20180928 redecinema

O programa Redecinema 2018, chega á Baña coa proxección do filme Pérez, o ratiño dos teus soños, na Praza do Concello, o venres 28 de setembro ás 21.30 h. O Concello da Baña recibe esta actividade, impulsada desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, como entidade que participa na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O filme Pérez, o ratiño dos teus soños está dirixido a un público familiar no que encadra perfectamente o formado pola comunidade de Apego. Resultou premiado cun Goya á mellor película de animación de 2006, foi a película galega de maior recadación en 2006 e tamén unha das máis vistas en todo o Estado.

Sinopse: Lucía e a súa familia axudarán o intrépido Ratiño Pérez a desbaratar os sinistros plans de Fugaz e Pipo, dous malvados ratos que desexan acabar con Pérez. Queren roubar os dentes de todos os nenos do mundo, convertelos en perlas e así facerse ricos.

Ofértanse nove instrumentos, solfexo e unha materia de música e movemento para os máis pequenos | As clases comezan o luns 1 de outubro

20180918 Cartel Escola Musica 900px

A Escola Municipal de Música da Baña mantén aberto ata o 28 de setembro o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que desexen formarse en materia instrumental. O prezo é de 20 euros ao mes por instrumento e hai descontos para familias. As clases comezarán o luns 1 de outubro.

Entre os instrumentos que se ofertan atópanse batería, saxofón, frauta, clarinete, trombón, trompeta, piano, guitarra e acordeón. Tamén se imparte a materia de música e movemento, que está dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos. O solfexo está incluído con cada instrumento.

A inscrición deberá realizarse na concellería de Cultura antes do 28 de setembro de 2018. Os formularios para anotarse, así como a orde de domiciliación de recibos, están adxuntos nesta nova.

Máis información no teléfono 645 935 720 (Ramón).

 

Máis de corenta nenas e nenos da Baña remataron hoxe o campamento urbano no que participaron todo este mes de agosto facendo múltiples actividades, practicando deportes minoritarios e coñecen os pormenores de diferentes oficios e profesións falando cos protagonistas. Actividades lúdicas e musicais, un aperitivo e cos ‘Contos de verán’ de Celtia Figueiras rematou esta actividade, que moitos dos participantes agardan poder repetir o vindeiro verán.

Celtia Figueiras trasladou os seus monicreques ata a area recreativa Agra de Chans, para contar diversos contos e historias relacionados con esta estación do ano, que todos os participantes no campamento seguiron con moito interese, e facendo algún que outro apunte.

Cos ‘Contos de verán’ remataba o Campamento urbano da Baña 2018, pero antes, e durante as dúas últimas semanas, os participantes puideron coñecer os pormenores de diferentes oficios e profesións “que a pesares de non ser todos  eles moi cotiáns, son necesarios, únicos e dificultosos”, como sinalaban os coordinadores do campamento, Luciana García e Sergio Vieites.

Así, Adrián Vázquez, futbolista profesional que esta tempada decidiu colgou as botas, explicoulles a realidade e a dureza do mundo do fútbol, que en moitas aspectos non se asemella a idea que teñen a maioría de nenos e nenas.

Con Olaia Liñares puideron coñecer como é o mundo do xornalismo e o papel destes profesionais para acadar as novas que han de comunicar, tanto en prensa como en radio ou televisión. Aproveitando a presencia de Olaia e as novas tecnoloxías, dende o campamento urbano da Baña fíxose unha conexión por Skype con Diego Villaverde, un xornalista bañense residente en Alemaña, que contou a súa experiencia no país centroeuropeo.

Rubén Suárez, bombeiro de profesión e escalador e aventureiro por vocación, deixou a todo o mundo abraiado coas aventures e desventuras que leva facendo ao longo da súa vida. Rubén aproveitou a conversa para explicarlle a nenas e nenos que deben facer en caso de que se produza un incendio.

Daniela Nieto e Silvia Capelo fixeron un simulacro de rescate na piscina municipal. As dúas socorristas tamén explicaron que se debe facer en caso de que alguén se esté afogando.

A importancia de reciclar e recoller o lixo de xeito adecuado foi unha das cousas nas que fixeron fincapé Juan Allo e Antonio Esturao, ámbolos dous traballadores do servizo de recollida do lixo na comarca, que se achegaron ao campamento co seu camión, para explicar como funciona a compactadora.

Lucía Freire, militar profeisonal na unidade da Brilat en Pontevedra, contoulles aos máis cativos a o que supón ser militar, e cal é a súa experiencia nas estadías que tivo que facer no estranxeiro en diferentes misións de paz.

O oficio de músico tamén tivo un oco neste campameto urbano. O gaiteiro Emilio Lois ensinou os instrumentos que se usaban antigamente para poder chegar a tocar o que hoxe en día coñecemos como a gaita de fol. Con Emilio, nenas e nenos fixeron tamén os seus propios instrumentos como un asubío de avela e un mirlitón.

O alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira Alicia Blanco amosáronlles aos participantes no campamento as dependencias do concello e explicáronlles o traballo que fan os políticos.

Ese mesmo día, e grazas á colaboración de Sonia Gesto, nenas e nenos puideron coñecer a farmacia Gesto da Baña e a importancia e a finalidade dos medicamentos.

Como non podía faltar o oficio de panadeiro e pasteleiro, Sergio Vieites, coordinador do campamento explicoulles aos máis novos un oficio que el mesmo aprendeu dende pequeno na panadería dos seus pais. Nenas e nenos animáronse a mancharse as mans de fariña para facer pan e unhas madalenas, que debían ter moi bo sabor, porque non sobrou ningunha.

E así rematou unha iniciativa promovida polo Concello da Baña para axudar a conciliar a vida familiar e laboral e darlle unha oportunidade de lecer aos mías novos do concello. Unha experiencias que moitos e moitas das participantes agardan poder repetir o próximo verán.

Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace

20180914 Viaxe cultural

A Concellaría de Servizos Sociais, Emprego Educación e Cultura ten programado a viaxe cultural 2018, que este permitirá visitar, entre outras, as localidades de Tarancón, Cuenca e Alcalá de Henares.

Os interesados deberán anotarse entre os días 19 e 18 de setembro e aboar 245 euros por persoa (as prazas son limitadas). Os datos principais desta viaxe son os seguintes:

• Datas: do 4 ao 7 de outubro de 2018 (4 días / 3 noites)

• Visitando: Tarancón, Uclés, Tragacete, Cuenca, Ciudad Encantada, nacimiento del río Cuervo e Alcalá de Henares

• Saída: o día 4 de outubro, desde a Praza do Concello

• Prezo por persoa: 245 €
   O prezo inclúe: viaxe en autocar, pensión completa, comidas en ruta, seguro de viaxe e guía acompañante

• Destinatarios/as: Persoas empadroadas de todas as idades. As persoas menores de 18 anos deberán ir acompañadas dunha persoa adulta

• Inscrición e información: na Concellaría de Cultura do 19 ao 28 de setembro de 2018, ou nos teléfonos: 981 886 501 / 607 721 711

• Prazas limitadas

20180811 IMG 20180810 WA0125Os deportes minoritarios, e aqueles pouco coñecidos no noso país, foron esta semana os protagonistas no Campamento Urbano da Baña, que se está a desenvolver na área recreativa Agra de Chans. Grazas ao esforzo dos monitores e voluntarios de diferentes clubes, as nenas e nenos que asisten a este campamento puideron coñecer e practicar floorball, acrosport, korfbal, ping pong, voleibol, fútbol gaélico, béisbol, fútbol americano ou kárate.

A coordinadora do campamento, Luciana García Freita, destacou o “gran entusiasmo dos rapaces e rapazas, que lles permitiu descubrir outros deportes divertidos e cheos de posibilidades, máis aló do fútbol, baloncesto, ou tenis, que tamén lles gustan moito. Ademais, puideron descubrir que estas novas disciplinas deportivas se lles dan bastante ben”, engade.

Durante este días, os monitores dos campamento fixeron un esforzo adicional para que esta nova experiencia fose agradable para os participantes no campamento, “aproveitando recursos propios e elaborando material necesario para que se puidese desenvolver cada deporte coa súa indumentaria, regras e fin adecuado”, sinala Luciana García.

Os monitores tamén contaron coa colaboración de representantes dalgúns dos clubes da contorna que practican estes deportes. Así, ata a área recreativa Agra de Chans achegáronse membros da Agrupación Deportiva do Coto, de kárate, de Negreira; do Club de Béisbol e Sóftbol Os Tilos e do Santiago Black Ravens FA, de fútbol americano.

Ademais dos deportes minoritarios, os xogos tradicionais tamén tiveron cabida esta semana no campamento urbano da Baña. Nenas e nenos saltaron á corda, xogaron á petanca, á Mariola ou cas buxainas durante estes últimos días.

Os nenos e nenas de 3 a 12 anos que participan no campamento urbano da Baña teñen aínda ata o 31 de agosto para gozar cun amplo e variado programa de actividades.

Podes ver un álbum de fotos, que resume toda a semana, no facebook do Concello da Baña (preme aquí).

20180811 IMG 20180810 WA0081