O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas ordes de axudas da Xunta de Galicia destinadas a apoiar a natalidade: dunha banda, a prestación económica de pagamento único para fillas e fillos menores de 3 anos e, doutra banda, as bases da convocatoria para acceder á Tarxeta Benvida neste ano 2020.

No que atinxe á prestación familiar por fillos menores de 3 anos, poden beneficiarse aquelas persoas que teñan nenos ou nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017 e que durante o ano 2018 ningún dos integrantes da unidade familiar presentara a declaración polo IRPF. Son igualmente beneficiarias as persoas que teñan fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de 3 anos, sendo a contía por un neno ou nena de 360 euros, 1200 polo segundo fillo ou filla e 2400 para terceiros fillos e sucesivos.

As persoas interesadas deberán presentar un formulario a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo para realizalo vai do 21 de xaneiro ao 10 de marzo de 2020.

Ademais deste formulario, os solicitantes deben achegar unha copia do libro de familia; xustificante de empadroamento; no caso de nulidade, separación ou divorcio: a copia da sentenza ou resolución xudicial; e no caso de adopción ou acollemento: a resolución xudicial ou administrativa.

Para máis información sobre esta axuda, podes consultar a Orde publicada do DOG neste enlace ou dirixirte ao departamento de Servizos Sociais do Concello.

Tarxeta Benvida 2020

Por outra banda, o DOG publica tamén hoxe as bases da convocatoria para acceder á Tarxeta Benvida, para nenos e nenas nados en 2020 e para familias que adopten ou sexan declaradas en situación de garda neste ano. Trátase dunha axuda directa que contribúe a sufragar os custos que trae consigo a chegada dun novo membro á familia. Faise efectiva a través dunha tarxeta que só pode ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

A contía desta axuda é de 1200 € por cada fillo ou filla durante un ano, a razón de 100€/mes, con carácter xeral. Unha das novidades deste ano é que se duplica a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, ata acadar os 2400 € anuais. Ademais, increméntase un 25% a contía para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes, amplíase ata os catro anos a axuda para as familias especialmente vulnerables e aumenta o prazo de presentación de solicitudes para os galegos no exterior que volvan a Galicia.

Para máis información sobre esta axuda, podes consultar a Orde publicada do DOG neste enlace ou dirixirte ao departamento de Servizos Sociais do Concello.

  • Veciños, membros dos tres grupos políticos da Corporación e representantes do Partido Socialista da comarca concentráronse diante do centro de saúde

20200116 Concentracion Pediatra ALI1948 web

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, reclamoulle hoxe ao Sergas “servizos públicos dignos para garantir que a xente poida vivir no rural”. Durante a concentración diante do centro de saúde, Pereira Gil esixiu “unha atención pediátrica digna e que se cubran as baixas e vacacións da pediatra do centro de saúde, que actualmente so temos dous días á semana, para que os nenos e nenas da Baña non teñan que ir peregrinando polos distintos concellos da comarca”. 

No acto participaron veciños e  representantes dos tres grupos políticos da Corporación bañense, que estiveron acompañados por voceiros e representantes do Partido Socialista da comarca de Santiago, entre os que se atopaba o secretario provincial do PSdeG e presidente da Deputación, Valentín González Formoso. O alcalde da Baña agradeceu a presenza de todos os asistentes, especialmente nunha mañá na que fixo moi mal tempo.

O alcalde da Baña asegurou que “se as parellas novas, cando teñen familia, non teñen un bo servizo de pediatría, non van quedar vivir en concellos pequenos. Xa tramitamos dúas queixas por escrito á Consellería de Sanidade e aínda non tivemos resposta”, apuntou.

Ademais de José Antonio Pereira e Valentín González Formoso, polo Partido Socialista tamén participaron na concentración os alcaldes de Oroso, Manuel Mirás, e Negreira, Ángel Leis; o coordinador dos socialistas na comarca, Antonio Leira; o deputado no Parlamento galego e concelleiro no Pino, Óscar Vilar; o deputado provincial e concelleiro de Ames, Blas García; e  concelleiros e concelleiras de Santa Comba, Teo, Rois, Santiago e Touro.

termalismoO Instituto de Maiores e Servizos Sociais convoca prazas para pensionistas que desexen participar no Programa de Termalismo a través da Resolución do 10 de decembro de 2019 (BOE nº300 do 14/12/2019).

REQUISITOS E BENEFICIARIOS

1.- Ser pensionista do Sistema da Seguridade Social, polos conceptos de:

  • Pensionista de xubilación ou incapacidade permanente.
  • Pensionista de viudedade con 55 anos ou máis.
  • Pensionista por outros conceptos ou perceptor de prestacións ou subsidios de desemprego, con 60 anos ou máis.
  • Ser asegurado ou beneficiario da Seguridade Social, con 65 anos ou máis.
  • Españois residentes no exterior, que perciban unha pensión pública, teñan máis de 60 anos e cumpran co resto dos requisitos.

2.- Non padecer alteracións no comportamento que impidan a convivencia nos establecementos, nin enfermidade infecto-contaxiosa.

3.- Poder valerse por sí mesmos para as actividades da vida diaria.

4.- Precisar os tratamentos termais solicitados e carecer de contraindicación médica para a recepción dos mesmos.

5.- Acadar de conformidade coa valoración establecida a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

PRAZOS DE QUENDAS E SOLICITUDES

  • Para as quendas dos meses de febreiro ata agosto, (ambos inclusive):
  • Con prioridade na adxudicación de praza: ata o 10 de xaneiro 2020.
  • Para a súa inclusión, na lista de agarda : o prazo continúa aberto ata o 14 de maio 2020.
  • Para as quendas dos meses de setembro a decembro, (ambos inclusive):
  • Con prioridade na adxudicación de praza: ata o 15 de maio 2020.
  • Para a súa inclusión en lista de espera: o prazo continúa aberto ata o 30 de outubro 2020.

Se desexan ampliar esta información ou tramitar algunha solicitude poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello, ou consultar as bases que se atopan nos arquivos adxuntos a esta páxina.

Attachments:
Download this file (20191218_Termalismo_Imserso.pdf)20191218_Termalismo_Imserso.pdf[ ]109 kB

20200116 ConcentracionO xoves 16 de xaneiro, ás 12.00 horas, está convocada unha concentración diante do centro de saúde para reclamar que o Sergas cubra as baixas por enfermidade ou as vacacións da pediatra asignada á Baña, e que tan só atende aos nenos e nenas dous días a semana.

Dende o Concello xa se enviou unha carta ao Sergas solicitando esta medida, xa que ao non cubrir estas ausencias, os nenos e nenas da Baña teñen que desprazarse ata Santiago para poder ser atendidas por un pediatra do Servizo Galego de Saúde. 

Toda a veciñanza está convidada a participar nesta concentración.

Centro de saudeO alcalde da Baña, José Antonio Pereira, vén de reclamarlle a responsables do Sergas que se cubran as baixas da pediatra que atende no centro de saúde bañense para garantir unha mellor atención aos nenos e nenas do concello e evitar que se teñan que desprazar ata o Hospital Clínico de Santiago.

O centro de saúde da Baña conta con consulta de Pediatría dous días á semana. Na carta remitida o pasado 3 de decembro á xerente da área de xestión integrada de Santiago, Eloína Núñez, e ao responsable de Atención Primaria, Felipe Calle Vellés, o alcalde recórdalles que cando a pediatra está de vacacións, de baixa ou de permiso, a consulta queda sen atender “e os nenos da Baña teñen que acudir aos servizos de urxencias do Hospital Clínico, en Santiago, ou a pediatras de pago”.

Ademais, José Antonio Pereira incide en que a ausencia da especialista por eses motivos “obriga a anular as citas previamente concertadas dos nenos, tanto para consultas como para vacinacións” o que, a entender do alcalde, “pode poñer en grave risco aos menores” da Baña.

Por estes motivos, Pereira Gil solicítalles aos responsables do Sergas que cando a pediatra titular estea de vacacións, enferma ou non poida atender a consulta, que esas ausencias “sexan cubertas por outro pediatra” para que os menores da Baña sexan atendidos sen ter que desprazarse fóra do municipio.