- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 255
O sábado 18 de outubro, o Concello da Baña convida a toda a veciñanza a gozar do tradicional Magosto, nunha tarde de convivencia e festa que combinará maxia, música e castañas asadas.
A partir das 17.00 horas, na Escola de Música Emilio Andújar, celebrarase unha xornada pensada para todas as idades. O Mago Teto abrirá a tarde cunha actuación chea de ilusións e humor. Despois, as persoas asistentes poderán degustar castañas asadas de balde, e para rematar a festa, haberá unha animada foliada coa participación de membros da Escola de Música Tradicional da Baña.
O Magosto está organizado pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, coa colaboración da Asociación Alborada.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 529
-
O Auditorio da Casa de Cultura acollerá catro monólogos os venres de outubro e novembro
-
A programación aposta polo talento galego e por unha mirada diversa sobre o humor e as historias das mulleres
O Concello da Baña propón un outono cheo de gargalladas e reflexión coa chegada do ciclo de monólogos Venres de humor, que se celebrará no Auditorio da Casa de Cultura. Durante catro venres, entre outubro e novembro, o público poderá gozar de propostas escénicas que combinan a comedia coa crítica social, a narración e o teatro máis persoal.
O programa comezará o 10 de outubro coa actuación de Cris de Caldas, que presentará Mulleres de conto ás 20.30 horas. Nesta proposta, a artista recupera voces femininas esquecidas a través de historias de vida e contos da tradición oral e literaria. Mulleres que non viviron contos de fadas pero que, sen dúbida, merecen ser lembradas como heroínas anónimas que loitaron por abrir camiños en tempos difíciles.
O segundo encontro será o 24 de outubro, con Avelino González e o monólogo Eran elas. O actor propón unha divertida revisión dos contos populares, lembrando como eran antes de seren adaptados pola moral moderna. Nesas versións orixinais, as mozas combatían dragóns, as vellas salvaban os novos e as princesas non precisaban de príncipes azuis. Un humor intelixente e cheo de retranca que recupera a frescura e a irreverencia das historias tradicionais.
Xa no mes de novembro, o día 7, será a quenda de Inventi Teatro con Chegar e encher, un monólogo creado e interpretado por Bea Campos. A través da improvisación, o cabaré e a narración oral, a actriz ofrece unha reflexión divertida e ácida sobre o fracaso, o control da propia vida e as dificultades para encaixar nos roles de xénero impostos pola sociedade.
O ciclo rematará o 21 de novembro coa enerxía de Isabel Risco, que subirá ao escenario con Bravas. Neste espectáculo, a actriz fai un percorrido pola historia das mulleres galegas, desde a época castrexa ata un futuro imaxinado, poñendo en valor a súa forza e rebeldía. Cun humor combativo e comprometido, Risco reivindica o papel das mulleres como motor de cambio e defende que tamén se pode facer revolución entre risas.
Todas as funcións serán ás 20.00 horas (agás a primeira, que será ás 20.30 h) e de entrada libre ata completar aforo. A Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía convida a veciñanza a participar neste ciclo, pensado para compartir bo humor, teatro de calidade e novas maneiras de mirar o mundo.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 671
-
O servizo vai dirixido á poboación en xeral, a partir dos 3 anos de idade
-
Ofértanse vento madeira, vento metal, batería e percusión, piano, canto, música e movemento, ademais de solfexo como materia complementaria
-
O prazo é de 10 días hábiles e requírese un mínimo de cinco alumnos para impartir a maioría das especialidades
O Concello da Baña abre mañá martes, 9 de setembro, o prazo de matrícula para todas aquelas persoas que desexen formarse na Escola Municipal de Música Emilio Andújar durante o curso 2025-2026. O servizo está dirixido á poboación en xeral a partir dos 3 anos de idade, con prioridade para as persoas empadroadas no municipio. As clases desenvolveranse en horario de tarde, coincidindo co calendario escolar anual.
A Escola Municipal de Música Emilio Andújar oferta para o curso 2025-2026 as especialidades de percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, acordeón, canto e música e movemento, para os máis pequenos. A estas materias hai que sumarlle solfexo, especialidade que está incluída e que é complementaria a calquera das anteriores.
As cotas mensuais establécense en 23,57 euros para o primeiro usuario que curse unha especialidade, e 41,25 euros no caso de dúas. No suposto de que se matricule un segundo membro da mesma unidade familiar en primeiro grao de consanguinidade, as tarifas reducíronse a 11,78 euros ao mes por un instrumento e a 29,47 euros mensuais se opta por dous.
Para impartir a maioría das especialidades establécese un número mínimo de cinco persoas inscritas, agás en piano, acordeón e solfexo, que se desenvolverán con independencia do número de solicitudes.
O prazo de inscrición é de 10 días hábiles a contar desde a publicación desta convocatoria na sede electrónica do Concello. Se quedasen prazas vacantes, poderán solicitarse novas altas con posterioridade nas especialidades que continúen abertas.
A documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse na sede electrónica do Concello da Baña e nos arquivos adxuntos. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas, abríndose un prazo de 10 días para presentar alegacións.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 2260
-
A escola ofrece formación anos en gaita, pandeireta, percusión e canto
-
O solfexo está incluído en todas as actividades ofertadas
-
As clases impartiranse entre outubro e xuño, coincidindo co calendario escolar, en horario de tarde
-
Poderán matricularse todas as persoas maiores de 7 anos e o prezo por actividade é de 30 euros para toda a tempada
O Concello da Baña abriu o prazo de inscrición para a Escola de Música Municipal e Tradicional correspondente ao curso 2025-26. Todas as persoas maiores de sete anos poderán participar neste servizo, que busca difundir a cultura musical galega e fomentar o coñecemento do noso folclore.
O curso desenvolverase entre os meses de outubro e xuño, coincidindo co calendario escolar, e as clases celebraranse polas tardes. A escola ofrece formación en gaita, pandeireta, percusión e canto, así como clases de solfexo vinculadas a cada especialidade. Para que cada actividade poida levarse a cabo será preciso un mínimo de cinco persoas inscritas.
O prazo de matrícula permanecerá aberto durante dez días hábiles a partir da publicación deste anuncio. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, e no caso dos menores deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor/a legal. As inscricións presentadas fóra de prazo pasarán automaticamente á listaxe de agarda, e se quedasen prazas dispoñibles, cubriranse por orde de chegada.
O prezo do curso é de 30 euros por actividade e o pagamento deberá realizarse unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas. Os formularios de inscrición, xunto coas autorizacións necesarias, están dispoñibles nos arquivos adxuntos.
A Escola de Música Municipal e Tradicional da Baña, ademais da súa función formativa, organiza ao longo do ano diferentes actuacións públicas e fomenta valores como a cooperación, a confianza e o respecto, converténdose nun espazo de aprendizaxe e convivencia para todas as idades.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 770
11 de xullo de 2025
Faise pública a listaxe definitiva de mozas e de mozos admitidos no campamento xuvenil, que se desenvolverá na Baña do 14 ao 24 de xullo para proporcionarlle á mocidade do municipio actividades de lecer durante o verán ao tempo que se facilita a conciliación familiar. As familias da rapazada admitida ten agora un prazo de 7 días naturais para efectuar o pagamento.
A listaxe pódese consultar nos documentos que acompañan esta publicación.
8 de xullo de 2025
Faise pública a listaxe provisional de mozas e de mozos admitidos no campamento xuvenil, que se desenvolverá na Baña do 14 ao 24 de xullo para proporcionarlle á mocidade do municipio actividades de lecer durante o verán ao tempo que se facilita a conciliación familiar. Ábrese agora un prazo de tres días para presentar reclamacións.
A listaxe pódese consultar nos documentos que acompañan esta publicación.
23 de xuño de 2025
-
A actividade desenvolverase do 14 ao 24 de xullo con prazas limitadas e horario de mañá
-
As inscricións deben formalizarse a través do rexistro xeral do Concello ou da sede electrónica desde mañá martes 24 de xuño ata o venres 4 de xullo
-
Inclúe xogos cooperativos, natureza, arteterapia e deportes
-
A Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía completa así a programación de conciliación que xa conta co Campamento de Verán para nenos de 3 a 14 anos

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, pon en marcha este verán un campamento xuvenil dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, co obxectivo de ofrecer unha proposta de lecer adaptada aos seus intereses e necesidades, ao tempo que se facilita a conciliación familiar.
O campamento desenvolverase do 14 ao 24 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e inclúe un amplo abano de actividades pensadas para estimular a participación, a convivencia e o desenvolvemento persoal da mocidade. Entre as propostas previstas figuran xogos cooperativos, deportes, traballaranse temas como a igualdade de xénero, actividades na natureza, xincanas, obradoiros de interculturalidade e sesións de arteterapia.
Esta iniciativa pretende dar resposta a unha franxa de idade que adoita quedar fóra das programacións de verán habituais. Ademais, o campamento contribuirá a ofrecer ás familias un recurso de conciliación durante estas datas.
As prazas son limitadas e a inscrición debe formalizarse a través do rexistro xeral do Concello ou da sede electrónica municipal desde mañá martes 24 de xuño ata o venres 4 de xullo (ambos incluídos).
Con esta nova iniciativa, o Concello da Baña reforza a súa aposta pola conciliación familiar estival, complementando a oferta xa existente co Campamento de Verán 2025, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, que se celebrará en Agra de Chans do 23 de xuño ao 5 de setembro, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 h, con 70 prazas dispoñibles repartidas en seis quendas.
As dúas propostas configuran unha programación pensada para atender diferentes tramos de idade e necesidades, facilitando ás familias do municipio recursos de apoio durante os meses de vacacións escolares.


