- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1145
O Concello da Baña remitiulle hoxe senllos escritos a Felipe Calle, director de Atención Primaria de Santiago; e a Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago, para solicitar o reforzamento do cadro de persoal do centro de saúde do municipio e máis da atención teléfonica.
En dous documentos, asinados polo alcalde, José Antonio Pereira, o Concello informa aos responsables do Sergas en Santiago do colapso que está sufrindo estes días o centro de saúde da Baña por causa de chamadas vencelladas á incidencia da covid-19 e o cumprimento da corentena por parte dalgún dos membros do persoal sanitario.
Estas circunstancias, subliña o alcalde, provocan que os sanitarios que están traballando “non sexan quen de atender a todos os doentes que necesitan citas ou consultas”. Por iso, e facéndose eco do malestar e os prexuízos que a situación lle está ocasionando á veciñanza, reclama máis recursos de persoal que permitan atender os servizos presencial e telefónico do centro de saúde da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1045
-
As persoas interesadas poden cubrir un formulario electrónico ou solicitar a axuda de Servizos Sociais
-
Teñen de prazo ata o 23 de novembro para presentar o número de conta e o DNI
Todas as persoas beneficiarias do Bono Social Eléctrico poden recibir tamén o Bono Social Térmico como axuda dos gastos ocasionados pola calefacción, a auga quente ou a cociña. O seu outorgamento é automático, pero estanse detectando casos nos que a falta de datos (número de conta e/ou DNI) impide que chegue ás persoas interesadas.
As persoas beneficiarias poden facilitar eses datos ata o 23 de novembro cubrindo este 𝐟𝐨𝐫𝐦𝐮𝐥𝐚𝐫𝐢𝐨 𝐞𝐥𝐞𝐜𝐭𝐫𝐨́𝐧𝐢𝐜𝐨 (preme aquí) ao que accederán co DNI e o código que lles mandaron por carta á casa. No caso de non dispór de medios para cubrilo, tamén poden dirixirse aos servizos sociais do Concello.
O Bono Social Térmico é un programa destinado aos consumidores máis vulnerables para axudarlles a compensar os gastos económicos derivados do uso da calefacción e a auga quente ou a cociña. Xestiónao o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e está financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Son beneficiarias do Bono Social Térmico 2020 todas aquelas persoas que recibiran o Bono Social Eléctrico a 31 de decembro de 2019 e tamén as que, cumprindo os requisitos establecidos, o solicitaron antes desa data.
En Galicia, concedéronselle estas axudas a un total de 87.076 persoas. Pero delas, a 12.868 non se lles pode efectuar o pagamento ao non ter facilitado un número de conta para o ingreso ou os datos do DNI.
Por iso, o INEGA realiza un chamamento para que esas persoas acheguen a información precisa cubrindo un formulario no enderezo https://appsinega.xunta.es/bonosocialtermico, ao que poderán acceder co número de DNI e máis o código que se lle enviu por carta á casa. No caso de non contar cos medios electrónicos precisos, os empadroados na Baña tamén poden dirixirse aos servizos sociais do Concello.
Para obter máis información sobre o Bono Térmico, pódese acceder á web do Inega
http://inega.xunta.gal ou chamar ao teléfono 881 55 49 13 en horario de 9:00 a 19:00 horas.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 956
O Concello da Baña executou o programa voluntariado sénior, financiado pola Consellería de Política Social, para coñecer a opinión das persoas do municipio maiores de 55 anos e a súa valoración sobre a calidade de vida, infraestruturas e recursos (actividades, servizos que reciben, etc.) dos que dispoñen, coa finalidade de mellorar o envellecemento activo e saudable da poboación do municipio. Este proxecto, denominado ‘Compartindo a calquera idade’, contou cunha achega de 2.400 euros da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
1.- Denominación do proxecto
Compartindo a calquera idade
2.- Xustificación e situación de partida
O Concello da Baña é un concello rural de 3.431 habitantes dos cales 839 son homes con idades entre 55 e 104 anos e 1.044 son mulleres entre 55 e 104 anos.
O Concello ten 15 parroquias e a poboación está moi envellecida e illada. As comunicacións entre lugares ou coa capital do concello son nulas dependendo de taxis ou de vehículos de familiares, para acudir ao centro de saúde, concello, entidades bancarias, supermercado...
As actividades realizadas con esta poboación son basicamente as do Servizo de Axuda no Fogar, Comedor sobre rodas, Lavandería sobre rodas, de estimulación cognitiva e exercicio físico na capital e nalgunhas das parroquias. Todas as parroquias do concello dispoñen de local social.
Consideramos necesario analizar a situación desta poboación que supón unha porcentaxe tan alta do total de habitantes do Concello da Baña.
Para iso queremos que sexan eles mesmos os que reflictan e analicen as súas necesidades e as posibles formas de suplir ditas carencias.
3 Obxectivos
-Formar a persoas maiores de 55 anos no voluntariado e acción voluntaria.
-Analizar as necesidades comunitarias, en concreto dos nosos maiores.
-Recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.
-Crear e ampliar un grupo de voluntariado senior estable que faga un seguimento do proxecto, poida desenvolver algunha das respostas a esas necesidades (se se detecta persoas soas, facer acompañamentos...) e facer crítica construtiva de todo o que vai acontecendo.
-Eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e valorar a súa experiencia para a modificación das actuacións e situación do concello relativo a esta poboación.
4.Desenvolvemento do proxecto. Fases
4.1- Campaña de difusión sobre o voluntariado sénior: a través tanto das novas tecnoloxías (facebook e páxina web do concello) como de cartas ás persoas destinatarias da campaña. O día 6 de agosto difundiuse a través das redes sociais do Concello un resumo do programa e a invitación a participar como persoas voluntarias. O día 12 de agosto publicouse nas redes sociais a mesma información pero destinada a persoas de 55 anos ou máis que se ofertaran a ser enquisadas.
4.2- Selección das 8 persoas voluntarias e persoal técnico, formación sobre o voluntariado, obxectivos do proxecto e as súas funcións. O grupo de voluntariado quedou constituído por 5 homes e 3 mulleres.
4.3- Debido á situación da Covid o contacto e a formación das persoas voluntarias fíxose de xeito individualizado. Logo noutra sesión conxunta (garantindo as medidas sanitarias) realizouse un debate entre as persoas voluntarias e o persoal técnico para a elaboración dunha enquisa con preguntas abertas, sobre aspectos que o colectivo de persoas maiores queren ou consideran que debe ser modificado ou ben conservar ou mellorar, reducida a un número de cuestións para a creación dunha análise de necesidades.
4.4- Ante a situación Covid ofertóuselles a posibilidade de facer as enquisas de xeito telefónico pero as persoas voluntarias decidiron utilizar o porta a porta. A súa función, nun principio, porque o proxecto é máis amplo, consistía en repartir as enquisas explicar a súa finalidade, entregalas nas casas (que voluntariamente aceptaron) e pasar a recollelas noutro día.
Todas as enquisas avaliadas cumpren coa normativa de protección de datos de carácter persoal (ver documento adxunto).
A técnica do concello recolleu todas as enquisas, desbotou as que non cumprían os requisitos esixidos (ben por non estar autorizada a cesión de datos ou por faltar algún dato como o sexo ou a idade que permitisen a súa avaliación) e elaborou o documento de resultados da enquisa (ver documento adxunto).
Informamos da posibilidade de cumprimentar a enquisa, por parte das persoas que non o fixeron anteriormente, e tamén se convida a todas as persoas de 55 anos ou máis a incorporarse como voluntarias ao proxecto que é moito máis amplo.
Tanto se queren ser enquisados como formar parte do voluntariado sénior poden informarse e comunicalo no teléfono 981 817 605 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou presencialmente na Casa da cultura de luns a venres en horario de 10 a 14 horas.
Enquisa e documentación
A esquisa que se elaborou para este proxecto, como o resultados da mesma e o tratamento de datos, pódense consultar nos documentos adxuntos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1131
-
A veciñanza poderá gozar de dous espectáculos cada fin de semana de novembro
-
As actuacións desenvolveranse nos locais sociais de san Vicenzo, san Cibrán, Suevos, Troitosende e Marcelle, e no CIP San Vicente
O Mes pola igualdade da Baña é o lema escollido polo concello bañés para desenvolver ao longo do mes unha serie de actividades en prol da igualdade, coincidindo coa celebración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A apertura na Praza do Concello dun punto de información enmarcado na campaña Agresión Off e un espectáculo de batucada a cargo da formación Somdelilá inauguraron hoxe a programación do Mes pola igualdade da Baña. As actividades de sensibilización continuarán ao longo de novembro coa posta en escea dun total de dez espectáculos que se desenvolverán en varias parroquias durante as fins de semana. O propio 25 de novembro, o púbico será o alumnado do CIP San Vicente
Trala batucada de hoxe, a programación reanudarase o venres 6 ás 18:00 horas cun concerto de Magín Blanco no local social de san Vicenzo. O sábado 7 será o monologuista Pedro Brandariz quen actuará no local social de san Cibrán ás 21:00 horas. ‘Partido dos gordos unidos’ é o título do seu espectáculo, orientado a público adulto.
Xa na seguinte fin de semana, a veciñanza poderá gozar con dúas actuacións para público familiar e infantil. O venres 13 Fani Triana preguntará no local social de Vicenzo ‘Igualdade, onde estás?’, mentres que o domingo 15 Caxoto chegará ao local social de Suevos con ‘Contos novos, vellos finais’ . Ámbalas actuacións terán lugar ás 18:00 horas.
Pola súa parte, Fantoches Baj e Isabel Risco recalarán nos locais sociais de san Vicenzo e Troitosende, respectivamente, os días 20 e 22 de novembro. Fantonches Baj representará a obra ‘Novos lobos’ para público infantil en San Vicenzo ás 18:00 horas, en tanto que Isabel Risco aterrará o domingo ás 21:00 horas en Troitosende co seu espectáculo para adultos ‘Naviza girl’ .
O día 25, no CPI San Vicente
O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, será o alumnado do CPI San Vicente quen poida asistir á representación de ‘O amar non sempre triunfa’, que chegará ao colexio da man da compañía Andamiaxe.
O mes pola igualdade na Baña pecharase os días 27 e 29 de novembro con dúas actuacións para público infantil a cargo de Raquel Queizás, que fará parada en san Vicenzo con ‘O xogo do Nano’, e Galeatro, que visitarán o local social de Marcelle con ‘O camiño da lingua’. Os dous espectáculos comezarán ás seis da tarde.
Toda a programación e aforos quedan supeditados ás normas e protocolos que se establezan por causa da evolución da pandemia da covid-19.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 972
-
Permítelle adquirir produtos básicos de alimentación, hixiene ou farmacia ás familias vulnerables economicamente
-
O importe por trimestre oscila entre os 450 euros para unha persoa e os 900 para familias de tres membros ou máis
A Xunta de Galicia amplía outros tres meses máis a vixencia da tarxeta básica, iniciativa destinada a paliar os efectos económicos provocados pola Covid-19 axudando a familias en situación de vulnerabilidade a adquirir produtos básicos de alimentación, hixiene ou farmacia.
Esta tarxeta, que é anónima e entrou en funcionamento o pasado mes de xullo, beneficiou xa unhas sete mil familias. Agora estas mesmas familias poden solicitar a ampliación da achega por tres meses máis, ata fin de ano, e tamén poden optar a ela novos solicitantes.
O importe das tarxetas por trimestre será de 450, 600 e 900 euros en función de que os membros que compoñen a unidade familiar sexan un, dous ou tres ou máis, respectivamente.
A tarxeta beneficia persoas ou familias residentes en Galicia que se atopan en situación de vulnerabilidade económica porque os seus ingresos ou prestacións están por debaixo dos ingresos mínimos marcados pola Risga. Para solicitala, as persoas interesadas deben acudir aos traballadores sociais dos seus concellos e da súa xestión encargarase a Cruz Vermella. O habitual é que reciban as tarxetas nun prazo de 72 horas.
Máis información premendo aquí.