- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 958
-
Delegadas no alcalde as competencias para iniciar o proceso de licitación para o Servizo de Axuda no Fogar
O Pleno da Baña aprobou onte por unanimidade os tres puntos sometidos a consideración da Corporación: o plan estratéxico de subvencións municipais 2025-2028, a modificación da ordenanza reguladora da utilización de instalacións deportivas e a delegación na alcaldía das competencias para iniciar o proceso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O Concello da Baña quere iniciar o proceso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar, que axuda a moitas veciñas e veciños e que representa unha das partidas de gasto máis importantes do orzamento municipal. A concelleira de Acción Social, Mónica González, explicou que se contratou unha empresa para redactar os pregos desta licitación, que para unha contratación durante dous anos supera o millón de euros. Para axilizar todo o proceso burocrático de tramitación, acordouse por unanimidade delegar no alcalde as competencias do Pleno para iniciar este proceso. José Antonio Pereira explicou que será a mesa de contratación a encargada de analizar as ofertas e que os tres grupos políticos serán informados do procedemento e poderán asistir as reunións da mesa de contratación que sexan públicas.
Nesta sesión do 28 de maio tamén se aprobou por unanimidade modificar a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización das instalacións deportivas municipais, que inclúe un pequeno cambio ao incluír o alugueiro das pistas polideportivas de Lañas (antes facíase referencia ao polideportivo). O alugamento de cada unha das pistas de pádel será de 8 euros a hora. O resto de tarifas mantéñense en 8 €/hora alugar o polideportivo de San Vicenzo, e 100 €/partido o campo de fútbol municipal.
No campo de fútbol mantéñense abonos de 10 partidos (650 euros), 15 partidos (1.000 euros) ou 20 partidos (1.300 euros de alugamento), que só poderán concretarse con entidades, clubes deportivos ou federacións para disputar encontros de competicións federadas.
O Pleno tamén aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións 2025-2028, que ven a substituír e actualizar o que estaba en vigor ata o ano pasado, e que rexerá a concesións de subvencións municipais ata 2028 e os obxectivos que se perseguen coas mesmas.
Neste plan contémplanse as subvencións nominativas deste ano e as liñas estratéxicas de actuación, que contemplan o fomento e promoción do deporte, a cultura, xuventude e o fomento turístico da Baña nos seus distintos ámbitos (liña 1); o fomento da acción social, fomento da natalidade, o acceso á educación, protección das familias e vivenda (liña 2); o fomento do sector primario (liña 3), o fomento da saúde mental (liña 4), e, na liña 5, o fomento do desenvolvemento económico local, o comercio e o emprego.
José Antonio Pereira explicou que este plan estratéxico inclúe xa medidas para fomentar o aluguer das vivendas deshabitadas do Concello da Baña co fin de aumentar a poboación, como establece o plan de vivenda municipal.
No apartado de rogos e preguntas tanto PP como BNG preguntaron por diferentes aspectos relacionados coa obra no Camiño de Monelos. José Antonio Pereira explicou que o director de obra estaba a preparar toda a documentación do remate da obra, e que unha vez estea rematado o propio técnico poderá dar as explicacións e aclararlle as dúbidas que teñan os dous grupos.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 948
-
A cita é valedoira para o IX Circuíto Intercomarcal de xadrez Deputación da Coruña 2025
-
O campionato comezará ás 15:45 horas no polideportivo municipal
-
As inscricións poderán realizarse ata o 6 de xuño a través do email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 617 234 393
-
A organización repartirá ata 700 euros en premios

O polideportivo municipal da Baña acolle o sábado 7 de xuño unha nova edición do Torneo de Xadrez Concello da Baña, que nesta ocasión será valedoiro para o IX Circuíto Intercomarcal de Xadrez Deputación da Coruña.
A cita iniciarase ás 15:45 horas coa presentación dos participantes, e o comezo da primeira rolda será ás 16:00 horas. A clausura está prevista arredor das 21:00 h.
O torneo disputarase baixo o sistema suízo a 7 ou 8 roldas (en función do número de xogadores) cun ritmo de xogo de 10 minutos + 3 segundos por xogada, e será válido para ELO FIDE de xadrez rápido. A inscrición está aberta a persoas federadas, aínda que a organización poderá tramitar federacións para quen o precise.
Inscricións e premios
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o venres 6 de xuño a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 617 234 393. O custe da inscrición é de 10 € (xeral), 7 € (sub-16) e 5 € (persoas empadroadas na Baña). Os pagamentos deben facerse de forma anticipada por transferencia (Caixabank ES15 2100 5097 2002 0012 6301) ou Bizum (617234393) indicando nome e apelidos e o epígrafe ‘inscrición torneo’. Os pagamentos efectuados o propio día do torneo levarán un recargo de 2€.
A organización repartirá 700 euros en premios, incluíndo trofeos nas diferentes categorías (xeral, locais, por tramos de ELO, idades e veteráns). Ademais, sortearase un cheque regalo de Gadis ou unha cesta de Frutas Fondo entre as persoas participantes non premiadas.
Con esta iniciativa, o Concello da Baña reafirma o seu compromiso co deporte estratéxico, educativo e integrador como é o xadrez, ofrecendo á veciñanza e visitantes un evento de referencia dentro do calendario deportivo da comarca.
As persoas que se acheguen ao municipio o día do torneo poderán tamén gozar da oferta hostaleira local, con opcións de xantar en distintos establecementos da zona, como O Arranca, Parrillada Begomar, Casa Salvador ou a Parrillada O Val de Barcala.
Para máis información e acceso ás bases completas pode consultarse o arquivo adxunto ou a web oficial do evento www.galichess.com
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 647
-
A elaboración con flores e elementos naturais reuniu a familias enteiras baixo a dirección creativa de Oli Xiraldez
-
O xantar veciñal e a actuación de ‘Os Monifates’ formaron parte tamén desta celebración

A Baña viviu este domingo, 11 de maio, unha xornada marcada pola cor, a natureza e a tradición coa celebración da súa Festa dos Maios, unha cita cultural que convocou á veciñanza arredor dunha das celebracións máis simbólicas da primavera galega.
A iniciativa foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que dirixe Mónica González, quen estivo presente e participou activamente xunto á veciñanza. Ao longo da xornada viñeron facer un seguimento da elaboración do Maio o alcalde José Antonio Pereira e a concelleira de Turismo Ana Pensado.

A programación deu comezo ás 10:00 horas cun obradoiro participativo de elaboración de Maios dirixido polo artista Oli Xiraldez, no que moitas persoas, grandes e pequenas, se achegaron a crear estruturas florais con elementos naturais, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega. A cativada gozou coa busca das cañas, das flores e descubrindo a montaxe en cada un dos seus pasos ao tempo que os maiores uniron forzas para completar un maio ben fermoso que loce xa na praza do Concello.

Debido a inestabilidade meteorolóxica o xantar veciñal trasladouse ao Centro Social, onde o grupo deu boa conta tanto dos aperitivos aportados polo Concello como da comida que moitos achegaron da casa.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, o público gozou do espectáculo “Os Monifates”, no que Alberto Millán e Xosé Piñeiro ofreceron unha función de marionetas danzantes acompañada de música en directo, que fixo as delicias de cativos e de maiores.

Desde o Concello da Baña destacouse a boa participación da veciñanza e a boa acollida dunha festa que logrou combinar o espírito festivo coa posta en valor das tradicións galegas.
A Festa dos Maios cumpriu co obxectivo de promover a identidade local e o encontro interxeracional.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1045
-
O acto será este sábado 17 de maio na Escola de Música Municipal Emilio Andújar
-
A elección destaca o seu labor á hora de manter viva a tradición oral no noso concello, formando parte da identidade cultural da Baña

O Concello da Baña celebrará este sábado 17 de maio, ás 11:00 horas na Escola de Música Municipal Emilio Andújar, o Día das Letras Galegas 2025 cun acto institucional e cultural no que se entregará o IV Premio Daniel García Ramos ás Cantareiras e Pandeireteiras da Baña, en recoñecemento ao seu labor de transmisión da tradición oral e musical galega.
Con este galardón, A Baña súmase activamente ao espírito da Real Academia Galega, que decidiu dedicar o Día das Letras Galegas deste ano á poesía popular oral, homenaxeando de forma colectiva a mulleres pandeireteiras e cantareiras. A elección pon en valor un legado cultural transmitido de xeración en xeración, tal e como se fixera en 1998 cos trobadores da ría de Vigo.
Neste contexto, a elección das Cantareiras e Pandeireteiras da Baña como receptoras do IV Premio Daniel García Ramos cobra un sentido especial, pois representa o recoñecemento a un colectivo local que leva décadas mantendo viva a tradición oral no noso concello. A súa contribución vai máis alá do musical pois forman parte da identidade cultural da Baña, transmitindo saberes, sonoridades e formas de relación comunitaria que fortalecen o tecido social e cultural da nosa contorna.
Ao tempo que se rende homenaxe a este grupo representativo, o Concello da Baña quere lembrar tamén a importante presenza doutros colectivos, entidades e persoas que contribuíron e contribúen de maneira decisiva á preservación da narrativa oral no municipio. A Baña conta cun rico patrimonio inmaterial vinculado á tradición oral que tamén merecen ser recoñecidas. Este premio é, tamén, unha mostra de respecto e gratitude a ese conxunto plural que mantén viva a memoria colectiva.
O acto incluirá tamén a presentación da Banda da Escola Municipal de Música e a actuación de María Faltri, cun espectáculo titulado Coa pandeireta na man. Trátase dunha proposta que ofrece unha experiencia completa para todas as idades, na que música, xogos e tradición se entrelazan para garantir a vixencia do noso legado cultural, combinando aprendizaxe, entretemento e posta en valor da nosa historia musical.
A xornada pecharase cunha degustación de petiscos para compartir entre as persoas asistentes.
A actividade está organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 688
-
A cita deste domingo 11 de maio contará co asesoramento do artista Oli Xiraldez, quen guiará ao público en obradoiros abertos para dar forma ás figuras florais
-
Ao mediodía a festa trasladarase á área recreativa do río Albariña para celebrar un xantar veciñal ao aire libre
-
Actuará a Escola de Música Tradicional da Baña e pola tarde será a quenda do espectáculo Os Monifates

