- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1187
O Concello da Baña pon á disposición das persoas dependentes residentes no municipio un servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade. O alcalde, José Antonio Pereira Gil, vén de asinar un bando no que se garante apoio extraordinario a quen estea nesta situación e mentres dure o estado de alarma decretado polo Goberno central.
Para acceder ao servizo de entrega a domicilio destes produtos indispensables para o día a día, hai que chamar ao teléfono 981 886 501, en horario de 9.00 a 14.00 h, de luns a venres. Poderán acceder a el as persoas que se atopen nunha situación de especial vulnerabilidade.
O Concello, que pon en marcha esta iniciativa para garantir o benestar da veciñanza nestes momentos difíciles, chama a facer un uso responsable deste servizo, para que se poida chegar realmente ás persoas que máis o precisan.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 873
Aprender a ver e experimentar as conexións entre o corpo físico, a mente e as emocións. Este é o principal obxectivo de Tempos de mulleres, un ciclo de actividades que se desenvolverá a partir do martes 31 de marzo e ata o mes de xuño na Baña. Este programa vai dirixido a mulleres maiores de 18 anos.
En total, ofrécense 20 prazas. O ciclo desenvolverase en nove sesións de 3 horas de duración, entre as 9.30 e as 12.30 horas, no local municipal situado no primeiro andar do centro social e da terceira idade. Coa finalidade de fomentar o benestar e o autocoñecemento, realizaranse actividades de xogo, movemento, animación, expresión libre, creatividade, música e relaxación.
Tempos de mulleres está organizado polo Concello da Baña, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio de Igualdade.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1018
-
As solicitudes pódense presentar a partir de mañá e ata o 30 de setembro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde da Consellería de Política Solicial pola que se establecen as bases para conceder axudas económicas para o exercicio 2020, en réxime de concorrencia competitiva, ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa de Respiro Familiar para persoas coidadoras. As solicitudes pódense presentar a partir de mañá e ata o 20 de setembro.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e axuda no departamento de Servizos Sociais do Concello.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha persoa con necesidades especiais de atención persoal.
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
- Que ben o coidador ou ben a persoa que se atende sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Que a persoa que se coida presente calquera das seguintes situacións:
i) Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade igual ou superior ao 75 %.
ii) Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.
iii) Que a persoa que se coida presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
c. Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do último exercicio.
Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Tipo de axuda e contía
A convocatoria recoñece dous tipos de axuda de respiro familiar, que pode ser no fogar da persoa dependencia en nunha residencia.
1. Modalidade Respiro no fogar.
A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, prestarase unha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter a estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.
A axuda consiste nunha achega para contribuír ao pagamento do importe dos citados servizos a domicilio, cuxa contía estará determinada en función da renda per cápita da unidade familiar.
2. Modalidade de respiro en residencia.
A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade establece a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitude comezará o 5 de febreiro e finalizará o 30 de setembro de 2020.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1213
O prazo para solicitar a renovación da praza ou o novo ingreso no curso 2020-2021 no Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña abre o vindeiro luns, día 9. Ata o 30 de marzo pódense presentar as solicitudes de matrícula dos menores con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos.
Cun total de 20 prazas, o PAI da Baña ofrece atención educativa e atención ás necesidades básicas da infancia, á vez que favorece a conciliación da vida laboral e familiar. As familias poden optar por utilizar o servizo en réxime de media xornada (ata 4 horas) ou de xornada completa (de 4 a 8 horas). Cómpre salientar que non se fai discriminación de tarifa por horas, senón por tipo de xornada.
O centro ten un horario que vai das 7.45 ás 15.45 horas de luns a venres, se ben este horario está suxeito a modificacións en función das necesidades das familias. Canto aos horarios das crianzas, os nenos e nenas poden entrar no centro ata as 10.00 horas; aqueles que non comen no PAI teñen que saír antes das 13.00 horas; e, finalmente, a hora de recollida dos que si comen no centro é a partir das 15.00 horas.
Para formalizar a matrícula é necesario presentar os modelos debidamente cubertos, así como a documentación complementaria, nas oficinas municipais. Para máis información, contactar co departamento de Educación e Cultura ou coa educadora familiar. Nos arquivos adxuntos figuran os anexos que se deben cubrir e a ordenanza reguladora do PAI da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1052
A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia visitará Rois o lunes 3 de febreiro. Entre as 10.00 e as 14.30 horas, a unidade móbil estará situada diante do centro de saúde, onde poderán achegarse todas aquelas persoas que desexen colaborar e doar sangue. Os interesados en facelo deberán levar consigo o seu DNI, esperar dúas horas despois do xantar para realizar a doazón e informar ao médico de se se está a tomar algún medicamento.
Para máis información, preme no documento adxunto no que se explican de forma gráfica aspectos como que se fai co sangue doado, como é o proceso da doazón ou quen pode doar sangue.