Publicadas no BOP as modificacións de ordenanzas sobre o uso de áreas recreativas e cortas forestais
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 367
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe, 21 de abril de 2025, as modificacións de dúas ordenanzas do Concello da Baña: unha relativa ao uso e xestión das áreas recreativas e outra sobre as plantacións e cortas de árbores.
Ábrese agora un prazo de 30 días naturais, contados dende esta publicación no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello, para que a veciñanza poida presentar alegacións ou suxestións a estas modificacións. De non recibirse reclamacións nese tempo, as ordenanzas consideraranse aprobadas definitivamente.
Modificación da ordenanza das áreas recreativas
A principal novidade é a introdución de condicións específicas para o uso da Área Recreativa de Chans:
- Establécese unha fianza de 50 euros para todas as persoas usuarias.
- As persoas non empadroadas deberán abonar tamén unha taxa de alugueiro de 50 euros.
- As persoas empadroadas no Concello da Baña quedan exentas do pago desta taxa, mantendo a fianza.
- A fianza e a taxa deberán aboarse nas entidades bancarias onde o Concello ten conta.
Esta modificación pretende priorizar o uso por parte da veciñanza local e garantir o coidado e mantemento das instalacións.
Consulta o texto completo da ordenanza modificada sobre áreas recreativas nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.
Modificación da ordenanza sobre cortas e plantacións forestais
As modificacións desta ordenanza buscan minimizar os danos nas vías públicas e mellorar a xestión ambiental das cortas. Entre os principais cambios destacan:
- Obrigatoriedade de comunicar as cortas con 15 días hábiles de antelación cando superen as 5 toneladas.
- Establecemento de licenzas bianuais obrigatorias para as tarefas de depósito, carga e transporte de madeira.
- Fianzas obrigatorias:
- 1.600 € para vehículos de menos de 16 Tm.
- 3.100 € para vehículos de 16 Tm ou máis.
- O/A madeireiro/a e/ou persoa propietaria será responsable directa dos danos causados e da limpeza das vías.
- Detállanse as infraccións leves e graves, con sancións que oscilan entre os 300 e os 1.500 euros.
Consulta o texto completo da ordenanza modificada sobre cortas e plantacións nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 164
-
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente no teléfono 981 886 501
O Concello da Baña celebrará o Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril, cunha programación especial composta por dúas actividades culturais pensadas para fomentar a lectura e o contacto coa literatura desde diferentes perspectivas.
O venres 25 de abril, ás 17.00 horas, terá lugar na Axencia de Lectura da Baña o obradoiro creativo Debuxar letras II, unha actividade de iniciación ao lettering que regresa tras o éxito da súa primeira edición. A proposta está dirixida a todos os públicos e combina a creatividade co gusto pola palabra escrita, promovendo a expresión artística a través do deseño de letras.
A segunda das actividades será a andaina literaria Ruta ‘As rapazas de Xan’, que se celebrará o domingo 27 de abril a partir das 10.00 horas. Trátase dunha ruta de dificultade baixa pola parroquia de Cabanas, baseada na novela As rapazas de Xan do autor Manuel Iglesias Turnes. O percorrido permitirá descubrir os espazos naturais e culturais que inspiraron a obra, ofrecendo unha experiencia de lectura viva e contextualizada.
As persoas interesadas en participar nestas actividades deberán inscribirse previamente no teléfono do Concello: 981 886 501.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 91
Dende o 1 de abril ata o 30 de setembro, o Concello da Baña contará cun reforzo na súa brigada municipal de obras coa incorporación de tres novos traballadores. Esta ampliación do persoal é posible grazas ao programa PEL-Concellos 2025, financiado pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo apoiar os concellos na mellora dos servizos municipais e fomentar o emprego local.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 877
-
José Antonio Pereira informou no pleno que os cinco terminais seguen sen aparecer e que tanto Concello como Fiscalía piden que se celebre o xuízo por malversación de caudais públicos
-
O ex alcalde asegura que no xuízo demostrarase a súa inocencia
-
Aprobada a ordenanza que regula as prestacións de emerxencia social e a modificación das ordenanzas de uso de áreas recreativas e de corta de madeira
-
Unanimidade para apoiar a declaración institucional contra o vertedoiro de residuos na canteira Pedra Facha de Val do Dubra
O alcalde da Baña e portavoz do grupo socialista, José Antonio Pereira, solicitou no pleno ordinario celebrado este 9 de abril a dimisión do exrexedor e portavoz do PP, José Andrés García Cardeso, que está acusado dun delito de malversación de caudais públicos e para o que fiscalía e Concello solicitaron a apertura de xuízo oral no xulgado do penal. García Cardeso respondeu que el non se apropiou dos 5 teléfonos e que no xulgado demostrará a súa inocencia. (Vídeo íntegro do pleno).
José Antonio Pereira deulle conta ao Pleno do auto do procedemento abreviado 60/2024 que se sigue no xulgado de Negreira pola desaparición de cinco teléfonos móbiles (o Concello pagou 6.585 euros por eles, entre os que se atopan un iPhone de última xeración), polo que se acusa a o exalcalde, Andrés García Cardeso, dun delito de apropiación indebida e malversación de caudais públicos. No auto, de data 27 de febreiro, o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Negreira dalle 10 días ás partes para solicitar a apertura de xuízo oral. Como denunciantes neste proceso figuran o Concello da Baña, José Antonio Pereira e a propia Fiscalía.
José Antonio Pereira informou que tanto el como o Concello xa solicitaron a apertura de xuízo oral, “motivo polo que en calidade de alcalde e de portavoz do grupo socialista da Baña solicitou a dimisión de Andrés García Cardeso como concelleiro e como portavoz do PP, ao non ser acorde que vostede represente neste Concello a gran parte da poboación deste municipio”, asegurou no pleno o actual alcalde. Pereira Gil volveu recordar que despois das eleccións desapareceran 5 móbiles mercados polo Concello, cun valor de 6.585 euros, e que das investigación levadas a cabo pola Garda Civil e polo xulgado de Negreira, o xuíz atopa serios indicios dun delito de apropiación indebida e malversación de caudais públicos cometidos por Andrés García Cardeso e por outra persoa das que non se facilitou o nome.
Andrés García Cardeso volveu insistir no pleno de onte que os móbiles están no Concello, que foron utilizados por persoal municipal e que no xulgado se demostrará a súa inocencia. “Podedes pedir a dimisión e o que queirades. O que pon o auto non é certo. Hai que esperar acontecementos, dirimirase todo no xulgado”, asegurou.
Ordenanza de emerxencia social
Na sesión de onte, o Pleno da Baña aprobou inicialmente e por unanimidade a ordenanza que regula as prestacións de emerxencia social para atender urxencias puntuais e sobrevidas da veciñanza que se atope en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. O obxectivo é regular as prestacións de emerxencia social no Concello da Baña, garantindo que as persoas en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social poidan acceder a axudas económicas en casos de urxencia.
Estas prestacións estarán destinadas a cubrir necesidades básicas como a alimentación, os gastos sanitarios ou os custos de mantemento da vivenda. O pasado 10 de marzo, o Concello abriu no mes de marzo un proceso de participación cidadá para mellorar esta ordenanza, que foi aprobada agora inicialmente por unanimidade, pubicarase no BOP es estará a exposición pública durante 30 días para poder aportar suxestións.
Ordenanza de áreas recreativas e corte de madeira
Na sesión de onte tamén se acordou modificar o artigo 5 da ordenanza reguladora do uso das áreas recreativas da Baña. No caso concreto da área recreativa Agra de Chans mantense a fianza de 50 euros que deberán depositar todas as persoas que soliciten o seu uso. A partir de agora, as persoas non empadroadas na Baña deberán pagar un alugueiro de 50 euros por usar esta área recreativa. A liquidación da fianza e da taxa de alugamento deberá depositarse nunha das entidades bancarias nas que teña conta o Concello da Baña.
O Pleno tamén modificou a ordenanza que regula as plantacións e as cortas de árbores na Baña. Co cambio aprobado establécese a obrigatoriedade de comunicar ao Concello, cun mínimo de 15 días hábiles de antelación, a data prevista para o inicio da corta de plantacións forestais sempre que superen as 5 toneladas, co obxectivo de garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e das pistas rurais. A ordenanza tamén obriga, entre outros aspectos, identificar o nome do propietario a do madeireiro e tamén a parcela na que se cortará a madeira.
A ordenanza tamén establece fianzas en función da capacidade dos vehículos que transporten a madeira, fianzas que serán de 1.600 euros para camións de menos de 16 toneladas de carga, e de 3.100 euros para os vehículos que superen este peso máximo autorizado.
A modificación aprobada tamén prohibe o almacenamento de madeira nas vías públicas, entre outros aspectos. A ordenanza tamén recolle sancións de entre 300 e 1.500 euros no caso de infraccións.
Rexeitamento dun vertedoiro en Val do Dubra
No Pleno tamén houbo unanimidade para amosar o rexeitamento ao proxecto de instalación dun vertedoiro de residuos na canteira Pedra Facha, no municipio de Val do Dubra, propoñendo que a súa rexeneración se realice, no seu caso, mediante un proxecto alternativo baseado na rehabilitación natural que xa se está a dar e que non inclúa a creación de dito vertedoiro.
Dende o Concello da Baña apoiaranse aquelas iniciativas institucionais ou veciñais en contra deste vertedoiro, que xa recibiu máis de mil alegacións.
Cancelación do desfile de Entroido
Na sesión de rogos e preguntas, o punto que xerou maior debate foi a cancelación do desfile de Entroido. Andrés García Cardeso preguntou por que se cancelou sen falar cos portavoces dos tres grupos e non se pospuxo o desfile para outro día.
A tenente de alcalde e concelleira de Acción social, Mónica González, como responsable desta área, replicoulle ao portavoz popular dicindo que o día 7 de marzo se enviou un correo electrónico tanto ao alcalde como ao portavoz do PP a decisión de cancelar o desfile por motivos das inclemencias meteorolóxicas.
Mónica González dixo que dende MeteoGalicia informáronlle de que tanto para o día 8 de marzo (data prevista para o desfile) como para a seguinte semana non aconsellaban celebrar o desfile pola previsión de fortes refachos de vento. Ademais desta circunstancia, a tenente de alcalde recordou que ao estar de baixa a secretaria do Concello non se podían modificar as bases do Desfile, motivo polo que se decidiu cancelar o evento. Unha decisión que foi criticada tanto polo grupo popular como polo grupo socialista, segundo deixou patente a concelleira Vanessa Gil, ao considerar que se puido celebrar outro día. “O proceso de tramitación non facía posible este cambio de datas ou de lugar de celebración”, segundo dixo Mónica González.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 465
-
A iniciativa está dirixida a menores de 3 a 14 anos
-
Desenvolverase os días 14, 15, 16 e 21 de abril en horario de 8.00 a 14.00 horas nas instalacións deportivas municipais
-
A inscrición remata o mércores 9 de abril
-
O programa busca facilitar a conciliación familiar e ofrecer á cativada un espazo de aprendizaxe, xogo e socialización
O Concello da Baña organiza o Campamento Deportivo Cultural 2025, unha iniciativa dirixida a menores de 3 a 14 anos que se desenvolverá os días 14, 15, 16 e 21 de abril, coincidindo coas vacacións de Semana Santa. O obxectivo principal deste programa é facilitar a conciliación das familias ao tempo que se ofrece ás crianzas un espazo de aprendizaxe, xogo e socialización.
O campamento desenvolverase en horario de 8.00 a 14.00 horas nas instalacións deportivas municipais, onde os nenos e nenas participantes poderán gozar de actividades deportivas, culturais, educativas e lúdicas adaptadas ás distintas idades. A programación incluirá xogos de equipo, talleres creativos e actividades que fomenten valores como o respecto, a convivencia e a cooperación.
O campamento conta con 20 prazas dispoñibles e poderán inscribirse aqueles menores que estean escolarizados e cumpran os requisitos de admisión. A selección de participantes realizarase en base a criterios como o empadroamento no municipio e a necesidade de conciliación familiar.
O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 3 ata o 9 de abril, e os formularios poderán presentarse a través do rexistro municipal. A lista definitiva de admitidos publicarase unha vez finalizado o proceso de selección.
As persoas interesadas poden recibir máis información a través dos teléfonos 981 886 501 ou 669 368 413 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
O Concello da Baña aposta por este tipo de iniciativas como unha ferramenta clave para apoiar as familias do municipio e ofrecerlles aos nenos e nenas unha alternativa de lecer saudable e enriquecedora durante os días non lectivos.