• Os gastos de persoal e para sufragar os servizos que se prestan a cidadanía ascenden a 3,43 millóns

  • Os 654.000 euros do POS+ destinaranse a gasto corrente e no plan adicional inclúese a traída de auga á parroquia do Barro

  • O POS+ de gastos sociais extraordinarios ascende a 68.428 €

  • Aprobados dous expedientes extraxudiciais de créditos para aboar 600.000 euros en facturas pendentes

  • O Concello vai iniciar o expediente para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Filloa da Pedra

 

 

A Corporación da Baña aprobou no primeiro pleno ordinario do ano os orzamentos municipais para este exercicio, que ascenden a 4,6 millóns de euros e que son os máis altos da historia do Concello. Na sesión celebrada este 29 de xaneiro tamén se aprobaron o POS+, que destinará os 654.000 euros a gastos corrente, o plan adicional, con 94.000 euros para a traída de auga no Barro e o POS+ de gastos sociais extraordinarios (68.428 €). Houbo unanimidade para iniciar o expediente para solicitar que a Festa da Filloa da Pedra sexa declarada de Interese Turístico de Galicia.

O Concello da Baña contará este ano cun orzamento de 4,6 millóns de euros, os máis elevados cos que contará o Concello na súa historia. No capítulo de ingresos, a partida principal (un 66,86%) procede das transferencias correntes que o Concello recibe dos tributos da Xunta, dos do Estado e do fondo de cooperación local. Outro millón de euros procede dos impostos directos e das taxas e prezos públicos. As transferencias de capital (subvencións procedentes doutras administracións ou entidades privadas) estímanse en 362.000 euros.

No apartado de gastos, a partida máis importante será para pagar os gastos correntes e os servizos que se prestan á veciñanza, que ascende a 1,97 millóns de euros. Para afrontar os gastos de persoal resérvanse 1,46 millóns de euros e 179.000 euros destinaranse para as transferencias correntes, que son aquelas achegas que dende o Concello se trasladan ás familias, asociacións, entidades supramunicipais ou para os programas de emerxencia social, entre outras.

Para investimentos reais quedan reservadas 953.000 euros no orzamento. Entre as obras que se prevén executar está o abastecemento de auga en Nantón, o saneamento en Vilar Novo, a  rede de distribución de auga potable na parroquia do Barro. A partida máis importante é para continuar coa mellora da estrada Lañas-Paramos, no tramo que vai de Lañas ata o Pazo (Cabanas), con 306.236 euros, dos que o Concello aportará 106.236 euros a Deputación outros 200.000.

A ampliación do punto de atención á infancia é outra das obras incluídas nos orzamentos, para que o centro conte con 11 prazas máis. Isto permitirá atender ata 31 menores de tres anos e intentar acabar a lista de agarda que hai actualmente, xa que as actuais 20 prazas do centro non son suficientes para a demanda existente. O investimento total para esta obra ascende a 162.793 euros, dos que 94.754 serán fondos propios municipais.

Durante o debate, a tenente de alcalde e concelleira do BNG, Mónica González Blanco, dixo que dentro do goberno houbera acordo co grupo socialista na maioría dos aspectos da elaboración dos orzamentos, pero considerou excesivo deixar 193.000 euros para o plan municipal de obras. Dende o BNG condicionaron o seu apoio aos orzamentos a que unha porcentaxe desta partida “se destine a pagar débedas coas empresas que traballan para o Concello e non prexudicar a veciñanza”, dixo Mónica González.

O alcalde, José Antonio Pereira, comprometeuse a revisar esa partida, polo que os orzamentos foron aprobados cos 6 votos a favor de PSdeG e BNG e a abstención do PP. 

Plan de Obras e Servizos da Deputación

Na sesión deste mércores tamén se aprobaron as actuacións que o Concello vai executar coa financiación do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña, e que se dividen en diferentes apartados.

O POS+, dotado con 654.960 euros, resérvase a gasto corrente. No POS+ Adicional inclúese a traída de auga ao Barro, que ten un orzamento de 94.852 euros.

O POS+ para gasto social extraordinario estará dotado con 68.428 euros e destinarase a reforzar os servizos sociais municipais, destinando as principais partidas á contratación de persoal e a financiar o servizo de axuda no fogar (SAF). Mónica González explicou que o investimento anual no SAF, na súa modalidade de dependencia, supera o medio millón de euros, “dos que Xunta e Deputación aportan algo máis de 340.000, polo que o Concello debe asumir case 200.000 euros anuais para manter este servizo esencial”.

O Plan adicional 3/2025, dotado con 117.306 euros, vaise destinar a reducir a débeda de máis dun millón de euros que o Concello ten coa Deputación da Coruña.

Na votación, o POS social e o Plan adicional 3/2025 foron apoiados por unanimidade, e o POS+ aprobouse cos votos a favor de PSdeG e BNG (6) e a abstención do PP (5). Andrés García Cardeso xustificou a abstención do PP por non estar de acordo con destinar todo o plan a gastos corrente e entender que deberían destinarse a metade a un plan de obras. O alcalde, José Antonio Pereira, replicoulle que ao destinar os 654.000 euros para gastos corrente “facilítalle ao concello axilizar a contratación de obras durante o ano”.

Recoñecementos extraxudicial de crédito

O primeiro Pleno do ano tamén serviu para aprobar dous recoñecementos extraxudiciais de créditos. Un deles, de 75.083 euros, está destinado a pagar as facturas da luz que están pendentes de aboar.

O segundo expediente, de 524.775,90 euros, permitiralle ao concello pagar facturas pendentes e reducir de xeito considerable a débeda de máis de 1,8 millóns de euros que o goberno que preside José Antonio Pereira herdou do anterior goberno do Partido Popular.

Estes dous expedientes aprobáronse cos 6 votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP.

 

20250129 Banha pleno Orzamentos 1

Festa da Filloa da Pedra de interese turístico

Na sesión aprobouse por unanimidade iniciar a tramitación do expediente para que a Xunta de Galicia declare Festas de Interese Turístico de Galicia a Festa da Filloa da Pedra da Baña.

A Festa da Filloa da Pedra cumpre cos requisitos establecidos pola Xunta para ser declarada de interese turístico de Galicia, ao ter máis de 20 anos de antigüidade (o 16 de febreiro celébrase a vixésimo primeira edición) e ser unha festa con características singulares, con arraigo popular e claro carácter participativo.

Durante o debate, Mónica González lembrou que na reunión celebrada en novembro, todos os colectivos e asociacións da Baña apoiaron a solicitude e se amosaron dispostas a colaborar para conseguir este recoñecemento. 

Un historiador bañense está a elaborar un informe para destacar as singularidades da Festa da Filloa e, dende o Concello, xa se iniciou a recompilar fotografías antigas en colaboración coa veciñanza.

Moción do PP

A moción presentada polo Partido Popular para solicitar que o Goberno central permita aos concellos destinar o superávit de 2024 para financiar inversións, pagos a provedores e reducir débeda foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e do BNG e coa abstención do PSdeG.

20250105 A Bana cabalgata Reis Magos 1

O pavillón de San Vicenzo acolleu este domingo, 5 de xaneiro, a celebración de Nadal na Baña coa visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. A cita, que congregou a moitos veciñas e veciños, foi unha xornada inesquecible marcada pola ilusión dos máis pequenos e o ambiente familiar.

20250105 A Bana cabalgata Reis Magos 8

A partir das 17:00 horas, os Reis Magos fixeron a súa entrada triunfal no pavillón, onde foron recibidos con aplausos e miradas de admiración por parte das nenas e nenos presentes. Durante a tarde, as crianzas tiveron a oportunidade de recoller un agasallo especial e compartir os seus desexos coas Súas Maxestades.

20250105 A Bana cabalgata Reis Magos 17

A chocolatada quente e a tradicional rosca servida a continuación foron todo un éxito, ofrecendo un momento de pausa para compartir conversacións e risas entre a veciñanza.

20250105 A Bana cabalgata Reis Magos 18

O broche de ouro chegou co espectáculo dos Fabulosos Cleaners, unha actuación de Malasombra Producións que encheu o recinto de maxia e creatividade a través de pompas de xabón. Este show deixou pequenos e maiores abraiados e converteuse nun perfecto fin de festa á espera dunha noite de Reis sempre especial.

20250105 A Bana cabalgata Reis Magos 22

Centro Saude Banha

 

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, volveu mandarlle este xoves unha carta ao xerente da área sanitaria de Santiago, Ángel Facio, reclamando que o servizo de Pediatría do centro de saúde da Baña se manteña, polo menos, 2 días a semana. 

A tenente de alcalde, Mónica González, tamén denunciou a situación a primeira hora da mañá e esíxelle ao Sergas que se manteña a consulta da pediatra na Baña os días estipulados.

Dende o Concello denuncian o prexuízo que supón para as familias da Baña que a pediatra non acuda á consulta os días estipulados, como ocorreu hoxe. “Isto supón un trastorno para as familias que se ven obrigadas a desprazarse ata o servizo de urxencias de Santiago para que atendan aos seus fillos e fillas”, conclúe o alcalde na súa misiva ao xerente.

O concello eleva esta protesta ao Sergas porque este xoves a pediatra non acudiu a súa consulta no “centro de saúde da Baña nin está traballando na Picota. Parece ser que  no día e hoxe está traballando en Bertamiráns”, relata o alcalde na carta. Unha circunstancia que obriga as familias da Baña a desprazarse ata o servizo de urxencias do CHUS, en Santiago, “porque os nenos non poden ser atendidos en Bertamiráns”, asegura Pereira Gil.

O alcalde pide que a pediatra do Concello da Baña, ou o profesional que a substitúa, continúen atendendo os martes e xoves no centro de saúde do concello. “Que atenda dous días á semana é pouco, pero que non funcione ningún día supón un trastorno para as familias”, asegura José Antonio Pereira.

  • A celebración terá lugar no pavillón de San Vicenzo, garantindo que a cativada poida desfrutar desta xornada a pesar das previsións de choiva

  • A chegada de Gaspar, Melchor e Baltasar será ás 17:00 horas

  • A veciñanza poderá gozar dunha chocolatada, rosca e do espectáculo Os Fabulosos Cleaners

 20240105 reis magos banha 2

 

O Concello da Baña ten todo preparado para dar a benvida ás Súas Maxestades de Oriente este domingo, 5 de xaneiro, no pavillón de San Vicenzo. A pesar das previsións meteorolóxicas, a celebración terá lugar nun espazo cuberto, garantindo que toda a veciñanza poida desfrutar desta xornada máxica sen preocuparse pola choiva.

A programación está deseñada para ofrecer unha tarde de actividades para todas as idades. A primeira das citas será ás 17:00 horas coa esperada chegada dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar virán cargados de agasallos e dispostos a atender as peticións das nenas e dos nenos que se acheguen ao recinto. Cada un dos cativados e cativas recibirá un obsequio, mentres que todas as persoas asistentes no pavillón de San Vicenzo poderán desfrutar dende as 18:00 horas dunha chocolatada quente acompañada de rosca.

WhatsApp Image 2025 01 03 at 11.48.38 3

A festa rematará ás 18:45 horas cun espectáculo visual ofrecido polos Fabulosos Cleaners, unha proposta artística a cargo de Malasombra Producións que incluirá impresionantes pompas de xabón, pensada para entreter e sorprender ao público.

O Concello anima á veciñanza a participar neste evento que se enmarca dentro da programación de Nadal, e a gozar dun ambiente máxico e familiar nunha tarde chea de ledicia, ilusión e tradición.

 

WhatsApp Image 2025 01 03 at 11.48.38 1

  • Ofrecerase formación teórica e práctica sobre prevención de riscos e técnicas de defensa

  • As inscricións están abertas ata o 10 de xaneiro na Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía

20250112 Curso defensa persoal VO domingo 12 de xaneiro de 2025, o Concello da Baña organiza un curso intensivo de defensa persoal feminina, co obxectivo de ofrecer ferramentas prácticas e psicolóxicas para mellorar a seguridade das mulleres. O curso terá lugar na ESMU Emilio Andújar, cun horario de mañá de 10.00 a 14.00 h e de tarde de 16.00 a 20.00 h.

Este curso, totalmente gratuíto, combinará unha parte teórica e práctica, ofrecendo un enfoque dinámico que permitirá ás participantes aprender a identificar situacións de risco e a aplicar técnicas de defensa persoal. Durante a parte teórica, traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor, así como o Código Penal.

Na parte práctica, as participantes aprenderán a controlar aspectos fundamentais para a súa seguridade, como a respiración, observación, valoración, estratexia e técnica. Ademais, traballaranse técnicas de defensa ante diversos tipos de agresións, como agarres ou ataques con armas brancas, e tamén se dará especial atención á prevención para evitar confrontacións físicas.

As mulleres interesadas en participar deben inscribirse antes do venres 10 de xaneiro na Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía. As asistentes deberán acudir coas roupa cómoda para realizar as actividades prácticas.