• O acto será este sábado 17 de maio na Escola de Música Municipal Emilio Andújar

  • A elección destaca o seu labor á hora de manter viva a tradición oral no noso concello, formando parte da identidade cultural da Baña

20250216 Banha festa filloa pedra Caxade pregoeiro Escola Musica tradicional 6

O Concello da Baña celebrará este sábado 17 de maio, ás 11:00 horas na Escola de Música Municipal Emilio Andújar, o Día das Letras Galegas 2025 cun acto institucional e cultural no que se entregará o IV Premio Daniel García Ramos ás Cantareiras e Pandeireteiras da Baña, en recoñecemento ao seu labor de transmisión da tradición oral e musical galega.

Con este galardón, A Baña súmase activamente ao espírito da Real Academia Galega, que decidiu dedicar o Día das Letras Galegas deste ano á poesía popular oral, homenaxeando de forma colectiva a mulleres pandeireteiras e cantareiras. A elección pon en valor un legado cultural transmitido de xeración en xeración, tal e como se fixera en 1998 cos trobadores da ría de Vigo.

Neste contexto, a elección das Cantareiras e Pandeireteiras da Baña como receptoras do IV Premio Daniel García Ramos cobra un sentido especial, pois representa o recoñecemento a un colectivo local que leva décadas mantendo viva a tradición oral no noso concello. A súa contribución vai máis alá do musical pois forman parte da identidade cultural da Baña, transmitindo saberes, sonoridades e formas de relación comunitaria que fortalecen o tecido social e cultural da nosa contorna.

Ao tempo que se rende homenaxe a este grupo representativo, o Concello da Baña quere lembrar tamén a importante presenza doutros colectivos, entidades e persoas que contribuíron e contribúen de maneira decisiva á preservación da narrativa oral no municipio. A Baña conta cun rico patrimonio inmaterial vinculado á tradición oral que tamén merecen ser recoñecidas. Este premio é, tamén, unha mostra de respecto e gratitude a ese conxunto plural que mantén viva a memoria colectiva.

O acto incluirá tamén a presentación da Banda da Escola Municipal de Música e a actuación de María Faltri, cun espectáculo titulado Coa pandeireta na man. Trátase dunha proposta que ofrece unha experiencia completa para todas as idades, na que música, xogos e tradición se entrelazan para garantir a vixencia do noso legado cultural, combinando aprendizaxe, entretemento e posta en valor da nosa historia musical.

A xornada pecharase cunha degustación de petiscos para compartir entre as persoas asistentes.

A actividade está organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

  • A elaboración con flores e elementos naturais reuniu a familias enteiras baixo a dirección creativa de Oli Xiraldez

  • O xantar veciñal e a actuación de ‘Os Monifates’ formaron parte tamén desta celebración 

web

A Baña viviu este domingo, 11 de maio, unha xornada marcada pola cor, a natureza e a tradición coa celebración da súa Festa dos Maios, unha cita cultural que convocou á veciñanza arredor dunha das celebracións máis simbólicas da primavera galega.

A iniciativa foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que dirixe Mónica González, quen estivo presente e participou activamente xunto á veciñanza. Ao longo da xornada viñeron facer un seguimento da elaboración do Maio o alcalde José Antonio Pereira e a concelleira de Turismo Ana Pensado.

maios1

A programación deu comezo ás 10:00 horas cun obradoiro participativo de elaboración de Maios dirixido polo artista Oli Xiraldez, no que moitas persoas, grandes e pequenas, se achegaron a crear estruturas florais con elementos naturais, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega. A cativada gozou coa busca das cañas, das flores e descubrindo a montaxe en cada un dos seus pasos ao tempo que os maiores uniron forzas para completar un maio ben fermoso que loce xa na praza do Concello.

Maios2

Debido a inestabilidade meteorolóxica o xantar veciñal trasladouse ao Centro Social, onde o grupo deu boa conta tanto dos aperitivos aportados polo Concello como da comida que moitos achegaron da casa.

Maios3

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, o público gozou do espectáculo “Os Monifates”, no que Alberto Millán e Xosé Piñeiro ofreceron unha función de marionetas danzantes acompañada de música en directo, que fixo as delicias de cativos e de maiores.

Maios4

Desde o Concello da Baña destacouse a boa participación da veciñanza e a boa acollida dunha festa que logrou combinar o espírito festivo coa posta en valor das tradicións galegas.

A Festa dos Maios cumpriu co obxectivo de promover a identidade local e o encontro interxeracional.

Maios5

  • A lista de propostas comeza o domingo 11 coa tradicional Festas dos Maios 

  • O IV Premio Daniel García Ramos que se entrega o Día das Letras Galegas recoñece ás Pandereteiras da Baña como símbolo da poesía oral popular

WhatsApp Image 2025 05 02 at 12.27.39

O Concello da Baña celebrará durante todo o mes de maio unha programación cultural diversa e participativa con motivo do Mes das Letras Galegas, cun calendario de actividades que combinan tradición, música, literatura, educación e memoria colectiva.

A programación arranca o domingo 11 de maio coa tradicional Festa dos Maios, que encherá de cor, música e convivencia a Praza do Concello desde as 10.00 horas. Oli Xiraldez ofrecerá asesoramento e elaboraranse os maios durante toda a xornada, na que tamén haberá obradoiros, a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e un xantar veciñal ao aire libre na área recreativa do río Albariña, no que o Concello achegará uns petiscos. Pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar a actuación de Os Monifates, un espectáculo único de marionetas danzantes ao son da música en directo, recuperando a esencia do teatro popular galego.

“Queremos animar á veciñanza a participar nesta tradición tan nosa como é a dos Maios, e que desfruten dunha xornada festiva, aberta e para todos os públicos, na que poden sumarse en calquera momento do día”, destaca a concelleira de Cultura Mónica González.

O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase a entrega do IV Premio Daniel García Ramos, que este ano recoñece a traxectoria das Pandereteiras da Baña, como homenaxe á tradición da poesía oral e da música popular. Esta elección está aliñada coa temática do Día das Letras Galegas 2025, que se dedica precisamente ás cantareiras e á poesía oral popular. O acto, que comezará ás 11.00 horas na Escola de Música Emilio Andújar , contará coa actuación de Mari Faltri e cunha degustación de petiscos. “Esta é unha data moi especial para nós, porque este ano as Letras están dedicadas á narración oral, un eido no que A Baña tivo sempre unha presenza destacada grazas ás súas cantareiras e gaiteiros”, engade Mónica González.

A programación continúa o domingo 18 de maio, ás 12.00 horas na Casa da Cultura, coa presentación do libro As verbas do luns de Xan Martínez, unha nova oportunidade para achegarse á literatura galega e compartir reflexións co seu autor.

O 23 de maio celebrarase a actividade Axudádeme a cantar, unha xuntanza musical e educativa entre o CPI da Baña e o CPI de Bembibre, promovendo a colaboración e o respecto pola nosa lingua e cultura entre o alumnado.

Como broche final, o 24 de maio terá lugar unha excursión cultural organizada en colaboración coa Asociación Alborada.

Con esta programación, A Baña súmase á celebración do Día das Letras Galegas cun calendario que pon o foco na oralidade, na música tradicional e na importancia de manter vivas as nosas raíces culturais. Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza e contan coa colaboración de artistas locais, entidades sociais e centros educativos.

  • A cita deste domingo 11 de maio contará co asesoramento do artista Oli Xiraldez, quen guiará ao público en obradoiros abertos para dar forma ás figuras florais

  • Ao mediodía a festa trasladarase á área recreativa do río Albariña para celebrar un xantar veciñal ao aire libre

  • Actuará a Escola de Música Tradicional da Baña e pola tarde será a quenda do espectáculo Os Monifates 

WhatsApp Image 2025 05 07 at 13.09.00

 
Este domingo, 11 de maio, a Praza do Concello da Baña converterase nun fervedoiro de cor, tradición e convivencia coa celebración da Festa dos Maios 2025. Unha cita pensada para todas as idades que convida á veciñanza a participar nun día de creación colectiva, música, baile e cultura galega.
A festa arrincará ás 10:00 h coa elaboración dos maios baixo o asesoramento do artista Oli Xiraldez, quen guiará ao público ao longo da mañá en obradoiros abertos para dar forma a estas emblemáticas figuras florais.
Ás 12:00 h terá lugar a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña, poñendo banda sonora á mañá coa súa proposta tradicional. Ao mediodía, a festa trasladarase á área recreativa do río Albariña para celebrar un xantar veciñal ao aire libre, no que cada participante poderá levar a súa comida, e no que o Concello ofrecerá tamén uns aperitivos como mostra de agradecemento á veciñanza.
 
Pola tarde, ás 17:00 h, será a quenda do espectáculo Os Monifates, unha proposta única liderada por Alberto Millán Betanzos e Xosé Piñeiro Pérez. Estes dous artistas, cunha dilatada traxectoria, recuperan as marionetas danzantes da tradición galega combinándoas coa música en directo e o seu característico carromato. Desde 2015 levan alegría polos camiños de Galicia cunha proposta chea de creatividade, baile e cultura popular.
Ao longo de toda a xornada haberá espazo para a participación activa en obradoiros, actuacións musicais e momentos para o encontro e a celebración colectiva, poñendo en valor o patrimonio cultural da Baña e da Galicia máis viva.
En caso de choiva, a celebración trasladarase ao Centro Social San Vicenzo.
  • A iniciativa enmárcase na liña 2 de actuación subvencionada pola Xunta de Galicia para promover a reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante compostaxe doméstica ou comunitaria

  • O Concello anima á veciñanza a sumarse a este proxecto que xa conta con máis de 170 familias participantes nas edicións anteriores

20250430 compostaxe alcalde

O Concello da Baña dá un novo paso no seu proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria coa entrega de 30 novos composteiros individuais, que se suman aos 170 xa repartidos noutras edicións, e coa creación de dous puntos de compostaxe comunitaria no centro urbano de San Vicenzo. Con esta iniciativa, o municipio reforza o seu compromiso cunha xestión de residuos máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
Esta nova actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcado na Orde do 17 de decembro de 2024 publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia – NextGenerationEU.
O obxectivo da iniciativa é promover a separación e reciclaxe en orixe dos biorresiduos, facilitando a elaboración de compost natural tanto nas vivendas con horta ou xardín como nas zonas urbanas onde se instalarán os composteiros comunitarios.
Convertelos residuos orgánicos en fertilizante é unha maneira sinxela e efectiva de coidar o medio ambiente e contribuír a un concello máis sostible, un obxectivo no que o alcalde José Antonio Pereira Gil quere involucrar á veciñanza. Así, fixo un chamamento á participación veciñal e anunciou que nos vindeiros meses organizaranse charlas informativas e obradoiros prácticos para fomentar o uso axeitado dos composteiros.
 
Petición de composteiros
As persoas interesadas en participar nesta nova entrega poden solicitar o seu composteiro doméstico na Casa do Concello ou a través do teléfono 981 886 501, ata esgotar existencias.
O Concello facilitará tamén formación básica para garantir unha correcta xestión dos residuos orgánicos e unha boa calidade do compost resultante. Ademais, os composteiros comunitarios permitirán participar neste proxecto a aquelas persoas que non dispoñen de espazo verde nas súas vivendas.
Con esta actuación, A Baña reafirma o seu compromiso coa loita contra o cambio climático, a redución de residuos e a transición cara a un modelo circular e respectuoso co medio ambiente.