- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4490
-
Estimulación cognitiva e ximnasia de mantemento, dúas actividades para mellorar a saúde física e mental
-
O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de setembro no departamento de Servizos Sociais
O Concello da Baña vén de abrir o prazo de inscrición para participar no programa de Envellecemento Activo, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 60 anos coa que se pretende promover a saúde física e mental da veciñanza a través de actividades adaptadas ás súas necesidades.
A programación inclúe sesións semanais de estimulación cognitiva, cunha duración de hora e media, e tamén clases de ximnasia de mantemento, que se desenvolverán dúas veces por semana cunha hora de duración. Ademais, existe a posibilidade de organizar grupos por parroquias sempre que se reúna un número mínimo de participantes, co obxectivo de facilitar o acceso da veciñanza a este programa.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 22 de setembro no departamento de Servizos Sociais do Concello da Baña. As actividades comezarán no mes de outubro. Para máis información, está dispoñible o teléfono 981 88 65 01.
O formulario de inscrición pode descargarse nos arquivos adxuntos a esta nova ou premendo nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4568
-
O servizo vai destinado ao alumnado do CPI San Vicente de 3 a 16 anos
-
Funcionará de luns a venres desde as 7.30 horas ata o inicio das clases

28 de agosto
Faise pública a listaxe definitiva de persoas admitidas no programa A Baña Madruga 25-26.
O prazo de inscricións do servizo permanecerá aberto durante todo o curso escolar por non superar o límite de persoas inscritas, pero é necesario presentar a inscrición con 3 días de antelación ao uso do servizo.
A resolución da alcadía coa listaxe de admisións pode consultarse en arquivo adxunto ou picando nesta ligazón.
20 de agosto
O Concello da Baña, a través da Concellería de Accción social, cultural e servizos á cidadanía, pon en marcha un ano máis o programa A Baña Madruga para o curso 2025-2026, un servizo pensado para apoiar a conciliación da vida laboral e familiar. Esta iniciativa garante que a rapazada estea atendida nun espazo seguro e acolledor antes do comezo das clases, ofrecéndolle tranquilidade ás familias e un tempo de lecer e coidado para os nenos e nenas.
O programa está dirixido ao alumnado de entre 3 e 16 anos matriculado no CPI San Vicente e desenvolverase de luns a venres, en horario de 07:30 horas ata o inicio da xornada escolar.
O prezo do servizo é de 40 euros ao mes, cunha tarifa de 4 euros por día para o uso en días soltos ou situacións de urxencia. Ademais, as familias numerosas terán unha bonificación dun 20%.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 21 ao 27 de agosto. As solicitudes poden presentarse de maneira presencial no Concello ou a través da sede electrónica. O servizo conta cun total de 15 prazas, que se irán cubrindo por orde de inscrición.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4610
-
Antonio Pensado, Víctor Pías e Domingos Tourís foron os gañadores do bingo e levaron 3 lotes de produtos galegos

A segunda edición do Xantar Veciñal da Baña xuntou onte no pavillón de San Vicenzo a máis de 500 persoas que compartiron un menú composto por empanada, polbo, carne ao caldeiro, tarta larpeira e xeados.
Organizada pola Concellería de Acción Social, cultural e de servizos a cidadanía, a xornada comezou coa música de Faíscas da Pontraga, que lle deron a benvida con música galega a todas persoas participantes.
Na sobremesa a música volveu ser protagonista, coa segunda actuación do grupo local e unha DJ, antes de que dese comezo un bingo no que se sortearon tres lotes de produtos galegos.
Os gañadores do bingo foron Antonio Pensado Louzao, Víctor Pías Rodríguez e Domingos Tourís Fornos. A concelleira Mónica González foi a encargada de entregarlle os agasallos.
Nesta segunda edición do xantar veciñal participaron o alcalde e concelleiros e concelleiras do grupo de goberno.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4632
-
A deputada de Servizos Sociais, Mar García, informou no acto que a subvención provincial financia o coste íntegro do vehículo
-
O representante do concesionario de Talleres Baleato en Santa Comba entregoulle as chaves á concelleira Mónica González

A concelleira de Acción social, cultural e servizos a cidadanía da Baña, Mónica González, recolleu as chaves dun novo vehículo para o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que o Concello mercou grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.
A Baña adquiriu este vehículo cunha achega da Deputación a través do programa de subvencións a concellos para a adquisición de vehículos para desprazamentos do persoal do SAF, que financiou o coste íntegro do novo Dacia Sandero.
O Concello comprou o coche na sede de Santa Comba de Talleres Baleato. O representante do concesionario, Daniel Rodríguez, foi quen lle entregou as chaves a Mónica González. Trátase dun Dacia Sandero híbrido con etiqueta eco, con motor que funciona a gas (GLP) e a gasolina, o que permitirá tamén aforrar en combustible.
A deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García, desprazouse ata A Baña para asistir á entrega do vehículo, sinalando que a subvención permitiulle ao Concello da Baña financiar o importe íntegro do coche. No acto tamén estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; o concelleiro de Obras, Jesús Pena, e a traballadora social, Laura Senra.
A Baña atende nestes intres a un cento de persoas no Servizo de Axuda no Fogar, que o concello presta cun sistema mixto. Unha parte da atención á veciñanza faina persoal da empresa Atendo e outra parte é realizada por persoal municipal.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 5499
29 de agosto
Faise pública a resolución da Alcaldía coa incorporación de novas solicitudes para a quenda do mes de setembro no Campamento Municipal de Conciliación de Verán. A listaxe actualizada pode consultarse no documento adxunto ou picando nesta ligazón. As persoas recentemente admitidas deberán formalizar o pago da taxa correspondente no prazo de 5 días hábiles.
14 de agosto
Faise pública a resolución da Alcaldía coa incorporación de novas solicitudes, así como varias renuncias, para a segunda quenda do mes de agosto no Campamento Municipal de Conciliación de Verán. A listaxe actualizada pode consultarse no documento adxunto ou picando nesta ligazón. As persoas recentemente admitidas deberán formalizar o pago da taxa correspondente no prazo de 5 días hábiles.
Ademais, quedan prazas dispoñibles na quenda do 1 ao 5 de setembro. As familias interesadas poden presentar novas solicitudes cunha antelación mínima de 7 días naturais antes do comezo da quenda correspondente, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
1 de agosto
Faise pública a resolución da Alcaldía coa aprobación a admisión de tres novas inscricións e unha renuncia para o Campamento Municipal de Conciliación de Verán, correspondente á quenda do 1 ao 15 de agosto. A listaxe pode consultarse no documento adxunto ou picando nesta ligazón. As persoas recentemente admitidas deberán formalizar o pago da taxa correspondente no prazo de 5 días hábiles.
Ademais, quedan prazas dispoñibles nas seguintes quendas:
- Do 18 ao 29 de agosto (29 prazas)
- Do 1 ao 5 de setembro (54 prazas)
As familias interesadas poden presentar novas solicitudes cunha antelación mínima de 7 días naturais antes do comezo da quenda correspondente, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
24 de xuño
Faise pública a resolución da Alcaldía coa incorporación de novas solicitudes, así como varias renuncias e correccións de quendas no Campamento Municipal de Conciliación de Verán. A listaxe actualizada pode consultarse no documento adxunto ou picando nesta ligazón. As persoas recentemente admitidas deberán formalizar o pago da taxa correspondente no prazo de 5 días hábiles.
Ademais, quedan prazas dispoñibles nas seguintes quendas:
- Do 1 ao 15 de xullo
- Do 16 ao 31 de xullo
- Do 1 ao 15 de agosto
- Do 18 ao 29 de agosto
- Do 1 ao 5 de setembro
As familias interesadas poden presentar novas solicitudes cunha antelación mínima de 7 días naturais antes do comezo da quenda correspondente, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
13 de xuño de 2025
Faise pública a relación definitiva de menores admitidos e excluídos do campamento municipal de conciliación no verán. Ábrese agora un período de prazo de 5 días hábiles para o pagamento do servizo nos seguintes números de conta:
ABANCA ES92 2080 0326 1731 1000 0035
SANTANDER ES26 0238 8191 8806 6000 1061
A listaxe pode consultarse en arquivo adxunto ou picando nesta ligazón.
10 de xuño de 2025
Faise pública a relación provisional de menores admitidos e excluídos do campamento municipal de conciliación no verán. Ábrese agora un período de dous días hábiles para presentar reclamacións. O venres 13 de xuño procederase a realizar un sorteo para a adxudicación das prazas restantes. Farase ás 9 da mañá no Salón de Plenos do Concello.
A listaxe pode consultarse en arquivo adxunto ou picando nesta ligazón.
27 de maio de 2025
-
Desenvolverase dende o 23 de xuño ata o 5 de setembro en Agra de Chans
-
As familias poden anotarse ata o 6 de xuño
-
Ofértanse 70 prazas en seis quendas cun horario de 08.00 a 15.00 horas de luns a venres laborais

O Concello da Baña pon en marcha a súa programación de conciliación estival coa apertura mañá mércores 28 de maio, do prazo de inscrición no Campamento de Verán 2025. Destinado a menores escolarizados de 3 a 14 anos, o servizo estenderase do 23 de xuño ao 5 de setembro, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 h, e estruturarase en seis quendas para facilitar a participación das familias.
Nesta edición, ofrécense 70 prazas, con tarifas que van desde 40 € por quincena para o primeiro fillo empadroado – ata 60 € para non empadroados – e descontos progresivos para irmáns e unidades con ingresos inferiores ao dobre do IPREM. A prioridade na adxudicación recae nas unidades familiares empadroadas con necesidades de conciliación acreditada, seguidas polos menores empadroados e, finalmente, polos non empadroados.
O servizo prestarase na área recreativa municipal de Chans, na Baña. En caso de condicións climatolóxicas adversas, as actividades trasladaranse a algunha das instalacións municipais en San Vicenzo. A primeira quenda será do 23 ao 30 de xuño; a segunda do 1 ao 15 de xullo, a terceira será do 16 ao 31 de xullo, a cuarta será do 1 ao 15 de agosto, a quinta do 18 ao 29 de agosto, e a sexta do 1 ao 5 de setembro.
Inscricións
As solicitudes deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor/a legal. Ademais de cubrir a folla de inscrición, as persoas solicitantes deberán aportar unha fotocopia do DNI do/a menor, a fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais/nais, titores/titoras e, de ser o caso, o informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial.
Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición, esta debe presentarse, xunto co resto da documentación, ben no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben por sede electrónica ata o 6 de xuño.
En caso de superar a demanda as prazas, procederase a un sorteo público e á confección dunha listaxe de agarda.
Prezos do servizo
O prezo do Campamento de Verán 2025 para as persoas censadas na Baña é de 40 euros por cada quincena no caso de que só participe un menor da unidade familiar; 32 € polo segundo irmán ou irmá e 20 € polo terceiro. Só será posible a matriculación e pago por semana nos períodos do 23 ao 30 de xuño e do 1 ao 5 de setembro. Nestas dous casos, o prezo será o equivalente a media quincena.
Para as persoas non censadas, as contías a abonar serán de 60, 45 e 30 euros ao mes. Naqueles casos nos que a unidade familiar, empadroada na Baña, non conte cuns ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM (600 €/mes), e tras a emisión do informe pertinente, a contía a pagar será 20 € se só participa un menor, 16 € polo segundo e 10 € polo terceiro, respectivamente (a metade se acode unha semana).
Publicada a lista provisional de admitidos/as nas oficinas municipais do Concello e na web municipal (www.concellodabana.gal), concederase un prazo de dous días hábiles para presentar reclamacións. Unha vez resoltas as reclamacións, publicaranse as listas definitivas.
Co Campamento de Verán 2025, o Concello da Baña quere reforzar o seu compromiso coa conciliación familiar e co desenvolvemento integral da rapazada, ofrecendo un programa de lecer que combina diversión, aprendizaxe e convivencia nun contorno seguro e adaptado ás súas necesidades.
Deste xeito, búscase non só achegar ocupacións enriquecedoras para o verán, senón tamén facilitar a vida diaria das familias, garantindo ás nenas e nenos unha experiencia formativa e divertida mentres as súas persoas responsables poden compatibilizar mellor o seu traballo e a súa vida persoal.
As persoas interesadas poden consultar a bases nos arquivos adxuntos, así como descargar a ficha de inscrición e os formularios.