 12 a 16 anos. As persoas adultas, pola súa parte, acudirán ao local social de San Vicenzo os luns de 18.45 a 20.15.
Logo do periodo de proba en decembro, as persoas interesadas en continuar na Escola de teatro deberán formalizar a inscrición presentando o formulario debidamente cuberto a través da sede electrónica ou envíandoo por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prezo das clases é de 20 euros por trimestre.
O formulario de inscrición pódese descargar no arquivo adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 786
- O obxectivo do certame é ofrecer unha imaxe da muller nun entorno natural e rural
- Só se poderán enviar fotografías relacionadas coa temática tomadas dentro dos límites do municipio
- O prazo de presentación das obras remata o 3 de novembro
- Seleccionaranse 12 fotografías para o calendario 2023 pero só haberá unha obra gañadora en cada unha das tres categorías establecidas
O Concello da Baña promove o I Concurso fotográfico Elas no outono 2022 co obxectivo de reivindicar o papel da muller e ofrecer unha visión diferente da figura feminina durante o outono nunha contorna rural e natural como é o municipio bañense. O xurado seleccionará un máximo de 12 fotografías, que formarán parte do calendario 2023 do Concello e formarán parte dunha exposición que se inaugurará o 5 de novembro na casa da cultura.
O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 6 anos que desexen participar, enviando unha fotografía coa muller como protagonista. As imaxes deberán ser tomadas dentro dos límites territoriais do municipio da Baña e ser orixinais; é dicir, que non se teñan presentado a outro certame. Cada participante só poderá presentar unha fotografía dixital cun tamaño máximo de 6.000 píxeles no lado longo e 5 Mb de peso.
As persoas participantes deberán enviar a súa foto por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.antes das 15.00 horas do 3 de novembro de 2022. No asunto deberá figurar ‘Concurso de fotografía elas no outono 2022’, e no corpo do correo o. Nome da imaxe, o lugar onde foi tomada a foto e o seudónimo co que participa o autor. Nun documento adxunto deberanse incluír todos os datos de contacto da persoa participante, como figuran nas bases, ademais dun teléfono e correo electrónico de contacto.
Neste concurso establécense tres categorías. Os participantes de 6 a 11 anos competirán na categoría 1, os de 12 a 17 na categoría 2 e os de 18 ou máis anos, na categoría 3. A persoa gañadora de cada categoría recibirá como premio un lote de libros acorde a súa idade.
O xurado estará formado por persoas relacionadas co ámbito da cultura, da educación e da fotografía. O tribunal valorará, en cada caso, a orixinalidade da fotografía presentada, a súa adecuación á temática, a técnica empregada e a composición da imaxe.
As bases do concurso de fotografía Elas no outono 2022 están dispoñibles na web municipal (neste enlace) e no arquivo adxunto