20220927 Presentacion sexta edicion youtubeiras

  • Lorena Trillo, concelleira de Cultura da Baña, asistiu hoxe á presentación en Pontevedra
  • O certame repartirá 7.500 euros en premios en oito categorías, entre as que estrea a de youbeira/o revelación

Xa hai xurado e prazo de inscrición para participar na sexta edición dos Premios Youtubeiras, que queda aberto desde este martes 27 de setembro ata o 15 de novembro. Desvelouse esta mañá nun acto que tivo lugar en Pontevedra e ao que asistiu a concelleira de Cultura da Baña, Lorena Trillo. Os premios, cuxas bases están publicadas xa na web www.youtubeiras.com, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras, que se poderán presentar en oito categorías. Ás de canle, youtubeira/o, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público, súmase nesta ocasión a de youtubeira/o revelación. En canto a contía, todos os galardóns contarán cunha dotación de mil euros, agás o premio do público, que será de 500 euros. Ademais, e á diferenza da pasada edición na que se apostou pola continuidade, volverán admitirse vídeos de persoas que só teñan un traballo publicado.

Foi a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, quen tivo o cometido de desvelar as novidades da presente edición e celebrar o “compromiso inequívoco coa lingua” das doce institucións organizadoras, entre as que se atopan, ademais do Concello de Rois, os concellos de Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña.

Participaron tamén na rolda de prensa o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña; o de Moaña, Aldán Santamaría; e a vicerreitora de Extensión Universitaria de Vigo, Susana Reboreda.

 

Alberto Oubiña subliñou que o proxecto desenvólvese nesta sexta edición baixo o lema “forte, enérxico e orgulloso” de Para rede, a nosa e que ten como obxectivo reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización e poñer en valor a súa figura, así como fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube ou visibilizar a creación na nosa lingua. “En definitiva, crear liñas de acción para que Youtubeiras sexan máis ca uns premios”, dixo.

Pola súa banda, Aldán Santamarina, concelleiro de Moaña, encargouse de expoñer as cifras da pasada edición dos premios, cando se esixiu ter alomenos cinco vídeos publicados para poder participar. Sinalou que se inscribiron un total de 44 canles e que as 38 que cumprían integramente as bases reunían unha produción de 2.613 vídeos. As subscricións totais destas canles superaban as 40.000, mentres que as visualizacións en conxunto ascendían a máis 2.743.000.

Santamarina tamén destacou que Youtubeiras acompañou a tendencia a alza na produción de contidos e que 202 vídeos da primeira edición en 1917 pasouse a 536 en 2020.

Por último, foi Susana Reboreda quen desvelou a composición do xurado, que estará formado por Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.

Á rolda de prensa asistiron, ademais de Lorena Trillo e en representación das institucións organizadoras, a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín; a concelleira de Cultura de Ribadeo, Pilar Otero, e a concelleira de Normalización Lingüística de Teo, María López Álvarez.

  • Terán uns itinerarios máis homoxéneos para garantir a coordinación coa entrada e saída das clases

  • A Xunta sinala que os servizos servirán tamén para conectar a veciñanza da baña co núcleo urbano de San Vicenzo durante todo o ano

  • O alcalde da Baña lembra que se trata dun servizo esencial e urxe a que comece a funcionar con normalidade

Seis novas liñas de autobús substituirán a partir do vindeiro luns, 26 de setembro, as que agora prestan servizo ao alumnado do CPI San Vicente, segundo informou hoxe a Xunta de Galicia. A administración autonómica comprométese a reorganizar o transporte escolar para adaptalo ás necesidades das rapazas e rapaces que estudan no colexio da Baña e poñerlle fin a vaga de retrasos e problemas que se veñen arrastrando dende o pasado curso.

A nota da Xunta subliña que “os axustes aprobados recollen as propostas acordadas coa dirección do centro e coas familias”, o que levou á realización de novos itinerarios máis homoxéneos entre as distintas rutas para garantir a coordinación cos horarios de entrada e saída das clases.

Así mesmo, incide en que a administración autonómica mantivo un contacto contínuo coa empresa concesionaria dende o comezo de curso ata aprobar as modificacións nos últimos días.

Por outro lado, lembra que a reorganización das rutas repercute tamén no transporte regular de viaxeiros e se manterá a conexión da veciñanza co núcleo urbano de San Vicenzo durante todo o ano.

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, reaccionou con satisfacción ao anuncio da reformulación das rutas. Logo de reunirse a principios de xullo co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, o rexedor bañense volveu falar con el o xoves pasado, coincidindo coa manifestación convocada no colexio, para urxir solucións. “Agardábamos que as novas rutas comezaran co curso e non foi así. Confiamos en que agora si empecen por fin a funcionar con normalidade dende o luns porque se trata dun servizo esencial”, indicou.

A información relativa aos novos servizos poderá consultarse na páxina web www.bus.gal.

  • As clases serán polas tardes, os luns mércores e venres na Escola municipal de música e os martes e xoves na tradicional

 

2022 Bana Matricula Escolas Musica 1 copia

O Concello da Baña abre tamén hoxe o prazo de matrícula para aquelas persoas que desexen cursar estudos na Escola municipal de música ou na Escola de música tradicional da Baña. O prazo para anotarse remata o vindeiro 19 de setembro. En ambos os dous casos, as clases serán polas tardes durante o presente curso escolar.

A Escola municipal de música da Baña oferta este ano solfexo en todas as modalidades, canto e clases con instrumentos de vento madeira e vento metal, percusión, piano, guitarra e acordeón. As clases serán os luns, mércores e venres de 15.30 a 21.00 horas. Os horarios definitivos estableceranse unha vez pechada a matrícula e conformados os grupos nos diferentes instrumentos.

Os prezos establecidos son os que figuran na ordenanza fiscal de 2012 e os pagos faranse trimestralmente. Son de 20 euros/mes por un instrumento e 30 €/mes se se elixen dous instrumentos. No caso de  familiares de primeiros grato, o segundo usuario pagará 10 e 15 euros mensuais, respectivamente.

A ficha de inscrición da Escola municipal de música da Baña pódese descargar no arquivo adxunto.

Polo que respecta a Escola de música tradicional, este ano poderase estudar gaita, pandeireta, percusión e baile galego os martes e xoves de 17.00 a 22.00 horas. Aquí tamén se fixarán os horarios definitivos unha vez se coñeza o número de persoas que se anotaron en cada modalidade. O prezo da matrícula é de 30 euros por temporada e actividade.

A ficha de inscrición da Escola de música tradicional da Baña pódese descargar no arquivo adxunto.

As bases de funcionamento das dúas escolas de música da Baña pódense consultar no arquivo adxunto.

 

  • Dirixido a nenas e nenos de 3 a 16 aos, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do día 19

  • O prezo do servizo está entre 40 euros, sen almorzo, e 50 euros mensuais

Madrugadores 1920 copia

O Concello da Baña abre hoxe o prazo de inscrición para o programa “A Baña madruga” para facilitar a conciliación ás familias do municipio e desenvolver un proxecto educativo para fomentar hábitos alimentarios saudables e un bo comportamento na mesa entre os menores participantes.

O servizo vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, e os prezos deste servizo van desde os 40 euros ao mes, podendo pagarse un extra de 10 euros para incluír co coidado o servizo de almorzo, acadando un prezo de 50 euros mensuais. Para os pais e nais que decidan utilizar este servizo de maneira ocasional o prezo será de 4 euros por día. Por outra banda, as familias numerosas que así o acrediten disporán dun desconto do 20% nos prezos.

As bases de funcionamento deste servizo e a ficha de inscrición poden descargarse nos arquivos adxuntos.

  • As familias terán unha charla informativa o vindeiro luns, 22 de agosto, ás 20.00 horas na Casa da Cultura //

Catorce rapazas e rapaces da Baña participarán entre o venres 26 de agosto e o 2 de setembro nun campamento xuvenil que se desenvolverá no lugar de Espiñeira, en Boiro. O campamento, organizado pola concellaría de de Cultura, Educación, Muller, Igualdade e Normalización Lingüística, está dirixido a menores de 8 a 16 anos do municipio bañense. Entre as actividades de índole deportiva e cultural que poderán desfrutar encóntranse as de piragüísmo, sendeirismo e diversas excursións.

As familias recibirán cumprida información no decurso dunha charla fixada para o vindeiro luns 22 de agosto ás oito da tarde na Casa da Cultura da Baña. 

A listaxe de mozas e mozos admitidos pode consultarse no documento adxunto. 

Attachments:
Download this file (20220819_lista_campamento_boiro.pdf)20220819_lista_campamento_boiro.pdf[ ]49 kB