• Ofrecerase formación teórica e práctica sobre prevención de riscos e técnicas de defensa

  • As inscricións están abertas ata o 10 de xaneiro na Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía

20250112 Curso defensa persoal VO domingo 12 de xaneiro de 2025, o Concello da Baña organiza un curso intensivo de defensa persoal feminina, co obxectivo de ofrecer ferramentas prácticas e psicolóxicas para mellorar a seguridade das mulleres. O curso terá lugar na ESMU Emilio Andújar, cun horario de mañá de 10.00 a 14.00 h e de tarde de 16.00 a 20.00 h.

Este curso, totalmente gratuíto, combinará unha parte teórica e práctica, ofrecendo un enfoque dinámico que permitirá ás participantes aprender a identificar situacións de risco e a aplicar técnicas de defensa persoal. Durante a parte teórica, traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor, así como o Código Penal.

Na parte práctica, as participantes aprenderán a controlar aspectos fundamentais para a súa seguridade, como a respiración, observación, valoración, estratexia e técnica. Ademais, traballaranse técnicas de defensa ante diversos tipos de agresións, como agarres ou ataques con armas brancas, e tamén se dará especial atención á prevención para evitar confrontacións físicas.

As mulleres interesadas en participar deben inscribirse antes do venres 10 de xaneiro na Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía. As asistentes deberán acudir coas roupa cómoda para realizar as actividades prácticas.

  • O proxecto busca amosar o arraigo da celebración gastronómica de cara á súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia

  • A veciñanza pode colaborar entregando imaxes nas oficinas municipais para a súa dixitalización ou enviándoas por correo electrónico

 

20241212 Cartel Recollida fotografias webO Concello da Baña está a promover unha iniciativa para recoller fotografías históricas entre a veciñanza, co obxectivo de xerar unha hemeroteca dixital que documente a memoria histórica da comunidade. Este proxecto busca destacar o arraigo da Festa da Filloa da Pedra, un evento gastronómico que en 2024 celebrou a súa 20ª edición, no camiño para acadar a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.

O Concello fai un chamamento á cidadanía para achegar imaxes históricas relacionadas coa Festa da Filloa da Pedra ou calquera outra temática de interese, como escenas da vida cotiá, traballos tradicionais, festas ou encontros. As fotografías poden entregarse nas oficinas municipais para a súa dixitalización, garantindo a devolución dos orixinais, ou enviarse xa dixitalizadas ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Esta iniciativa procura conservar e enriquecer a memoria colectiva da Baña, e pon en valor a tradición e a historia que identifican ao municipio, especialmente arredor dun evento tan singular como a Festa da Filloa da Pedra, que combina gastronomía, artesanía e música para promover a cultura local.

O alcalde asegura no pleno que buscará outros recursos para compensar o déficit

Modificaranse as ordenanzas do IBI, IAE e ICIO para fomentar a creación de emprego e poder optar a máis subvencións

Bonificarase o imposto de construción dos panteóns de San Mamede, como solicitou a Asociación de Veciños Outeiro

Ratificado o convenio de cesión de terreos para a mellora do primeiro tramo do Camiño de Monelos

 

O Pleno da Baña aprobou na sesión deste 27 de novembro subir o recibo do lixo só un 10% para o vindeiro ano, ao considerar que o incremento dun 50% que establece o novo canon de Sogama “é inasumible para a veciñanza”, segundo o alcalde. Na sesión tamén se aprobou modificar as ordenanzas do IBI, IAE e ICIO en base ao convenio de Concellos Doing Business Galicia para favorecer a creación de emprego no municipio e optar a máis subvencións. A Corporación atendeu a petición da Asociación de Veciños Outeiro e bonificará o imposto de construcións do cemiterio de San Mamede de Monte.

A Corporación iniciou a sesión gardando un minuto de silencio en memoria das vítimas da DANA que afectou a Valencia e outras comunidades autónomas.

O alcalde, José Antonio Pereira, volveu criticar con dureza o forte incremento do canon que aplicará a Xunta a partir do ano que ven pola recollida de lixo. Sogama pasará de cobrar 66 euros por tonelada a fixar unha tarifa de 95 euros, despois do desconto de 12 euros que aplica a Xunta. Para José Antonio Pereira “esta subida é inasumible para a veciñanza da Baña”, motivo polo que o goberno local presentou no pleno unha proposta de incremento de tan só un 10%.

“Buscaremos recursos por outras vías para compensar o déficit desta taxa”, asegurou Pereira Gil para xustificar a proposta do equipo de goberno. O informe da secretaría e intervención recoñece que con esta subida a taxa só cubrirá a metade do custe do servizo.

A proposta foi aprobada cos 6 votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e os 5 en contra do PP.

Na sesión tamén se acordou por unanimidade modificar as ordenanzas reguladoras da contribución (IBI rústica e urbana), de actividades económicas (IAE) e de construción (ICIO) adaptándoas ao convenio Concellos Doing Business Galicia asinado entre Xunta e Fegamp para o fomento do emprego e para favorecer o asentamento de empresas no polígono industrial e noutras zonas do municipio para crear postos de traballo. Ademais de actualizar as tarifas e favorecer os descontos a aquelas iniciativas que xeren postos de traballo na Baña, con esta medida o Concello poderá recibir máis subvencións doutras administracións.

Por unanimidade aprobouse bonificar o imposto de construcións dos panteóns de San Mamede do Monte, como solicitaba a Asociación de Veciños Outeiro. Tamén co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras ratificouse o convenio de cesión de terreos para a mellora do primeiro treito do Camiño de Monelos.

Reclámanlle á Xunta que faga obras na Baña

As tres moción presentadas no pleno, unha por cada grupo políticos, foron aprobadas por unanimidade.

O grupo socialista volveu denunciar a discriminación que está a manter a Xunta de Galicia coa Baña, ao non incluír ningunha obra nos orzamentos autonómicos, e presentou unha moción na que lle pide ao Goberno galego que inclúa nos orzamentos de 2025 sendas partidas para executar o saneamento nas parroquias de Troitosende e de San Cibrán e unha partida para urbanizar o polígono industrial.

A moción en defensa da lingua galega presentada polo BNG reclámalle á Xunta diferentes accións para defender o noso idioma como patrimonio colectivo de incalculable valor e poñer en marcha medidas que permitan darlle a volta a situación actual (cada vez menos xente fala a lingua propia). A moción tamén recolle que o Concello da Baña se adhira á Plataforma Queremos Galego.

O Partido Popular presentou unha proposta con motivo do 25N na que se solicita ao Concello da Baña, á Xunta e ao Goberno central por en marcha diferentes iniciativas para acabar coa violencia contra as mulleres. 

20241127 Banha pleno ordinario subida lixo 1

  • A saída realizarase o sábado 28 de decembro

  • Inclúe unha visita á Casa do Patrón e cocido en Lalín e un paseo polas rúas allaricenses decoradas polo Nadal

  • As prazas son limitadas, con inscricións abertas ata o 23 de decembro

 

20241202 Excursion Lalin AllarizO Concello da Baña organiza unha excursión a Lalín e Allariz o sábado 28 de decembro, unha oportunidade para desfrutar dunha xornada que combina cultura, gastronomía e a maxia do Nadal. A actividade, promovida pola Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, está aberta a toda a veciñanza, con prazas limitadas e inscricións ata o 23 de decembro.

A saída será ás 8.15 horas da Baña, con chegada a Lalín ás 10.00 horas para unha visita á vila ata as 11.15 horas. Posteriormente, ás 11.30 horas, o grupo desprazarase á Casa do Patrón, un museo etnográfico único con 15 salas repartidas pola aldea onde se expoñen máis de 4.500 pezas recollidas por toda Galicia. A visita guiada terá unha duración aproximada dunha hora e media.

Despois da visita cultural, as persoas asistentes degustarán o emblemático cocido de Lalín, incluído no prezo da excursión. Pola tarde, a actividade continuará en Allariz, cun paseo polas súas rúas engalanadas con luces e adornos de Nadal elaborados de maneira artesanal, que destacan pola súa beleza e orixinalidade.

O prezo da excursión é de 40 euros para as persoas empadroadas no Concello da Baña e de 50 euros para as non empadroadas. Os menores de 16 anos terán un prezo reducido de 15 euros. As prazas son limitadas e as inscricións deberán realizarse no Concello da Baña antes do 23 de decembro, chamando ao teléfono 981 886 501.

  • O Apalpador e Papá Noel, xuntos por primeira vez, visitarán o pavillón de San Vicenzo

  • CantoEncanto, grupos de gaita e pandeireta da Escola de Música Tradicional e o Mago Paco protagonizan a programación escénica

  • Unha ampla oferta de postos artesanais e produtos locais estará dispoñible para as compras de Nadal

20241215 Mercadinho Nadal web 2 corrixidoO domingo 15 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo converterase no escenario da novena edición do Mercadiño de Nadal da Baña, unha cita consolidada no calendario local que cada ano atrae veciñanza e visitantes da comarca. Dende as 12.00 do mediodía e ata as 20.00 horas, o Concello da Baña ofrecerá unha xornada chea de artesanía, música e actividades pensadas para toda a familia, cunha especial atención á cativada.

O evento contará cun amplo programa de actividades culturais e de lecer que comezará ás 12.30 horas coa animación musical a cargo do grupo de gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. A partir das 16.00 horas, á música dos gaiteiros sumarase a das pandeireteiras da EMT e a de CantoEncanto, un conxunto de música tradicional local creado en 2023 que se define como “un grupo de amigos que se xuntan nas foliadas para cantar e bailar”.

A programación inclúe tamén unha dose de maxia e fantasía co espectáculo do Mago Paco, especializado en entretemento infantil, que terá lugar ás 17.00 horas. Pero a gran novidade deste ano será a presenza conxunta, por primeira vez, de dúas figuras imprescindibles do Nadal en Galicia: o Apalpador e Papá Noel, que chegarán ás 18.00 horas para espertar a ilusión de nenas e nenos.

Ademais das actividades, o mercadiño ofrecerá unha coidada selección de postos con produtos de artesanía e delicias gastronómicas, permitíndolles ás persoas asistentes mercar agasallos únicos nun ambiente festivo e acolledor. Como en anos anteriores, habilitarase un posto de empaquetado solidario, no que quen merque no Mercadiño poderá preparar os seus agasallos ao tempo que colabora cunha causa solidaria.

A organización desta novena edición, a cargo do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña, busca reafirmar o Mercadiño como un evento de referencia na comarca. O pavillón de San Vicenzo converterase, un ano máis, nun punto de encontro para celebrar o Nadal en comunidade, promovendo a música, a tradición e a convivencia.