- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visitas: 629
A iniciativa do goberno municipal viuse apoiada pola presenza de moitas persoas durante toda a mañá, que acudiron a mercar e a tomar o polbo
Por comprar superiores a 15 euros nos postos ou no comercio e hostalería local, o Concello regala vales de 2 € de desconto na polbeira
A iniciativa do Goberno da Baña para impulsar e dinamizar a feira mensual viuse apoiada coa presenza dunha trintena de postos no mercadiño ambulante e de moitos veciños e veciñas que se achegaron ata San Vicenzo para mercar e comer polbo.
Dende primeira hora da mañá foise achegando a xente ata San Vicenzo para pasear polo mercadiño e ver as ofertas da trintena de postos que se instalaron este primeiro luns de xuño: roupa, bixutería, prantas, calzado, pan, churros, entre outros. A partir de mediodía incrementouse a fluencia ao mercado e a polbeira, que xa comezou a servir as primeiras racións de polbo pouco despois da doce.
Precisamente, a presenza da polbeira na feira da Baña é unha das novidades desta iniciativa do goberno local para dinamizala. Por este motivo, o Concello ofrece un vale desconto de dous euros para comer o polbo a todas as persoas que fagan compras por importe superior aos 15 euros tanto nos postos do mercadiño como no comercio e hostalería da Baña. Esta promoción estará vixente tamén na feira do mes de xullo (que se celebrará o día 1) e cada persoa pode trocar un máximo de dous vales cada día.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visitas: 496
O Concello da Baña participa no programa Campus Rural de prácticas universitarias no medio rural, unha iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Universidades e as universidades públicas españolas.
Este programa permite que os universitarios poidan levar a cabo prácticas académicas, curriculares e extracurriculares en entornos rurais. Deste xeito, contribúese ao reequilibrio territorial atraendo talento novo nos espazos máis despoboados para dinamizar o seu tecido produtivo, social e institucional.
O Concello da Baña asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a realización destas prácticas. As titulacións ás que se dirixe a oferta son catro: Dirección e Xestión Pública, Administración e Dirección de Empresas, Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos. No que atinxe ás tarefas a realizar, estas son o apoio na xestión de subvencións, relacións coa Deputación e Consellería de Emprego, apoio ao secretario interventor e tarefas administrativas propias das áreas municipais.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio de 2024 ás 23:59 horas.
Para ampliar información, consulta esta ligazón da sede electrónica da Universidade de Vigo.
Na ficha de adhesión, adxunta a esta nova, figuran os graos solicitados polo Concello da Baña e outra información de utilidade.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visitas: 636
-
O mercado dos luns amplía a oferta de postos e produtos
-
O Concello regala descontos na polbeira por compras superiores a 15 euros nos postos da feira e no comercio local
O Concello da Baña impulsa a renovación da súa Feira mensual, que se celebra o primeiro luns de cada mes, e pon en marcha unha campaña de promoción deste mercado. A partir do vindeiro luns 3 de xuño, a Feira presentará un maior número de postos, produtos máis variados e vantaxes para todos os visitantes.
Unha das novidades máis destacadas é a volta da polbeira, que non participaba na Feira desde había un ano. Ademais, para fomentar a participación e recompensar ás persoas asistentes, o Concello da Baña introducirá unha serie de vantaxes. Por cada gasto de 15 euros nos postos do mercado ou nos establecementos comerciais, farmacias e de hostalería da Baña, os visitantes recibirán un vale desconto de 2 euros para cambiar na polbeira. Recentemente, o Concello envioulle unha carta á veciñanza para informar desta campaña na que se incluía un vale de 2 euros, que tamén poderá ser utilizado na Pulpería Rois o luns 3 de xuño e o luns 1 de xullo.
O servizo de autobús polas parroquias continuará como de costume, con saída ás 9.00 horas de Fiopáns. O percorrido abrangue toda a zona que vai dende Fiopáns, pasando por Troitosende, Menlle, Lañas, Cabanas, O Barro e rematando na Baña. O regreso está previsto para as 13.00 horas.
O Concello tamén fai un chamamento a todas as persoas interesadas en montar o seu propio posto no mercado. “Esta é unha actividade gratuíta e a disposición de todos os veciños”, indícase na carta asinada polo alcalde da Baña, José Antonio Pereira. Para máis información sobre como participar na Feira ou obter un posto no mercado, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Axencia de Desenvolvemento Local do Concello da Baña.
"Cremos firmemente no espírito de colaboración e no fomento de iniciativas locais que contribúan ao desenvolvemento do noso municipio”, afirma na misiva Pereira. O alcalde remarca o compromiso do Concello coa “promoción da actividade económica na nosa comunidade ofrecendo novas oportunidades tanto aos comerciantes habituais como aos novos emprendedores locais”. O rexedor ve na Feira unha oportunidade de “fortalecer o tecido económico e social da nosa comunidade”.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visitas: 462
O equipo de goberno do Concello da Baña está a elaborar unha ordenanza para regular a concesión de subvencións municipais, feito que pon en coñecemento da veciñanza para que cidadáns e asociacións aporten as achegas que consideren oportunas. Estas aportacións deberán facerse por escrito a través da sede electrónica do Concello da Baña, no formulario de achega de documentación complementaria co seguinte código de expediente: 2024/G013/000001.
No documento adxunto poderá descargarse o anuncio municipal do procedemento de participación pública previa á aprobación da ordenanza municipal.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visitas: 756
15 de maio de 2024
Faise público o resultado do proceso selectivo para a provisión urxente, polo sistema de concurso-oposición, dun/ha peón/peoa condutor/a como persoal laboral temporal, ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL-CONCELLOS 2024), por un periodo de sete meses e cinco días, no Concello da Baña.
Así mesmo, apróbase e publícase a listaxe de persoas suplentes, coas que se formará unha bolsa de traballo para cubrir as vacantes que eventualmente puideran xurdir, ou para atender necesidades de emerxencia e imprevistos en xeral.
Concédese un prazo de dous días hábiles no que os/as aspirantes poderán presentar ante o Tribunal as reclamacións que estimen oportunas á valoración provisional.
A resolución pode consultarse no arquivo adxunto ou nesta ligazón.
3 de maio de 2024
Publícanse as listas definitivas de aspirantes admitidos/as para a provisión urxente dun/ha peón/peoa condutor/a como persoal laboral temporal por un periodo de sete meses e cinco días, no concello da Baña.
Na mesma faise pública tamén a composición do tribunal cualificador.
A resolución pode consultarse no arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.
17 de abril de 2024
Publícanse as listas provisionais de aspirantes admitidos/as para a provisión urxente dun/ha peón/peoa condutor/a como persoal laboral temporal por un periodo de sete meses e cinco días, no concello da Baña.
A resolución pode consultarse no arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.
1 de abril de 2024
Fanse públicas as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a contratación no Concello da Baña dun/ha peón/peoa condutor/a de obra como persoal laboral temporal por un periodo de sete meses e cinco días ao abeiro do PEL (Plan de Emprego Local) 2024, da Deputación da Coruña.
No arquivo adxunto pode consultarse a información publicada no BOP.