- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 772
Dende o 1 de abril ata o 30 de setembro, o Concello da Baña contará cun reforzo na súa brigada municipal de obras coa incorporación de tres novos traballadores. Esta ampliación do persoal é posible grazas ao programa PEL-Concellos 2025, financiado pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo apoiar os concellos na mellora dos servizos municipais e fomentar o emprego local.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1231
-
A iniciativa está dirixida a menores de 3 a 14 anos
-
Desenvolverase os días 14, 15, 16 e 21 de abril en horario de 8.00 a 14.00 horas nas instalacións deportivas municipais
-
A inscrición remata o mércores 9 de abril
-
O programa busca facilitar a conciliación familiar e ofrecer á cativada un espazo de aprendizaxe, xogo e socialización

O Concello da Baña organiza o Campamento Deportivo Cultural 2025, unha iniciativa dirixida a menores de 3 a 14 anos que se desenvolverá os días 14, 15, 16 e 21 de abril, coincidindo coas vacacións de Semana Santa. O obxectivo principal deste programa é facilitar a conciliación das familias ao tempo que se ofrece ás crianzas un espazo de aprendizaxe, xogo e socialización.
O campamento desenvolverase en horario de 8.00 a 14.00 horas nas instalacións deportivas municipais, onde os nenos e nenas participantes poderán gozar de actividades deportivas, culturais, educativas e lúdicas adaptadas ás distintas idades. A programación incluirá xogos de equipo, talleres creativos e actividades que fomenten valores como o respecto, a convivencia e a cooperación.
O campamento conta con 20 prazas dispoñibles e poderán inscribirse aqueles menores que estean escolarizados e cumpran os requisitos de admisión. A selección de participantes realizarase en base a criterios como o empadroamento no municipio e a necesidade de conciliación familiar.
O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 3 ata o 9 de abril, e os formularios poderán presentarse a través do rexistro municipal. A lista definitiva de admitidos publicarase unha vez finalizado o proceso de selección.
As persoas interesadas poden recibir máis información a través dos teléfonos 981 886 501 ou 669 368 413 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
O Concello da Baña aposta por este tipo de iniciativas como unha ferramenta clave para apoiar as familias do municipio e ofrecerlles aos nenos e nenas unha alternativa de lecer saudable e enriquecedora durante os días non lectivos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1061
-
O acto, que coincide coa celebración do Día da Muller, enmárcase dentro da programación cultural do mes de marzo
-
Con esta distinción, o Concello agradece á veciña de San Vicente a súa implicación e a dedicación ás actividades culturais e festivas do municipio

O Concello da Baña celebrou este venres, 7 de marzo, unha emotiva homenaxe a María Elena López García, veciña de San Vicente, en recoñecemento á súa implicación e dedicación ás actividades culturais e festivas do municipio. O acto, que tivo lugar na Escola Municipal de Música Emilio Andújar coincidindo coa celebración do Día da Muller, enmarcouse dentro da programación cultural do mes de marzo.

Durante a cerimonia, Elena López foi distinguida como a primeira embaixadora da Festa da Filloa da Pedra da Baña, un título que recoñece a súa labor na promoción desta celebración e na dinamización cultural do concello. A homenaxeada leva anos colaborando activamente en eventos como a Festa da Filloa, o desfile de Entroido e as actividades da Escola de Música Tradicional Municipal, onde forma parte dos grupos de pandeireteira e de canto.

O acto contou coas intervencións do gaiteiro e músico Emilio Lois e da propia Elena López, que agradeceu con emoción este recoñecemento. Ademais, unha das súas fillas dedicoulle unhas palabras en nome da familia, destacando a súa paixón e compromiso coa cultura local. A concelleira de Cultura, Mónica González, foi a encargada de abrir o evento e de entregarlle varios agasallos como mostra de gratitude polo seu labor. Un dos momentos máis emotivos foi cando o grupo de pandeireteiras e de cantos sorprendérona dedicándolle unha canción cunha letra moi especial.
O alcalde José Antonio Pereira, así como varios concelleiros do goberno local tamén acudiron a esta merecida homenaxe que congregou a moitos veciños e veciñas que amosaron así o seu cariño a Elena.

A xornada completouse cunha sesión de narración oral a cargo da obra "As do maré", que puxo en valor a tradición e a memoria colectiva das mulleres.
Con este acto, o Concello da Baña reafirma a súa aposta por destacar o papel fundamental das mulleres na dinamización cultural e na conservación das tradicións do municipio.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1511
-
As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 30 de abril ás 23:59 horas
-
A participación para as categorías escolares é de balde, mentres que para as categorías Sénior e Máster ten un custo de 7 euros
-
Poderán participar deportistas federados e non federados
-
O obxectivo é fomentar o deporte e a actividade física entre a veciñanza

O domingo 4 de maio celebrarase a primeira edición da Carreira Popular Concello da Baña, unha cita deportiva que inclúe un programa completo de probas para todas as idades e niveis. Coa colaboración e control técnico da Federación Galega de Atletismo, a carreira terá a liña de saída e de chegada na Praza do Concello, convertendo esta xornada nun punto de encontro para os amantes do deporte e da actividade física.
A Carreira Popular Concello da Baña está aberta á participación de todas as persoas, tanto federadas como non federadas, e inclúe categorías desde os máis pequenos (biberón, para os nados no ano 2020 e posteriores) ata os adultos e veteranos (categoría Máster para os nacidos en 1989 e anteriores). Deste xeito, o evento busca promover a actividade física e o deporte en toda a comunidade, sen importar a idade ou o nivel.
As inscricións poden realizarse na web oficial www.carreirasgalegas.com ata o mércores 30 de abril ás 23:59 horas. Mentres que a participación nas categorías escolares (de biberón a sub-18) será de balde, as inscricións nas categorías Sénior e Máster teñen un custo de 7 euros. As retiradas de dorsais realizaranse na Casa do Concello o sábado 3 de maio, entre as 17:00 e as 20:00 horas, ou ben no propio día da proba, ata media hora antes do inicio da carreira correspondente.
As probas comezarán ás 10:00 h coa categoría sub-18 e continuarán ao longo da mañá, cunha distancia que vai desde os 100 metros para os máis pequenos ata os 10 km para os adultos e veteranos. Os horarios e distancias de cada categoría son:
- Biberón (2020 e posteriores): 100 m con saída ás 13:10 h
- Prebenxamín (2018-2019): 200 m con saída ás 13:15 h
- Sub 10 (2016-2017): 800 m con saída ás 12:55 h
- Sub 12 (2014-2015): 1.200 m con saída ás 12:40 h
- Sub 14 (2012-2013): 1.200 m con saída ás 12:30 h
- Sub 16 (2010-2011): 2.400 m con saída ás 12:10 h
- Sub 18 (2008-2009): 5 km con saída ás 10:00 h
- Senior (1990-2007) e Máster (1989 e anteriores): a proba de 5 km comezará ás 10:00 h e a de 10 km ás 11:00 h
Premios aos deportistas locais
O Concello da Baña recoñecerá o esforzo dos participantes entregando trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, así como aos tres primeiros en cada unha das probas de 5K e 10K. Tamén se premiarán aos tres mellores clubs da proba de 10K.
Os participantes locais que ocupen os tres primeiros postos na proba de 10K recibirán tamén un trofeo.
Para garantir a comodidade de todas as persoas, a organización ofrecerá servizo de duchas no Pavillón Polideportivo de San Vicente e no Campo de Fútbol Antonio Martínez.
Este evento, que busca ser un referente no calendario deportivo local, amosa o compromiso do Concello da Baña coa promoción do deporte e a actividade física entre a súa veciñanza.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1268
-
Música, teatro e literatura conforman un calendario pensado para todos os públicos
-
Os días 3, 4 e 5 celébrase os Obradoiros de entroido para a cativada menor de 13 anos
Concello da Baña presenta a súa programación cultural para o mes de marzo, cunha ampla oferta de actividades paratoda a veciñanza. Música, teatro, literatura e entroido conforman un calendario pensado para todos os públicos.
As actividades comezarán os días 3, 4 e 5 de marzo cos Obradoiros de entroido, en horario de 8:00 a 14:00 horas, que permitirán ás crianzas escolarizadas ata os 13 anos preparar as súas máscaras e disfraces para a gran festa do sábado 8, co desfile de Entroido.
O venres 7 de marzo, a Escola de Música Emilio Andújar acollerá un acto de homenaxe a María Elena López ás 19:15 horas. A continuación, ás 20:30 horas, terá lugar o concerto de Rilo e Penadique co seu espectáculo As do mare. Esta peza é un tributo ás mulleres do mar nas historias de ? ?????????, ? ????? ?? ?? ?? ???́?̃? ou ?? ?????? ???????????????.
O sábado 8 de marzo celébrase o Desfile de Entroido a partir das 16.30 horas, no que se repartirán máis de 3.200 euros en premios entre as diferentes cartegorías (individual, grupo, comparsa e carroza). A comitiva desfilará polas rúas Castelao e Tedelle, fará unha escenificación diante da escola de música Emilio Andújar e rematará o percorrido diante do polideportivo de San Vicenzo, onde se entregarán os premios e se repartirán petiscos gratuítos. O grupo CDC encargarase de poñer a música para animar a festa. A inscrición para participar no desfile pode facerse ata o 5 de marzo.
O domingo 9 de marzo, o Auditorio da Casa da Cultura será o escenario da presentación do libro O Clamor das Virxes, de Marga Cancela, a partir das 11:30 horas. Nesta cita literaria, a autora estará acompañada por Rebeca Liñares, letrada da Administración de Xustiza, e por Mónica González, concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía. O Clamor das Virxes é unha novela inspirada en feitos reais que aborda a loita e resistencia dun grupo de mulleres que sufriron abusos na Galicia rural do século XX.
A programación continuará o venres 28 de marzo cun Faladoiro sobre xénero e saúde mental no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:00 horas, coa participación de Antía Yáñez (escritora e dinamizadora cultural), Iria Veiga (médica psiquiatra e divulgadora científica) e Claudia Morán (xornalista e integrante de Xornalistas Galegas), tres expertas de ámbitos complementarios para debater sobre a importancia dunha perspectiva de xénero no tratamento da saúde mental e na súa representación cultural.
Por último, o sábado 29 de marzo, o Concello organizará unha saída ao Centro Dramático Galego para asistir á representación da obra A burra, a mesa e o pau. O autobús partirá ás 16:15 horas da Praza do Concello e as entradas terán un custo de 5 euros. A directora, Lorena Conde, dirixe a quince protagonistas que dan vida a persoas no límite da pobreza que ven no azar a vía de escape para evadirse dos seus problemas. A función terá lugar no Salón Teatro de Santiago ás 18:00 horas. As prazas son limitadas, polo que as persoas que desexen participar pode inscribirse tanto en persoa, na Oficina de Cultura, como por teléfono, no 981 88 65 01.
Desde o Concello da Baña animan a toda a veciñanza a participar nestas actividades culturais e a desfrutar dunha programación variada e enriquecedora para todos os públicos.
