- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 798
-
Poden participar nenos e nenas empadroados na Baña de 3 a 14 anos //
-
É preciso anotarse antes das 15.00 horas deste sábado 3 de setembro, chamando ao teléfono 626 80 06 73 ou enviando un wasthapp //
O Concello da Baña vén de abrir as inscricións para o programa de conciliación que se desenvolverá os días 5, 6 e 7 de setembro, de 8.30 a 14.30 horas. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos empadroados na Baña. O programa levarase a cabo na Axencia de Lectura, en horario de 8.30 a 14.30 horas. As prazas son limitadas e concederanse por orde de inscrición.
As familias que desexen facer uso deste programa deberán formalizar a súa inscrición ata ás 15.00 horas deste sábado, 3 de setembro, chamando ao teléfono 626 80 06 73 ou enviando un wasthapp ao devandito número. Na mensaxe deberá figurar o nome e apelido da nena ou do neno que vai participar, a idade e o horario elixido.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 878
-
A actuación, que combina música e teatro, meteuse ao público no peto //
-
O programa de conciliación manterá a súa actividade ata este venres, 2 de setembro //
A área recreativa de Agra de Chans acolleu hoxe o espectáculo Cantaxoga, a cargo da compañía Millagas Teatro. A actuación, que combinou música e teatro, serviu de despedida dos campamentos de verán na Baña.
María Campos e Carlos Yus levaron aos nenos, ás nenas e aos maiores nun singular percorrido polas cancións dos discos Canta connosco! E pan de millo, a través de chiscos e sktechs cómicos. Como acompañamento tiveron unha peculiar banda de pulgas e a colaboración do propio público presente que non dubidou en viaxar con eles ao espazo, lembrar os ósos dos corpo, resolver adiviñanzas ou mesmo recrear animais. Todo elo cunha única finalidade: divertirse, soñar, aprender e poñer en valor a lingua e a música tradicional galegas.
O espectáculo foi organizado polo Concello da Baña, en colaboración coa Deputación da Coruña e enmárcase dentro do programa da Rede Cultural do organismo provincial.
O Concello da Baña lembra que o campamento de verán manterá a súas actividades ata este venres, 2 de setembro, día no que finalizará este programa de conciliación.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 942
-
As contas foron aprobadas por unanimidade nun Pleno extraordinario
-
O investimento en saneamento, abastecemento e melloras culturais, sociais e medioambientais supera o 30% do orzamento
-
O Concello solicitará máis de 234.000 € para gasto corrente con cargo ao POS + Adicional da Deputación
-
O martes de Entroido e o 8 de setembro, día da Virxe do Bo Suceso en San Vicenzo, serán festivos locais en 2023
O Pleno municipal da Baña aprobou onte, xoves 11 de agosto, por unanimidade, un orzamento para o exercicio 2022 que ascende a 4.430.000 euros. No Pleno extraordinario a Corporación deulle luz verde tamén á solicitude de 234.000 euros para gasto corrente con cargo ao POS + Adicional para este exercicio; e fixou os días festivos locais de que poderá gozar a veciñanza en 2023: o martes de Entroido e o 8 de setembro.
Os orzamentos, os primeiros que aproba o Concello da Baña desde 2017, fan unha especial incidencia na partida dedicada a servizos sociais, favorecendo deste xeito a atención á calidade de vida da cidadanía bañense. A desagregación por programas mostra unha previsión de gasto social de 1.205.007,14€, máis da cuarta parte do total. Mentres, o investimento real en diferentes actuacións de saneamento e abastecemento, así como en melloras culturais, sociais e medioambientais, supera o 30% do orzamento do Concello para o presente exercicio. O mantemento da rede viaria tamén é unha das partidas con maior incidencia orzamentaria, cunha asignación de 859.210,13.
Para Andrés García Cardeso, "este orzamento vai permitir que A Baña recupere o pulso despois da pandemia. Este é un presuposto real, adecuado ás necesidades que ten un concello rural coma o noso". Mirando cara ao futuro, o alcalde da Baña apuntou que a aprobación do orzamento de 2022 significará "unha catapulta para elaborarmos xa o de 2023 e recuperarmos a normalidade, que é tan necesaria para o desenvolvemento".
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, José Antonio Pereira, razoou o voto favorable do seu grupo en que, ao seu xuízo, as contas "son as mesmas que nós presentamos en 2021", coa variación de capítulos coma "os incrementos salariais de persoal e a seguridade social. O que antes non valía, agora vale", afirmou Pereira, que xustificou a aprobación asegurando que "a diferenza de vostedes nós queremos o mellor para os veciños, gobernemos nós ou gobernen vostedes". O alcalde agradeceu o apoio dos socialistas ás contas municipais, aínda que declarou que "a diferenza entre as contas que presentaron en 2021 e as actuais é abismal: dos 3.600.000€ de entón pasamos a 4.430.000€". Para García Cardeso, aquelas contas e estas "pode que se parezan na letra, pero os números non son os mesmos".
Nunha análise por capítulos, a partida de investimentos reais suma 1.340.039,21 (o 30,24% do total). Entre as actuacións previstas de maior calado atópanse a ampliación de equipamentos sociais no centro cívico de San Vicenzo (332.492,26€) ou o saneamento de Liñares-San Salvador (177.843,57€) e de Xaxoso-Castiñeira (46.238,70€). Tamén figuran nos presupostos as obras de pavimentación no Cruceiro-Canle-Paraxó, Cores-Lameiro, Trarroeira e Trasbarcala a límite con Negreira ou de Lañas e Fiopáns.
Por outra banda, os gastos correntes en bens e servizos consomen o 34,20% do total do orzamento, cun importe asignado de 1.514.161,3€. Mentres, os gastos de persoal ascenden a 1.258.699,40€, á espera do remate da elaboración e negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que se está a realizar. Este feito podería afectar á execución deste capítulo.
O equipo de goberno elaborou uns orzamentos equilibrados e sen déficit inicial. As principais fontes de ingreso son as transferencias correntes doutras administracións, que con 2.244.960,33€ supoñen máis da metade do presuposto. Tamén teñen gran peso as transferencias de capital, calculadas en base ás subvencións solicitadas, que suman un 25% do orzamentado.
POS + Adicional
Na sesión de onte tamén se aprobou solicitar 234.000,72€ para financiar o gasto corrente municipal con cargo ao POS + Adicional 2/2022. Nesta segunda fase do plan, a Deputación provincial ten asignado ao Concello da Baña un total de 412.001,29€, polo que os 177.843,57€ restantes se destinarán ao saneamento de Liñares-San Salvador. A proposta foi aprobada cos votos favorables do grupo de goberno (PP e Compromiso) e co voto en contra dos catro edís do PSdeG.
Festivos locais
Por outra banda, o Pleno da Baña aprobou tamén por unanimidade fixar como festivos locais para o vindeiro ano 2023 o martes de Entroido e o 8 de setembro, día no que se celebra a Virxe do Bo Suceso na parroquia de San Vicenzo. Malia que é costume declarar como días non laborables o 22 de xaneiro (San Vicenzo) e o 9 de setembro (Virxe das Dores), dáse a circunstancia de que estas datas coinciden en fin de semana.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 974
-
A DOG publicou o luns o anuncio de exposición pública do proxecto da liña de evacuación de 220 Kv entre Mazaricos e Santiago
-
O proxecto da empresa Villar Mir Energía está en proceso de exposición pública e poderán presentarse suxestións ata o 4 de outubro
-
A veciñanza da Baña pode consultar cos técnicos municipais as súas dúbidas e recibir asesoramento

O Concello da Baña está a traballar na elaboración dun modelo tipo de alegación para que aquelas persoas que o consideren necesario poidan presentar suxestións ou alegar contra o proxecto de construción da liña aero-subterránea de alta tensión de 220 Kv que servirá de evacuación ao parque eólico da Picota e que chegará ata Santiago, pasando polos municipios de Mazaricos, A Baña, Negreira, Ames e Santiago. O prazo para presentar alegacións remata o 4 de outubro (30 días naturais dende o 23 de agosto).
O DOG publicou o pasado luns, día 22, o anuncio de exposición pública da construción, estudio de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do proxecto desta liña de evacuación entre o parque eólico da Picota e Santiago de Compostela, que solicitou a empresa Villar Mir Energía, que ten un orzamento de execución material de 9 millóns de euros e un prazo de execución de 15 meses. No DOG aparece publicada a relación de bens e dereitos afectados por esta liña de alta tensión.
Nada máis ter noticia deste proceso de exposición pública, o equipo de goberno da Baña encargoulle aos técnicos e asesores municipais que elaboren un documento tipo de alegación que lle poida servir de orientación á veciñanza que desexe presentar alegacións durante este proceso. Segundo informou o tenente de alcalde, César Ramos, o Concello agarda ter este documento listo “na primeira semana de setembro”.
Así mesmo, os técnicos municipais atenderán as persoas que desexen obter máis información sobre este procedemento e recibir asesoramento sobre a forma de presentar alegacións.
As persoas interesadas poden consultar a documentación sobre este proxecto no propio Concello da Baña ou nas dependencias da sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2, 2º andar, 15071 A Coruña, teléfonos 981 18 49 83 e 18 49 17), de luns a venres, das 9.00 as 14.00 horas
Toda a documentación relativa a este proceso de exposición pública tamén se pode consultar nos seguintes enlaces:
Publicación do anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/.../AnuncioV0653-090822-0001_gl.html
O proxecto técnico (xuño 2022-visado 30/06/2022):
http://descargas.xunta.es/c9f6aec2-6832-468b-903d-f836d46fc5a51660723782451
Plano xeral do proxecto:
http://descargas.xunta.es/a5f4091d-c226-41a5-80af-7e4ceeefc4811660723990870
Planos individuais dos predios afectados polo proxecto:
http://descargas.xunta.es/223b03ec-df6f-4891-b778-7ea78561b47a1660724742115
Planos parcelarios por Concellos:
http://descargas.xunta.es/4f3da3b3-03bc-408d-b9b9-98dfbdbb11631660724017760
Estudo de impacto ambiental (EIA) (xuño 2021-asdo. 08/07/2022):
http://descargas.xunta.es/4eb2e02c-ff5f-428a-9ef1-0de3efe966701660724905160
E o Estudo ambiental do proxecto da SET Colectora Nova (que se esta a tramitar noutro expediente con nº IN408A 2020/166):
http://descargas.xunta.es/84da220c-7079-4ad1-addb-96d32a6f446a1660724946369
O Proxecto de interese autonómico (PIA) (xuño 2022-visado 30/06/2022):
http://descargas.xunta.es/2195730b-455b-4cd8-9916-0249ba3c0bd81660727783824
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 937
-
A subvención enmárcase no programa PEL-Concellos de Axudas ao sector das orquestras e verbenas //
-
O goberno local solicitou a achega para o espectáculo da orquestra Olympus durante a Festa da Filloa //
A Deputación da Coruña concedeulle ao Concello da Baña unha subvención por un importe de 5.000 euros destinada á contratación de orquestras durante o presente ano 2022. A axuda enmárcase no programa PEL (Plan de Emprego Local)-Concellos de Axudas ao sector das orquestras e verbenas.
O Concello da Baña solicitou a devandita subvención para o espectáculo que a orquestra Olympus realizou durante as Festa da Filloa.
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña recolle na súa edición do pasado martes, 26 de xullo, a resolución da Deputación da Coruña pola que se aproba a concesión definitiva de subvencións correspondentes ao programa de Axudas ao sector das orquestras e verbenas, incluído na liña 1.3 do Plan de Emprego Local. A resolución pódese consultar no seguinte enlace.
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/07/26/2022_0000004445.pdf


