- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 895
-
A veciñanza doou en torno a medio cento de agasallos que o Concello repartiu entre as crianzas de familias con menos recursos do municipio //
-
Unha parte dos xoguetes foron entregados á aula hospitalaria infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago //
-
A edil de cultura, Lorena Trillo, agradece a implicación da veciñanza e a súa solidariedade //

A campaña solidaria de recollida de xoguetes posta en marcha durante este Nadal polo Concello da Baña pechou con grande éxito de participación. A veciñanza fixo gala unha vez máis da súa solidariedade, o que permitiu recadar en torno a medio cento de xoguetes, todos eles en bo estado de conservación. A campaña tiña por obxecto contribuír a que ningunha crianza do municipio se quedase sen xoguetes nestas datas tan especiais, á par que compartir aqueles en bo estado que hai nos nosos fogares e que xa non se usan, pero seguen a ter moita vida, e entregarllos aos nenos ou nenas de familias máis vulnerables para que poidan gozar deles.
Segundo explica a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, gran parte dos xoguetes depositados de xeito solidario dende o pasado 28 de decembro e ata o 4 de xaneiro na Casa da Cultura da Baña foron entregados aos nenos e ás nenas de familias máis vulnerables e/ou con menos recursos do municipio, seguindo o baremo do departamento de Servizos Sociais.
“Unha vez cubertas as necesidades para as familias do concello que o precisaron, como aínda quedaban agasallos doados pola veciñanza decidimos entregalos á aula hospitalaria infantil do Clínico de Santiago”, indica Lorena Trillo. Con esta acción o Concello quixo contribuír “a que os nenos e nenas que por diversos motivos teñen que pasar estas datas tan especiais hospitalizados poidan tamén gozar dun agasallo, mantendo viva a chama da maxia e da ilusión”, remarca a concelleira.
Lorena Trillo quixo agradecer, en nome do Concello, a implicación e a solidariedade da veciñanza na campaña de recollida de xoguetes solidaria. “Estamos moi contentos co resultado da campaña e queremos agradecer a todas as persoas da Baña que contribuíron a arrincar un sorriso este Nadal a unha crianza co simple xesto de compartir e doar ese xoguete, usado, seminovo ou novo”, subliñou a concelleira de Cultural.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 924
-
Haberá espectáculo de circo na rúa, reparto de agasallos e chocolate quente para as persoas asistentes

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente veñen de confirmar que acudirán puntuais á súa cita coas nenas e cos nenos da Baña o xoves, 5 de xaneiro. A comitiva real chegará ao pavillón municipal ás 17.30 horas para falar co público infantil, e cos maiores que así o desexen, ao obxecto de manter viva a ilusión na noite máis máxica do ano.
Para facer un pouco máis amena a espera das Súas Maxestades, o Concello programou para ás 16.30 horas o espectáculo Circando. Trátase dun espectáculo de circo na rúa, apto para todos os públicos, e no que a ilusión e a maxia do circo será o preludio da recepción real.
Tras a recepción oficial, os Reis Magos repartirán agasallos entre as nenas e os nenos e haberá chocolate quente para todo o público asistente.
A Baña réndelle unha homenaxe este sábado ao ex director da Escola de Música, Emilio Andújar Riveiro
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1076
-
As escolas vellas, sede da institución musical, recibirán o nome do finado músico
-
O Concello descubrirá unha placa conmemorativa e antigas alumnas e alumnos encargaranse de lembrar ao mestre
O Concello da Baña renderalle este sábado, 17 de decembro, unha homenaxe a Emilio Constantino Andújar Riveiro, músico, fundador da Banda de Infantil da Baña, ex director da Escola de Música e precursor da ensinanza musical, non só no municipio bañense, senón na comarca de Barcala. Como recoñecemento á figura do falecido músico, o Concello decidiu que as escolas vellas, sede do centro de música, leven o seu nome e pasen a denominarse Escolas Emilio Andújar.
O acto, que terá lugar ás 12.00 horas, consistirá no descubrimento dunha placa conmemorativa e nunha lembranza por parte de antigas alumnas e ex alumnos da escola de música á figura de quen fora o seu mestre musical e director. Ademais de membros do goberno municipal, asistirán tamén familiares, ex alumnos e ex alumnas e alumnado actual, entre outros.
Emilio Constantino Andújar Riveiro foi unha persoa moi querida na Baña e un referente musical para a comarca de Barcala. Natural de Negreira amaba a música por riba de todo. Comezou a súa andaina como músico afeccionado xunto ao seu irmán nun trío tradicional de gaita, bombo e caixa, que se convertería deseguido no Sextexto Bañés, no que tocaría o bombo. O seu ingreso no servizo militar na Coruña permitiulle unirse, polos seus coñecementos previos, á Banda de Música Militar de Infantería da Coruña, reforzando os seus coñecementos de solfexo, teoría, gaita e clarinete.
De volta do servizo militar, Emilio Andújar, que tocaba o saxo como ninguén, incorpórase ao Sindicato Nacional do Espectáculo e funda no ano 1949 a orquestra Andújar e no 1974, a orquestra Río Verde. Emilio Andújar compaxinou ata a súa xubilación a súa paixón como músico e arranxista, tocando nas orquestras, co oficio de taxista.
No ano 1981, xa xubilado, chegaríalle a proposta dun grupo de pais e nais do Colexio de San Vicente e o apoio do centro educativo para dar clases extraescolares de música. Andújar Riveiro non o dubidou e centrou a súa vida dende entón en ensinarlles o que máis amaba, a música, aos cativos e cativas da Baña. O seu labor ao longo deses anos foi vocacional e altruísta. Froito dese traballo crearíase a Banda Infantil da Baña (chamada ata 1985 Banda Infantil do Colexio da Baña, cando se desligou do centro educativo e recibiu apoio institucional). A banda dirixida por Andújar Riveiro debutaría na primavera de 1982 en Ordoeste; con ela chegou a espallar o nome do municipio por toda Galicia, España e o estranxeiro. A banda de música desenvolveu unha intensa actividade cultural e musical ao longo de 25 anos, ata a súa desaparición en 2009.
Na década dos 90, e froito da agrupación musical, crease a Escola de Música, coa incorporación do músico profesional Rafael Arosa que, xunto a Emilio Andújar e Mario Martínez formarían o cadro docente e impartirían solfexo, teoría musical e instrumento ás rapazas e rapaces da Baña.
O maxistral músico e mestre falecía en febreiro de 2019, na aldea de Rial (Ordoeste), aos 98 anos.
O Concello da Baña subliña que a homenaxe que este sábado se lle vai render á figura de Andújar Riveiro é ben merecida e convida a toda a veciñanza a sumarse ao acto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1508
-
As escolas vellas, sede da Escola Municipal de Música, levarán dende hoxe o nome do mestre e fundador da Banda Infantil
-
Goberno local e ex alumnos e ex alumnas destacan o labor do músico e da banda que facilitou o acceso a ducias de rapaces e rapazas á música e aos estudos oficiais

As escolas vellas, sede da Escola de Música Municipal da Baña, chamaranse a partir de hoxe Escolas Emilio Andújar, en homenaxe ao que fora fundador nos anos oitenta da Banda Infantil da Baña. Con este acto simbólico e moi emotivo, o Concello da Baña quere lembrar e recoñecer a figura do falecido músico Emilio Constantino Andújar Riveiro, “verdadeiro artífice e impulsor do ensino municipal no noso municipio”, manifestou o alcalde, Andrés García Cardeso. Así o testemuña a placa que o Concello descubriu esta mañá na súa memoria na fachada do inmoble e na que pode lerse a seguinte inscrición: “Emilio Constantino Adújar Riveiro. Exemplar músico, director e precursor da educación musical no Concello da Baña”.
García Cardeso subliñou que a homenaxe que “hoxe lle rendemos á Emilio Andújar é xusta e merecida”, dixo, o rexedor, quen destacou do falecido músico “tres valores fundamentais da súa persoa: era moi afable, respectuoso e moi responsable”, aseverou García Cardeso. O alcalde tamén recalcou que Andújar Riveiro encarnaba a tradición musical da comarca de Barcala, unha comarca “que deu e segue a dar moi bos músicos”.
Beatriz Cancela, ex alumna da Banda Infantil da Baña, musicóloga, doutora en Música pola Universidade de Oviedo e actualmente profesora de música en Boimorto, foi a encargada de facer unha emotiva lembranza de Emilio Andújar. Na súa intervención fixo un repaso pola biografía, tanto persoal como profesional, do homenaxeado resaltando a súa paixón pola música, polo ensino musical e o seu legado. Cancela fixo fincapé na importancia que tivo a creación da banda de música da Baña e a posterior escola na formación de moitas nenas e nenos do municipio.

“Máis dun centro de rapaces e rapazas do concello formaron parte desta agrupación; unha agrupación que facilitou a un amplo sector dos integrantes o acceso á música e aos seus estudos oficiais”, dixo Beatriz Cancela. A ex alumna engadiu tamén que a banda permitiu a moitos nenos e nenas “visitar lugares que enriqueceron as súas experiencias vitais, ás veces inaccesibles, á moitos mozos e mozas do rural bañés dos anos 80 e 90”.
Durante o acto tamén falou o ex alcalde da Baña e ex profesor do Colexio de San Vicente, Paco Villaverde, quen tamén recoñeceu a labor de Andújar ao fronte da Banda Infantil da Baña e na aprendizaxe musical dos nenos e nenas do municipio na década dos 80 e 90.
En representación da familia, Antonio Casal Andújar, neto do falecido músico, agradeceu o recoñecemento e a homenaxe do Concello á figura do seu avó.
Homenaxe musical
Tras os discursos, e antes do descubrimento da placa, Rubén, Marcos, Miguel, Esteban, Darío e Gustavo, antigos integrantes da banda de música e ex alumnos do homenaxeado, interpretaron unhas pezas en memoria do mestre. E a solista Noelia Rodríguez, acompañada ao piano por Ramón Leis, actual profesor na Escola de Música Municipal da Baña, interpretou a Negra sombra e o Himno Galego ante un público emocionado.

Tras o descubrimento da placa, o alcalde, Andrés García, acompañado polo tenente de alcalde, César Ramos Domínguez, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, agradecéronlle aos fillos e fillas do falecido músico a súa presenza entregándolles uns presentes. Tamén en nome do Concello, Lorena Trillo, entregoulle a Beatriz Cancela outro presente agradecéndolle a súa disertación sobre a figura de Emilio Andújar e o repaso pola historia e importancia da Banda Infantil da Baña.
O acto contou coa presenza de numerosos veciños e veciñas, familiares de Emilio Andújar, antigos alumnos e alumnas da escola de música e da extinta banda, ademais de representantes da Corporación municipal.

Emilio Andujar Riveiro
Emilio Andújar Riveiro naceu en 1920 na parroquia de Broño, en Negreira. Comezou a súa andaina no mundo da música, aos 14 anos, como músico afeccionado, nun tradicional trío de gaita, bombo e caixa. Logo pasaría a formar parte do Sexteto Bañés, tocando o bombo. O seu paso polo servizo militar permítelle ingresar na Banda Militar do Cuartel de Infantería da Coruña, onde adquire os coñecementos en solfexo, teoría, gaita e clarinete. Tras rematar o servizo, incorpórase ao Sindicato Nacional de Espectáculo e funda no 1949 a Orquestra Andújar en 1949. En 1974 organiza a orquestra Rioverde, que compaxina coa seu labor de taxista. Casa con Magdalena Pose e establece o seu domicilio en Ordoeste (A Baña).

No ano 1981, xa xubilado, Emilio Andújar pasaría a dar clases extraescolares de música no colexio da Baña e, froito dese traballo xurde a Banda Infantil da Baña (activa dende 1982 ata 2009), da que foi director. Froito da agrupación musical crease en 1998 a Escola de Música. Emilio Andújar pasaría a formar parte do cadro docente xunto cos músicos Rafael Arosa e Mario Martínez.
O entrañable músico e impulsor da ensinanza musical na Baña falecería en 2019, na aldea de Rial (Ordoeste) aos 98 anos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1159
-
O segundo galardón recaeu no ‘cocido en camisa’ do bar O Muíño
-
O xurado decidiu outorgar o premio simpatía á ‘empanada de millo’ de Casa Morena
-
Elvis Rodríguez Fernández e Sofía Vázquez Mayo foron os gañadores dos sorteos para o público dunha noite de aloxamento nunha casa de turismo rural do municipio
-
O alcalde, Andrés García, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, entregarán hoxe os premios

O primeiro concurso de tapas ABaña Tapas xa ten gañador. A votación do xurado profesional (que valía un 55% da nota) e do público (que representaba o 45% restante) designou como mellor tapa a proposta culinaria presentada pola Taberna do Barro (O Barro) co nome de empanadilla de Marina. O gañador recibirá os 450 euros co que está dotado este primeiro premio. O segundo galardón recaeu no cocido en camisa, do bar O Muíño (San Vicenzo), que percibirá 250 euros.
Segundo explica a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, o xurado, tanto o profesional como o do público, tiveron dificultades á hora de elixir a tapa do segundo premio, “dada a calidade das preparacións, polo que o Concello decidiu outorgarlle o premio simpatía á empanada de millo que presentou ao concurso Casa Morena”, subliña a concelleira. Este establecemento hostaleiro recibirá unha peza de artesanía galega.
O Concello da Baña tamén deu a coñecer aos ganadores dos dous sorteos premiados cunha noite de aloxamento para dúas persoas na casa rural A Ribeira do Tambre (Troitosende) e na Casa do Folgo (Ordoeste). As persoas afortunadas foron Elvis Rodríguez Fernández e Sofía Vázquez Mayo. O requisito imprescindible para poder participar neste sorteo, destinado ao público, era ter selado o Pasaporte de tapas en todos os locais que participaron neste primeiro concurso ABaña Tapas.
O alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, visitarán hoxe os locais gañadores para entregarlles os seus respectivos premios. Tamén obsequiarán cun agasallo ás persoas propietarias das dúas casas de turismo rural que se implicaron no sorteo para o público participante no concurso de tapas, agradecéndolles deste xeito a súa colaboración.
Cómpre subliñar que o xurado profesional contou con recoñecidos expertos como José Manuel Mallón Ardións, cociñeiro do espazo gastronómico Remollo e embaixador de Experiencias de Calidade de Galicia; e Guillermo Gómez Lestón, director de operacións de Oca Hoteles.
ABaña Tapas celebrouse durante as tres primeiras fins de semana de novembro e tiña por obxecto incentivar o produto de tempada e de proximidade, poñer en valor a gastronomía do municipio e revitalizar o turismo.
Nesta primeira edición do concurso gastronómico participaron un total de cinco locais de distintos puntos do municipio. Taberna do Barro (O Barro) ofreceu follado de rinchas e empanadilla de Marina; Casa Morena (Corneira) elaborou follado e empanada de millo; Parrillada O Barro (O Barro) preparou parrilla; O Arranca (Ordoeste) apostou por empanada de millo con xoubas e croquetas de champiñóns con xamón, e O Muíño (San Vicenzo) optou por cocido en camisa e bruschetta.
