- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 466
O Concello da Baña informa que, este ano, non se require autorización municipal para elaborar as tradicionais cacharelas de San Xoán en recintos privados. Non obstante, aquelas asociacións ou colectivos de veciños que queiran facer as cacharelas en espazos públicos deberán solicitar un permiso na sede electrónica e ademais presentar un seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles danos causados no lugar de celebración.
A data límite para solicitar a autorización é o xoves 20 de xuño.
Será obrigatorio limpar o espazo autorizado ó finalizar a actividade inmediatamente despois de rematar a cacharela ou a sardiñada.
O Concello recorda que as fogueiras deberán estar separadas polo menos a 15 metros das casas e 50 metros das árbores ou zonas vexetais e que hai que ter especial coidado de non colocalas debaixo de liñas eléctricas ou telefónicas.
Está prohibido queimar pneumáticos, plásticos, aceites e en xeral calquera sustancia que ó arder emita fumes tóxicos. Tampouco se poderán queimar recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, incluídos os que estean baleiros.
En terreos con vexetación terá que limparse antes do inicio da cacharela unha franxa superior ao 9 metros de ancho ao redor do perímetro.
Os Será responsables deben estar vixiando a cacharela ata a súa completa extinción, asegurándose de que as cinzas queden completamente extinguidas.
En caso de que se levante vento suspenderase inmediatamente.
O bando do Concello da Baña pode consultarse no documento adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 295
O Concello da Baña fai pública a aprobación inicial da ordenanza de protección contra a contaminación acústica e abre o período de exposición pública coa publicación no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello.
Así mesmo ábrese un prazo de trinta (30) días para que as persoas interesadas poidan presentar reclamacións ou suxestións, que serán resoltas pola Corporación. De non presentarse no mencionado prazo, considerarase aprobada definitivamente.
O obxecto da presente Ordenanza é regular o exercicio das competencias que en materia de protección do medio ambiente lle corresponden ao Concello de A Baña fronte á contaminación producida por ruído e vibracións, coa finalidade de garantir o dereito á intimidade persoal e familiar, á protección da saúde, así como á calidade de vida e a un medio ambiente adecuado.
No documento adxunto poderá descargarse a aprobación inicial da ordenanza de protección contra a contaminación acústica do Concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 312
As exhibicións da cativada foron premiadas con fortes aplausos
Os inchables puxéronlle a guinda a unha auténtica festa do deporte
As escolas deportivas municipais da Baña pecharon este 1 de xuño o curso 23-24 cunha festa no pavillón de San Vicenzo na que familias e público puideron ver exhibicións das diversas disciplinas que se imparten e que serviu tamén para recoñecer a traxectoria de cinco deportistas bañenses que participan en competicións nacionais.
Rapazas e rapaces integrantes das escolas municipais tiveron a oportunidade de amosar ante familiares e amigos todo o que aprenderon ao longo dos últimos meses con distintas demostracións de baile moderno, baloncesto, judo, karate, patinaxe artística e tenis de mesa, modalidades que xunto ás de xadrez e pádel e pilates para persoas adultas conformaron este curso a oferta deportiva do Concello da Baña.
A cativada que participou nas exhibicións veu recompensado o seu traballo con numerosos aplausos e unha mochila como agasallo que recibiron de mans do alcalde, José Antonio Pereira, e da concelleira de Deportes, Ana Pensado. Os menores que participaron este curso nas escolas deportivas municipais da Baña poden recoller tamén a súa mochila de recordo no departamento de deportes.
A xornada coincidiu co emotivo recoñecemento a deportistas bañenses que participan en competicións nacionais. O Club Patinaxe Torres de Altamira, de Brión, fixo unha demostración aoo rematar ás actuacións dos menores e as homenaxes. Despois, os inchables puxéronlle a guinda a unha clausura de curso que se converteu nunha vez máis nunha auténtica festa do deporte.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 271
O alcalde e a concelleira de Deportes entregáronlles distincións ao xadrecista Sergio Calvo, ao karateca Nicolás Carnota, á lanzadora Aitana Capeáns, á marchadora Alba Pérez e o fondista José Suárez
O Concello da Bañan rendeulle este 1 de xuño unha homenaxe ao xadrecista Sergio Calvo, ao karateca Nicolás Carnota, á lanzadora Aitana Capeáns, á marchadora Alba Pérez e ao corredor José Suárez, todos eles deportistas bañenses que participan en competicións nacionais e que destacan por unha brillante traxectoria nas súas disciplinas.
A homenaxe coincidiu coa clausura das escolas deportivas municipais celebrada no polideportivo de San Vicenzo.
Sergio Calvo Míguez, xadrecista natural de Valiñas (Lañas), é o máis novo de todos con 11 anos. O ano pasado proclamouse campión provincial e campión galego sub 12, ademais de gañar o circuíto intercomarcal da Deputación da Coruña na categoría sub 14. Neste 2024 conquistou xa o campionato provincial sub 14 e repetirá no Campionato de España, que se desenvolverá en xullo en Salobreña (Granada).
Nicolás Carnota Fernández, karateca de Ordoeste, foi campión galego de kumite en todas as categorías polas que pasou dende que empezou a practicar este deporte como alevín. Tamén dende aquela compite nos campionatos de España, nos que saldou a súa última participación o pasado mes de febreiro conseguindo unha medalla de bronce en cadete de máis de 70kg. Ademais, forma parte da selección galega de karate e do grupo de seguemento de kumite da Federación Galega, que aglutina os 16 karatecas galegos con máis proxección.
Aitana Capeáns Rey, ao igual que Nico, ten 15 anos. Veciña do Castro e formada no club de Atletismo Negreira, o pasado verán deu o salto ao Centro de Tecnificación de Pontevedra e fichou polo club Rías Baixas, deixando patente a súa magnífica proxección coa conquista dos campionatos galego e nacional indoor de lanzamento de peso. Lidera así mesmo os rankings autonómico e español tanto de lanzamento de peso como de disco, disciplina esta última na que empezou a competir hai só un mes.
Alba Pérez Nieto, natural de Corneira, compaxina os seus estudos de Dereito coa marcha. É a actual campioa galega sub 23 en 10 quilómetros en ruta, sendo tamén subcampioa absoluta. Nesta temporada meteuse entre as dez mellores atletas españolas nos 5.000 metros pista e na distancia de 20 quilómetros fixo un quinto posto no Campionato de España. Tras fichar pola Gimnástica de Pontevedra, compite en Primeira División de Liga Nacional de clubs.
José Suárez Leis tamén é de Corneira e é o máis veterán dos deportistas homenaxeados. Habitual das carreiras populares, perdeu a conta de todas as que leva gañado. Na categoría máster 60, e nas filas da SD Compostela, suma só na presente temporada o récord galego en 10.000 metros, o campionato de España de 10 quilómetros ruta e un bronce no campionato de España de 5.000.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 500
O alcalde explicou que a normativa municipal contra a contaminación acústica inclúe unha aportación presentada pola veciñanza
O Concello bonificaralle a licenza de obras ao CPI San Vicente para as obras de mellora que prevé acometer o centro con fondos propios
A Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade a ordenanza municipal de ruídos que vai dotar ao Concello dunha ferramenta máis para tentar frear a implantación dos parques eólicos previstos no municipio. No pleno ordinario celebrado onte tamén se acordou por unanimidade bonificar a licencia ao CPI San Vicente para as obras de mellora que quere acometer este verán e a designación de representantes municipais na entidade que xestionaba o antigo matadoiro da Pereira para disolver a Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre. Tamén saíron adiante a moción presentada polo PSdeG e as tres do BNG. (Vídeo íntegro do pleno neste enlace)
A ordenanza sobre protección contra a contaminación acústica aprobada onte en pleno, e que se vai someter novamente a exposición pública, é unha ferramenta que lle permitirá ao Concello poder loitar contra a implantación dos parques eólicos. “Actualmente non existe zonas de ruído na Baña, nin empresas que xeren ruído, pero diante da proliferación de parques eólicos que queren poñer na Baña necesitamos esta ferramenta xurídica para poder defender á veciñanza”, explicou o alcalde no pleno.
José Antonio Pereira tamén informou que o documento aprobado onte inclúe unha aportación presentada pola veciñanza, que xa quedou incorporada á ordenanza. O documento vai estar de novo a exposición pública antes da súa entrada en vigor.
Na sesión celebrada onte tamén se acordou que un representante de cada grupo político (José Antonio Pereira, Mónica González e Andrés García Cardeso) representen ao Concello da Baña na Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre, que xestiona o antigo matadoiro da Pereira, que leva preto de vinte anos inoperativo tres sufrir un incendio en 2007. A intención dos sete concellos que conforman esta entidade e disolver a mancomunidade.
Por unanimidade acordouse bonificar o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (a licenza de obras) ao CPI San Vicente, que este verán quere pintar con fondos propios algunhas das dependencias do centro.
A moción do PSdeG solicitándolle á Xunta de Galicia unha maior financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) que “está afogando economicamente aos concellos pequenos” foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e BNG e o voto en contra do PP. Dende o equipo de goberno rexeitaron incluír o punto solicitado polos populares para instar tamén ao goberno central a cumprir coas aportacións establecidas na Lei de Dependencia.
A moción do BNG contra a construción da megafactoría de Altri en Palas de Rei foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP.
Por unanimidade aprobouse a moción presentada por Mónica González en nome da asociación Acougo solicitando para as familias acolledoras o recoñecemento de familias de especial protección e que os menores en situación de acollemento familiar teñan a condición real e efectiva de fillos ou fillas.
Todos os grupos votaron a favor de solicitarlle ao goberno central a urxente tramitación da Lei ELA, para axudar as persoas con esclerosis lateral amiotrófica e as súas familias.
No apartado de rogos e preguntas, entre outros asuntos, o PP interesouse pola iniciativa do goberno local para promocionar a feira da Baña, que se celebra o primeiro luns de mes. Tamén preguntou polas condicións para participar no xantar popular previsto para o 15 de xuño. A concelleira Mónica González aclarou que poderán xantar gratis as persoas empadroadas na Baña de maiores de 65 anos (ou que os fagan este ano), e as que acrediten ser pensionistas, ter diversidade funcional ou familias con escasos recursos. O resto de asistentes deberán pagar 30 euros.