Centro Saude Baña web

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, volveu enviarlle o pasado mércores unha carta ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a xerente da área sanitaria de Santiago, reclamándolles que o Sergas cubra as vacacións e baixas da pediatra que atende no centro de saúde, e tamén pedido a modificación do horario da matrona.

Pereira Gil recórdalle ao novo conselleiro que o servizo de Pediatría só funciona dous días á semana no centro de saúde da Baña e que dende o pasado 21 e ata o 6 de outubro a pediatra está de vacacións, unha situación “que obriga a anular todas as citas programadas para revisións e vacinacións” da cativada, “poñendo en risco aos menores”

Igual que fixo o pasado mes de decembro, o alcalde vólvelle reclamar aos responsables do Sergas que cubran as baixas e as vacacións da pediatra no centro de saúde bañense para garantir unha mellor atención aos nenos e nenas do concello e evitar que se teñan que desprazar ata o Hospital Clínico de Santiago, a outros municipios ou a pediatras de pago.

Nesta ocasión, o alcalde tamén lle reclama ao conselleiro e a xerente que modifiquen o horario da matrona, que está obrigando a afrontar unha serie de gastos que resultan “totalmente inasumibles para o Concello”. 

Recentemente, o Sergas modificoulle o horario á matrona, que agora consulta tamén os sábados (aínda que reduciu as horas de atención os días de semana que acode ao centro de saúde da Baña). Isto provoca que “o Concello teña que asumir o sobrecusto do servizo de limpeza e calefacción tamén os sábados, a pesares de que os sábado non asisten usuario a este servizo. Situación que resulta totalmente inasumible para o Concello”, recorda Pereira Gil na carta remitida  o pasado 23 de setembro a Consellería de Sanidade e á Xerencia da área sanitaria de Santiago 

Por estes motivos, Pereira Gil solicítalles ao conselleiro e a xerente que “cubran as vacacións e baixas” da pediatra titular do centro de saúde da Baña, para que os nenos sexan atendidos sen desprazarse fora do municipio. Tamén lles reclama a revisión do horario do servizo de matrona, “polos prexuízos que causa ao Concello”.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) chamou hoxe por teléfono ao alcalde da Baña para dicirlle que tiña que permanecer illado no seu domicilio ata o día 21, por ter estado en contacto co traballador do Concello que o luns, día 7, deu positivo na covid-19. 

José Antonio Pereira Gil seguirá teletraballando dende a casa ata que se cumpra a corentena ditaminada polas autoridades sanitarias. Na conversa telefónica de hoxe, o alcalde recordoulle ao persoal do Sergas que o pasado martes, día 8 de setembro, fixera unha proba PCR que dera negativo. Malia a este resultado, o Sergas insistiu que debía gardar corentena ata o día 21 deste mes.

Atendendo á petición das autoridades sanitarias, o alcalde permanece no seu domicilio dende que recibiu a chamada telefónica. José Antonio Pereira seguirá mantendo comunicación constante por vía telefónica e telemática co persoal do Concello para atender as súas obrigas ata que remate a corentena.

Ata o momento, as autoridades sanitarias tan só decretaron o illamento domiciliario do alcalde, que estivo en contacto co traballador municipal que o pasado luns deu positivo en coronavirus. O resto de persoal do concello pode seguir acudindo ao seu posto de traballo.

O resto de traballadores municipais deron negativo

A concelleira de Cultura e este traballador municipal foron os únicos que, ata o momento, deron positivo na proba do coronavirus e atópanse illados nas súas casas dende o sábado e o luns pasado, respectivamente. Ambos evolucionan favorablemente.

Ante esta situación, o mesmo luns, o Concello ofrecéulles a todos os traballadores e traballadoras municipais a posibilidade de facer probas diagnósticas (PCR ou test serolóxicos), que en todos os casos deron negativo. 

Hoxe, o Sergas púxose en contacto co alcalde para decretar o seu illamento domiciliario polo contacto que tivo co traballador municipal enfermo. 

José Antonio Pereira recoméndalle a veciñanza utilizar a asistencia telefónica e telemática para realizar as xestións que necesiten facer coa administración local, para evitar aglomeracións na casa consistorial. O alcalde insiste que nestes momentos é preciso manter a calma e extremar as medidas de seguridade e hixiene:

  • Uso obrigatorio da máscara
  • Hixiene continua de mans
  • Manter a distancia social e evitar as reunións multitudinarias

En caso de ter síntomas compatibles coa Covid-19 (febre, tose seca, malestar xeral, dificultade para respirar), non vaian directamente ao centro de saúde, deben chamar ao 061. Poden obter máis información na web coronavirus.sergas.es e no teléfono 900 400 116.

O Concello da Baña recoméndalle á veciñanza utilizar a asistencia telefónica e telemática para realizar as xestións que necesiten facer coa administración local. Aínda que todos os traballadores municipais que fixeron as probas diagnósticas deron negativo en coronavirus, dende o equipo de goberno queren ser prudentes, e recoméndalle a veciñanza que só acuda as oficinas municipais en casos urxentes e pedindo cita previa antes.

Ademais da concelleira de Cultura, que está illada no seu domicilio dende o pasado sábado, hai un traballador municipal que está illado na súa casa dende o luns. En ambos os dous casos, con síntomas leves e evolucionando favorablemente

O resto do persoal municipal deu negativo nas probas diagnósticas da covid-19 (PCR e test serolóxicos) que lles foron realizadas durante estes días.

o alcalde pídelle á veciñanza que extreme as medidas de precaución, con hixiene frecuente de mans, uso de máscaras, manter a distancia social e seguir as recomendacións das autoridades sanitarias. 

Segundo os datos facilitados ao concello o día 8,e despois de recibir a alta 10 persoas, hai outras 14 que son positivas activas en coronavirus.

Nos vindeiros días o Concello da Baña seguirá primando a atención telefónica (chamando ao 981 886 501) e o uso da sede electrónica municipal (www.sede.concellodabana.gal) como medida de precaución para evitar a propagación da covid-19. Naqueles casos que a persoa necesite acudir presencialmente ás oficinas municipais, deberá pedir cita previa no 981 886 501.

20190904 A Baña MadrugaO Concello da Baña inicia mañá unha semana de portas abertas no servizo de conciliación laboral e familiar A Baña Madruga, que lle ofrece as familias que teñen escolarizadas as súas crianzas no CPI San Vicente.

O servizo ofrecerase de 7.30 a 9.15 horas de luns a venres durante o curso escolar. Dende mañá, venres día 11, e ata o venres 18 de setembro, as familias interesadas poderán probar este servizo de xeito gratuíto, para familiarizarse co seu funcionamento e decidir se queren participar no mesmo.

Para gozar de dito servizo hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50 €) ou non (40 €). Mais quen queira participar días soltos tamén poderá facelo por 4 euros cada xornada.

As familias interesadas poderán inscribir aos seus cativos e cativas nas oficinas do Concello ou cubrindo o formulario que se atopa no arquivo adxunto

Attachments:
Download this file (madrugadores.pdf)20200910_inscricion_Baña_madruga[20200910_inscricion_Baña_madruga]96 kB
  • Mónica González mantivo contacto cunha persoa enferma allea ao concello

  • Sanidade non considera necesarias as probas, pero o goberno local ofrécelles a posibilidades aos traballadores municipais para maior tranquilidade

20200822 covid

O alcalde da Baña mantivo esta mañá unha reunión cos traballadores para informarlles que a concelleira de Cultura, Mónica González, está enferma de covid-19. Aínda que deu positivo tras manter contacto cunha persoa enferma allea ao concello, o goberno local ofrécelles aos traballadores municipais a posibilidades de facer probas diagnósticas con cargo ao Concello.

Segundo informou ela mesma, a concelleira de Cultura atópase actualmente illada no seu domicilio, seguindo as recomendacións de Sanidade, xunto coas persoas que conviven na casa. Mónica González sospeita que se contaxiou despois de manter contacto cunha persoa amiga que é totalmente allea ao Concello da Baña. 

Despois de que esa persoa fora diagnosticada, e se fixera o seguimento aos seus contactos, tras realizarlle unha proba PCR o pasado sábado, Mónica González deu tamén positivo e comezou o período de illamento no fogar, con síntomas leves.

Tendo en conta que na casa consistorial da Baña se respectan as medidas de distanciamento social e as recomendacións para evitar a propagación do coronavirus, dende Sanidade non consideran necesario facer as probas diagnósticas aos traballadores e traballadoras municipais. Non obstante, o alcalde explicoulle hoxe ao persoal que o concello asumirá o custo de realizar as probas aos traballadores que as queiran facer.

Despois dos brotes rexistrados tras reunións familiares nas parroquias de San Mamede do Monte e de Suevos, no municipio da Baña hai rexistrados actualmente 16 positivos por coronavirus. Outras 7 persoas foron xa dadas de alta.

Debido a estes brotes rexistrados a partir do 20 de agosto, o Concello da Baña suspendeu todas as actividades culturais e deportivas programadas durante estas últimas semanas, ademais de pechar os parques infantís e a área recreativa de Agra de Chans.

Dende o goberno local recordan que nestes momentos é preciso manter a calma e extremas as medidas de seguridade e hixiene:

  • Uso obrigatorio da máscara
  • Hixiene continua de mans
  • Manter a distancia social e evitar as reunións multitudinarias

E, recorden, se senten síntomas compatibles coa Covid-19 (febre, tose seca, malestar xeral, dificultade para respirar), non vaian directamente ao centro de saúde, deben chamar ao 061.

Poden obter máis información na web coronavirus.sergas.es e no teléfono 900 400 116.