• O certame ABaña Tapas celebrarase ao longo destas tres primeiras fines de semana de novembro //

  • O público terá a súa disposición nos establecementos as tarxetas para votar e o Pasaporte de tapas //

  • O Concello establece dous premios de 450 € e 250 €, respectivamente, para as dúas mellores propostas culinarias //

 Hoxe arrinca na Baña o primeiro concurso de tapas ABaña Tapas e a ruta gastronómica organizado polo Concello ao obxecto de promocionar a hostalaría local, incentivar a gastronomía do municipio e o fomento dos produtos autóctonos de tempada e de proximidade. En total son cinco os establecementos hostaleiros que participan na proposta gastronómica que se desenvolverá ao longo destas tres primeiras fins de semana de novembro (4-5-6; 11-12-13 e 18-19 e 20 de novembro).

Os locais participantes son Taberna do Barro (O Barro), no que se poderán degustar as súas tapas de 12.30 a 15.00 horas e de 19.30 a 22.00 horas; e Casa Morena, en horario de 20.00 a 22.00 horas. Estes dous locais participan as tres fins de semana. Parrillada O Barro (Barro) participará só os domingos días 13 e 20 de novembro, en horario de 12.00 a 14.00 horas. O Arranca de Ordoeste o fará só os venres e os sábados, de 12.00 a 16.00 horas. E, finalmente, O Muiño (San Vicenzo) participará no concurso de tapas só a última fin de semana, a do 18 ao 20 de novembro e en horario de 12.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.

O Concello establece dous premios, un primeiro de 450 € e un segundo de 250 € para as dúas mellores tapas. As tapas gañadoras sairán do voto ponderado do tribunal profesional e do público (usuarios dos locais de hostalaría).

Cada local poderá presentar ao certame gastronómico un máximo de dúas tapas, podendo aumentar a tres no caso de ofrecer unha tapa sen glute, vexetariana ou vegana.

En cada establecemento, cada persoa só poderá votar as tapas consumidas nel e, en ningún caso, tapas doutro local. Será un único voto por tapa consumida.

O público terá a súa disposición nos locais hostaleiros participantes as tarxetas para votar e tamén se lle facilitará o Pasaporte de tapas. Todas aquelas persoas que completen o pasaporte poderán participar no sorteo dunha noite de aloxamento para dúas persoas na casa rural A Carballeira do Tambre (Troitosende) e no sorte doutra noite para dúas persoas na casa rural O Folgo, de Ordoeste.

  • O Concello repartiu entre a veciñanza 70 quilos de castañas asadas \\

  • ‘Espantamendos’, de Fantoches Baj, abriu a festa escenificando un conxunto de contos e cancións para enfrontarse aos medos ancestrais \\

 20221029 magosto 2

 As Escolas Vellas foron este ano o escenario escollido polo Concello da Baña para celebrar o Samaín e o tradicional magosto. A celebración tivo lugar este sábado á tardiña e combinou a degustación de castañas con actividades lúdico-culturais aptas para todos os públicos. Ignacio Vilariño, de Fantoches Baj, foi o encargado de abrir a festa e de poñer en situación ao público, sobre todo ao infantil, co seu espectáculo de narración oral Espantamedos, no que propuxo unha serie de contos e de cancións para enfrontarnos aos medos ancestrais e fixo partícipe ao público, que non dubidou en acompañalo con algunha das letras e con palmas.

20221029 magosto 1

Tras esta actuación a veciñanza gozou do popular magosto, no que se asaron 70 quilos de castañas. A degustación estivo amenizada polo grupo Axio Mouro, de Santa Comba. O Concello tamén repartiu entre as crianzas lambetadas e doces.

Moitos dos nenos e das nenas que asistiron á  festa do Samaín viñeron caracterizados. Así, polas Escolas Vellas pulularon bruxas, demos e algún que outro esqueleto.

Na celebración do Samaín estiveron presentes o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o tenente de alcalde; César Ramos e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo.

20221029 magosto 3

 

  • O DOG publicou o 27 de setembro o anuncio de exposición pública
  • As persoas interesadas teñen de prazo ata o 10 de novembro para presentar obxeccións
  • Hoxe celébrase a segunda charla informativa no local social de Barro, ás 19.30 horas

charlas parques eolicos

O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación ao parque eólico do Barrosino para que as persoas interesadas que o consideren poidan presentar obxeccións. Hoxe, 18 de outubro, celébrase a segunda charla na que técnicos municipais e da asesoría xurídica informarán á veciñanza de cales son os dereitos que teñen e de como se poden presentar alegacións, que poderán facer ata o 10 de novembro. Será no local social de Barro ás 19.30 horas. O pasado día 10 celebrouse outra charla informativa en Marcelle.

 O Diario Oficial de Galicia publicou o 27 de setembro o acordo da Xunta polo que se somete a exposición a solicitude de declaración e utilidade pública do parque eólico de Barrosino, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación dos terreos afectados e a súa expropiación forzosa. Por este motivo, o Concello da Baña anuncia que, logo de estudar o proxecto, informará a veciñanza nos próximos días e ofrecerá modelos para presentar alegacións.

O DOG publica a listaxe de persoas e bens afectados e informa que o prazo para presentar alegacións é de 30 días hábiles a contar desde este mércores 28 de setembro (o prazo remataría o 10 de novembro). O parque, promovido pola empresa Green Capital Power, afectaría exclusivamente ao Concello da Baña e contaría con 3 aeroxeneradores dunha potencia de 4,5 megawatios cada un deles.

Toda a documentación e os planos do proxecto pódense consultar na seguinte ligazón: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0221.html.

De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.

O modelo de alegación pódese descargar no arquivo adxunto.

  • O prazo para presentar reclamacións remata o 16 de novembro

  • O DOG publicou o anuncio o pasado 3 de outubro

20221026 Alegacion LAT Troitomil 

O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación tipo á liña de alta tensión do parque eólico de Troitomil para que as persoas interesadas que o considren poidan presentar obxeccións antes do 16 de novembro. O documento de alegación pódese descargar no arquivo adxunto e neste enlace

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 3 de outubro o acordo da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Vicepresidencia polo que se somete a exposición a solicitude de declaración de utilidade pública, coa conseguinte necesidade urxente de ocupación e expropiación forzosa, do proxecto LAT 132kv set parque eólico Troitomil-LAT 132kv SET parque eólico Banzas/SET colectora Lousame, que a empresa Green Capital Power ten previsto desenvolver nos concellos da Baña e de Negreira.

O DOG tamén publicaba o día 3 a listaxe de persoas e bens afectados e informa que o prazo para presentar alegacións é de 30 días, polo que remata o 16 de novembro. O proxecto, que conta cun orzamento de 1.982.000 euros, ten un prazo de execución de seis meses

Toda a documentación e os planos do proxecto pódense consultar na seguinte ligazón: 

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0230.html.  

De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como nas casas do concello da Baña e de Negreira.

Attachments:
Download this file (20221026_Alegacion_LAT_Troitomil.doc)Modelo_alegación_LAT_TROITOMIL[ ]51 kB
  • Aprobada a modificación do contrato de mellora da estrada de Menlle de Arriba a Paradas cos votos a favor do equipo de goberno e da concelleira non adscrita e a abstención dos socialistas

 

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou hoxe por unanimidade a conta xeral correspondente ao exercicio 2021. No pleno extraordinario de esta tarde tamén se aprobou, con 8 votos a favor e 3 abstencións, a modificación do contrato de pavimentación da estrada que vai de Menlle de Arriba ata Paradas, financiado ao abeiro do POS+ 2021.

A modificación vai permitir botar unha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente nuns 850 metros desta estrada que pasan máis preto das vivendas en Menlle, mantendo o rego asfáltico no resto do tramo, segundo explicou o alcalde. Andrés García Cardeso dixo que esta petición foi feita polos veciños hai máis dun ano e que despois de todos os trámites burocráticos pódese levar a cabo ao contar coa colaboración da empresa adxudicataria (Mantido) para modificar o proxecto sen cambiar o presuposto de adxudicación da obra, que supera lixeiramente os 95.870 euros.

Dende o grupo socialista, José Antonio Pereira criticou que se reducira a mellora nun tramo de  quilómetro e medio desta estrada para poder botar aglomerado en Menlle, e reclamou que en toda a estrada se utilice aglomerado en quente, utilizando a parte do POS que o Concello deixou para gasto corrente.

O alcalde, Andrés García Cardeso replicoulle que a veciñanza fixera esa petición en setembro do ano pasado, cando os socialistas gobernaban na Baña, e que non foron quen de modificar o proxecto. “É fácil pedir aglomerado para o monte, pero primeiro son os veciños”, concluíu o alcalde.

Pola súa banda, Mónica González preguntou cando se vai executar a obra, e pediu que, se é posible, se utilice aglomerado en quente nunha costa con bastante pendente.

Na votación, a modificación do contrato aprobou se con 8 votos a favor (PP, Compromiso e Mónica González) e 3 abstencións (PSdeG).

20221011 Bana Pleno extraordinario conta Xeral