• A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega publica na rede o ‘Catálogo de referentes’, guía virtual que recompila de forma inicial máis de corenta perfís colaboradores como modelos de sensibilidade lingüística nos campos da cultura, da ciencia, dos deportes, da artesanía, do activismo ou da comunicación

  • A iniciativa nace cunha guía didáctica específica, ideada como ferramenta educativa multidisciplinar para o alumnado de 12 e 16 anos, que se pode descargar xa de balde dende a web de Alingua

20231106 Rois Banha presentacion proxectos ALingua 6

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas de É túa. Pásaa!, campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego. No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade que, no caso de Rois, inclúe accións con Amipa, durante o Serán da Lingua e na praia fluvial de Seira co club de pesca Londra.  Na presentación esta mañá en Teo participou o concelleira Mónica González.

Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. Este catálogo créase co fin de visbilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.

Esta guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua a través desta ligazón, recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías. 

Na presentación participaron Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa do Concello de Teo, María Vazquez Rey, concelleira de Lingua do Concello de Teo, Blas García Piñeiro, alcalde de Ames e Goreti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela.

Así mesmo, asistiron ao acto Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas, concelleiro de Rois.

20231106 Rois Banha presentacion proxectos ALingua 2

De Luís Davila a Tanxugueiras

Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana. 

Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez). 

Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma. 

Guía didáctica

Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica É túa. Pásaa! que, baixo o subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos. 

A guía didáctica que se atopa na web de Alingua, inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes. Así preténdese achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións.   

A guía didáctica está pensada para o seu aproveitamento desde diferentes materias con contido transversal no que lingua galega é canle de expresión, traballo e creación. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as tradicionais sopas de letras até anovadoras posibilidades tecnolóxicas, como o deseño da túa propia app para móbil en galego. A guía achega tamén un apartado de recursos en liña para poder achar máis información e atopar material complementario na Rede. 

Ademais desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o colectivo os propios referentes do alumnado.

Cartografía sensorial

Como outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada Cartografía sensorial.Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía da Arousa. Ademais, a Deputación de Pontevedra súmase a esta entidade  como integrante amiga. 

José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle os problemas de transporte público e a escasa financiación dos servizos sociais municipais

Pedro Blanco reitera o compromiso do Goberno central coa dixitalización e sustentabilidade dos concellos rurais cun investimento de 500.000 euros na Baña

O alcalde agradeceu o Plan Único-Banda Ancha que permite levar fibra óptica a máis de 900 familias e negocios do municipio

 

20231031 Delegado goberno en Galicia visita a Banha 6

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a primeira tenente de alcalde, Mónica González, solicitáronlle ao delegado do Goberno en Galicia que a administración central free definitivamente a implantación dos dous parques eólicos de ámbito estatal previstos no municipio “para garantir unha mellor calidade de vida no rural” e evitar que todas as parroquias da Baña se vexan afectadas por estas infraestruturas. 

Durante a visita que Pedro Blanco fixo ao Concello, Pereira e González tamén lle pediron unha maior presenza da Garda Civil no municipio para garantir a seguridade cidadá e máis financiación para que os servizos sociais municipais poidan ser sustentables para as arcas municipais. As escasas rutas de transporte público e a falla de investimentos das administracións autonómica e central no municipio foron outros temas abordados na reunión. 

José Antonio Pereira agradeceu o Plan Único-Banda Ancha que impulsa o Goberno central, “que xa permitiu que máis dun 80 por cento das casas da Baña teñan fibra óptica. Pedro Blanco comprometeuse a estudar as demandas do Concello e destacou a aposta do Goberno central pola mellora dos servizos e da calidade de vida da cidadanía no rural, que se traduce en máis de 500.000 euros de investimentos no Concello da Baña para avanzar na súa dixitalización e sustentabilidade. Tras a reunión co alcalde e a tenente de alcalde, Blanco conversou durante uns minutos no salón de plenos con concelleiros dos tres grupos presentes na Corporación da Baña.

20231031 Delegado goberno en Galicia visita a Banha 5

Aínda sendo competencia da Xunta de Galicia, as obras que se están a realizar no CPI San Vicente foron outros dos temas da reunión. José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle a Pedro Blanco os trastornos que está a vivir a comunidade educativa, sobre todo polas goteiras e falta de seguridade por non estar rematados os traballos a estas alturas do curso. Unha problemática que, tras a reunión, un grupo de pais e nais do colexio comentaron persoalmente co delegado do Goberno.

Pola súa banda, Pedro Blanco mencionou os 394.546 euros que recibiu o Concello a través do IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) para a substitución da iluminación pública por outra máis eficiente, coa conseguinte redución de emisións e aforro na factura eléctrica do Concello. A este investimento engádese o Plan Único-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos, e que posibilitará a chegada de internet de alta velocidade, mediante fibra óptica, a 903 vivendas e empresas da localidade que antes non dispoñían deste servizo.

Pedro Blanco puxo estas actuacións como exemplo do compromiso do Goberno co municipalismo e, en especial, cos concellos de reto demográfico a través dos fondos do Plan de Recuperación, “que chega a todos e cada un dos concellos de Galicia".

A estas actuacións hai que engadir outras partidas orzamentarias como os 100.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Terras de Santiago’ do Ministerio de Industria para a creación dunha aula gastronómica no municipio bañense.

A Baña forma parte deste plan xunto cos concellos de Vedra, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Negreira e Santa Comba, que reciben en conxunto 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para potenciar os mercados gastronómicos locais; crear e promocionar novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo.

20231031 Delegado goberno en Galicia visita a Banha 3

  • O alcalde e a primeira tenente de alcalde reuníronse na Coruña co xefe territorial da Consellería para recibir información de primeira man

  • A previsión era que finalizase en setembro a rehabilitación integral do centro escolar, presupostada en 1,16 millóns

20231004 Obras CPISanVicente web

20231004 Obras CPISanVicente 03O xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, afirmou que o seu departamento terá rematadas ao longo deste mes de outubro as obras que se están executando no CPI San Vicente. Na reunión mantida este martes, 3 de outubro, co alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e coa tenente de alcalde e concelleira de acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, o responsable provincial comprometeuse tamén a estudar a viabilidade de proxectos como a creación dun corredor seguro no centro mentres duren as obras ou a unificación de horarios en Primaria e Secundaria.

Pereira e González reuníronse con Cabana para recibir información de primeira man sobre unhas obras que, segundo recoñeceu o xefe territorial de Educación, levan algún retraso, pois estaba previsto que finalizasen en setembro. Cun presuposto de 1.161.179,44 euros, estase actuando na mellora de impermeabilización da estrutura, tanto en fachadas como en cubertas, e na carpintería exterior. Tamén se están renovando os acabados interiores e as instalacións (aseos, instalación eléctrica e iluminación), e mudando un total de 121 ventás e de 300 luminarias. Cabana comprometeuse a que as obras rematen ao longo deste mes de outubro.

As reformas están a provocar alteracións na vida diaria da comunidade educativa, sobre todo nas entradas e saídas, o que complica a circulación en xornadas de chuvia. Neses días, o alumnado debe saír do centro e rodealo por completo para acceder ao pavillón, por exemplo. Por isto, José Antonio Pereira e Mónica González solicitáronlle a Educación que se amañe unha saída do centro que comunique as aulas directamente co polideportivo mentres duren as obras, unha actuación que Indalecio Cabana asegurou que se estudará por parte da unidade técnica do servizo que dirixe.

20231004 Obras CPISanVicente 04Alcalde e tenente de alcalde reclamaron tamén a unificación de horarios entre Primaria e Secundaria para dar un servizo mellor e máis racional á comunidade. Na actualidade, o alumnado de Primaria xanta no comedor todos os días da semana e despois desprázase aos seus domicilios en autobús. Mentres, o de Secundaria só ten acceso a comedor e transporte os mércores, xornada na que ten actividade lectiva polas tardes. A idea do Concello da Baña é que a rapazada e Secundaria poida utilizar o comedor os luns, martes, xoves e venres do mesmo xeito que o usan os mércores, e logo empregar os mesmos buses que a de Primaria, para evitar que os buses circulen semibaleiros e, ao tempo, favorecer a conciliación laboral e familiar.

Esta proposta xa fora presentada pola dirección do centro o ano pasado, a petición da AFA CPI San Vicente, e non obtivera resposta. Nesta ocasión, Indalecio Cabana sinalou que, por unha banda, o seu departamento terá que estudar a capacidade do comedor do colexio. Pola outra, a xestión do transporte escolar é competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que terán que ser os técnicos deste departamento os que analicen a cuestión.

Finalmente, Pereira e González demandaron un mestre de pedagoxía terapéutica específico para os ciclos de Infantil e Primaria, ao que Cabana respondeu que o profesional asignado a Secundaria pode atender tamén os casos de nenos e nenas con necesidades especiais doutros cursos.

José Antonio Pereira e Mónica González agradecéronlle a Indalecio Cabana que os recibise no seu despacho da Coruña, así como o compromiso dunha pronta finalización dunhas obras tan necesarias, que supoñen un forte investimento no CPI San Vicente.

Mónica González: “O rural ten moitas posibilidades, como demostran Rocío e o resto de emprendedoras que aparecen neste audiovisual”

Soledad Agra: “Queremos dar a coñecer o traballo das protagonistas e os retos que tiveron que afrontar para emprender”.

Rocío Picado:  “Asumín a xerencia do centro de día de Ceilán tres meses antes da pandemia. Temos que potenciar as redes de apoio e recuperar os valores do rural”

20231015 Banha Dia Muller Rural presentacion videos 11

A concelleira Mónica González reivindicou hoxe o papel da muller no rural, “onde pode desenvolver labores moi diferentes a agrícola-gandeira tradicional”, durante a presentación na Baña dun proxecto audiovisual promovido pola Deputación da Coruña para conmemorar o Día da Muller Rural, que se celebrou este 15 de outubro.  No acto interviñeron tamén a deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, e a xerente do centro de día e fogar residencial de Ceilán, Rocío Picado. “O rural ofrece moitas posibilidades, como demostran Rocío e outras emprendedoras que apostan por desenvolver os seus proxectos de vida no rural”, asegurou a concelleira de Acción social, cultural e servizos a cidadanía da Baña.

“Na Baña contamos coa comunidade de mulleres agrarias Baneón e hai explotacións dirixidas por mulleres, aínda que seguen sendo as menos”, dixo Mónica González, quen lembrou que as mulleres representan o 43% da man de obra agrícola.

“Quédanos aínda moito camiños por percorrer”, resaltou a concelleira, que salientou que o traballo da muller no rural non ten porque centrarse na tradicional labor agrícola-gandeira. “Temos que deixar atrás esa imaxe de muller maior e de loito. O rural ofrece moitas posibilidades, tanto para homes como para mulleres. E exemplo diso son Rocío Picado e o resto de emprendedoras que apostan polo noso rural”, asegurou Mónica González, referíndose ás protagonistas do proxecto audiovisual Mulleres emprendedoras no rural  promovido pola Deputación da Coruña e estreado hoxe na Baña para conmemorar o Día da Muller Rural.

Soledad Agra explicou que o proxecto consiste nunha serie de 5 vídeos de aproximadamente 3 minutos cada un, que teñen como obxectivo amosar  referentes de mulleres emprendedoras da provincia da Coruña en diferente sectores, coa finalidade de visibilizar o seu traballo e por en valor a actividade que desenvolven no rural.  “Trátase de coñecer  a  cada unha das protagonistas, o seu labor,  o seu día a día, os retos que tiveron que afrontar para emprender no rural e a súa historia actual, poñendo o foco tamén no seu futuro como mulleres á  fronte dunha empresa no rural”.

20231015 Banha Dia Muller Rural presentacion videos 6

Rocío Picado

Una das protagonistas deste proxecto é Rocío Picado, xerente do Fogar residencial e Centro de día Fogar de Ceilán, da Baña, no que se celebrou o acto. Durante o coloquio posterior a estrea dos vídeos, Rocío Picado lembrou que asumiu a xerencia do centro a finais do ano 2019, tres meses antes de comezar a pandemia, e resaltou a importancia de que “as mulleres que traballan no rural se convertan en rede de apoio para as mulleres emprendodras. Eu estou aquí grazas as mulleres que me acompañaron e me acompañan”, dixo.

Picado tamén lembrou a importancia de empoderar as mulleres que traballan no coidado de outras persoas. “Somo maioría neste sector. En setembro deste ano 2023 tivemos os primeiros homes facendo prácticas no centro de día”, dixo.

Rocío Picado votou en falta “axudas para as mulleres emprendedoras. Ás autónomas temos que afrontar moitas esixencias, e fáltannos redes de apoio, por iso eu decidín retrasar a miña maternidade”, dixo.

En canto ao futuro, Rocío Picado enumerou os desafíos aos que haberá que facerlles fronte, como “eliminar a brecha salarial entre homes e mulleres, mellorar os soldos no sector coidados ou erradicar a violencia de xénero”. Picado tamén considerou importante “fomentar a unión entre as mulleres emprendedoras, e recuperar os valores tradicionais do rural, para preocuparse polo veciños e, entre todos, construír un mundo mellor”.

No acto estiveron presentes o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil; os deputados provinciais Antonio Leira e Xosé Pena; os concelleiros e concelleiras da Baña Álvaro Silva, Andrés García Cardeso, Belén Capeáns e Patricia Lois; a concelleira do Rural do Concello de Santiago, Pilar Lueiro; residentes do centro no que se celebrou o acto, e Sonia Ares, artesá de Rois.

As protagonistas dos vídeos estreados hoxe na Baña son Leticia Iglesias (Neda), coa súa empresa de venta de produtos de horta Na Horta da Avoa María; Carme Pampín (Touro), cofundadora de Galchimia, centro de excelencia para a investigación química; Sonia Ares (Rois), artesá traballadora de prata e vidro; María Fandiño (Curtis), enxeñeira industrial e gandeira; e Rocío Picado (A Baña), xerente do Fogar residencial e centro de día Fogar de Ceilán.

20231015 Banha Dia Muller Rural presentacion videos 4

A proba xuntou esta mañá a 287 participantes nas catro probas disputadas

José Manuel García Antelo e Carlos Lema Fernández foron os mellores locais nas carreira de 28 e 16 km, respectivamente

 

20231001 Trail da Banha saida meta podios 9

 

Roberto Tuñas conseguíu hoxe o seu obxectivo de gañar o Trail da Baña. Despois de quedar terceiro en 2018 e segundo en 2919 esta mañá foi o máis rápido en rematar os 28 km en algo mási de dúas horas e media (2.37.10). Na proba curta de 16 km os gañadores foron Marcos Castro e Olaia Suárez. A proba estivo organizada polo Club Seixos e contou coa colaboración do Concello da Baña.

O Trail da Baña celebrou esta maña a súa edición máis numerosas das catro celebradas. 287 persoas tomaron as saída diante do polideportivo municipal de San Vicenzo. 130 competían nas dúas modalidades de trail (longo de 28 km e curto de 16) e outras 157 nas dúas andainas non competitivas de 16 e 10 km.

20231001 Trail da Banha saida meta podios 106

Na liña de meta, os primeiros en chegar foron os do trail curto unha hora e media despois da saída. Os gañadores en categoría masculina foron Marcos Castro (1.22.36), Rubén Martínez (1.26.58) e Eloy González (1.30.47). Entre as mulleres, as máis rápidas foron Olaia Suárez (1.51.14), Carolina Niño (1.53.27) e Silvia Miragaya (1.54.58).

20231001 Trail da Banha saida meta podios 108

Nesta proba tamén levaron trofeos os tres primeiros das categorías de veteranos 1, Manuel Castro, Sergio Monteagudo, Jacobo Paredes; Maite Salgado, Verónica Martínez e Liza Caballero; e veteráns 2: José Suárez Ricardo Villar, Manuel Millán, Carmen García, Matilde Vázquez e Chelo Vigo.

20231001 Trail da Banha saida meta podios 113

No trail longo subiron ao podio Pablo Conde, Juan Besteiro e Manuel Vieites (veteranos 1) e Fernando González, Francisco Blanco e Jesús Iglesias (veteranos 2).

Os mellores corredores da Baña foron José Manuel García Antelo (3:18:25) na proba de 28 km e  Carlos Lema Fernández (1.45:07) no trail curto.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, Ana Pensado, estregáronlle medallas a todas as persoas participantes e trofeos as mellor clasificadas de cada categoría.

Os mellores da Bana

As clasificacións completas pódense consultar na páxina web de Galitiming, nos seguintes enlaces. Clasificación trail longo e clasificación trail curto.

A proba tivo un percorrido “moi fermoso e esixente” destacou unha das atletas tras cruzar a meta. “É moi entretido e bonito”, asegurou outro dos participantes. O gañador do trail longo, RobertoTuñas, agradeceu que, nun día de tanto calor como o de hoxe “a maioría do percorrido fose preto do río e pola sombra”.

O Club Seixos, coa colaboración do Concello da Baña, organizou a proba, que contou co patrocinio de Ternera Gallega, Gadis, Futsal A Baña, O Muíño Pizzería, Rosfavi S.L., Neumáticos Marcos, Clun, Spar Express Corneira, Soft4fit e Panadería Xallas.

Alumnado da academia Englis Rocks de Carballo estiveron animando a festa que se organizou despois da entrega de trofeos, coas tres agrupacións que tocaron na Baña: Full System, Dixies e Retro Tool.