- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1206
O Concello da Baña comezou a repartir un lote de material de protección fronte á covid-19 entre os negocios do municipio que abren ao público na fase 2 da desescalada, como o fixo previamente cos negocios que foron abrindo. Cada un dos establecementos recibiron máscaras faciais, pantallas protectores e xel hidroalcohólico.
O reparto farase entre todos os autónomos e empresas que abran ao público durante esta fase 2 da desescalada, ou abran nos vindeiros días. En caso de non recibilos, pódense poñer en contacto co concello, e recibirán estes equipos de protección.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1436
-
O goberno quería dedicar os 147.000 € a gastos relacionados coa covid-19 e liberar partidas para pagar débedas pendentes
-
A advertencia do secretario-interventor da necesidade de contar con gasto corrente para manter a estabilidade orzamentaria non foi tida en conta
O Concello da Baña vai destinar os 39.274 euros do plan provincial POS+ Adicional 1 a gasto social, para cubrir parte dos gastos extraordinarios derivados da covid-19. No caso do POS+ Adicional 2, que conta cunha partida de 147.300 euros, a oposición acabou impoñendo a súa maioría fronte ao goberno e, a pesar da advertencia da Intervención municipal, aprobou dedicar só 47.300 euros para gasto corriente e outros 100.000 euros para investimentos financeiramente sostibles (obras do plan complementario da Deputación). A sesión comezou gardando un minuto de silencio en recordo ás vítimas do coronavirus.
O pleno ordinario de maio celebrouse esta mañá cun modelo mixto, con seis concelleiros dende o salón de plenos e outros cinco por videoconferencia. Debateuse a participación do Concello da Baña no plan único de concellos da Deputación da Coruña POS+, que consta de dous apartados. O Adicional 1 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados da covid-19, no que houbo unanimidade.
A Baña vai destinar os 39.274 euros do POS+ Adicional 1 a sufragar parte do gasto social extraordinario derivado do coronavirus, que ascende a un total de 75.000 euros. Segundo a desagregación presentada polo equipo de goberno, 50.000 euros irán para reforzar o servizo de axuda no fogar (SAF), 10.000 € á compra de equipos de protección do persoal (EPIs), e outros 12.000 para reforzar as axudas ás familias con menos recursos. Unha última partida de 3.000 euros será para gasto extraordinario en axuda ás persoas máis vulnerables.
NO POS+ Adicional 2 o Concello da Baña conta cunha partida de 147.300 euros, que podería destinar a gasto corrente ou a investimentos financeiramente sostibles. Neste apartado, finalmente, impúxose o criterio da oposición (PP e CxG, con 6 votos) que aprobaron a súa proposta, en contra do criterio do equipo de goberno socialista (4 votos).
O alcalde recordou na súa intervención que o Concello debe facer fronte a máis de 500.000 euros de gastos, entre as facturas pendentes da lexislatura anterior e uns 360.000 euros dos atrasos pendentes de pago aos traballadores, por sentencia xudicial dun conflito iniciado hai varios anos. A intención do equipo de goberno era destinar os 147.300 euros do POS+ Adicional 2 a gasto corrente, liberando así unha partida importante para afrontar esas débedas.
Concretamente, o alcalde indicou que querían destinar eses 147.000 euros á reforma das instalacións municipais para garantir medidas de seguridade (entre elas no centro e saúde), con 60.000 euros; conciliación familiar e campamentos de verán (35.000 €), axudas directas aos autónomos que tiveron os negocios pechados (20.000 €), axudas ao alumnado do municipio para adquirir ferramentas TIC e de novas tecnoloxías (15.000 €) e outros 17.000 euros para emerxencia social.
Neste apartado (ver vídeo do pleno neste enlace), tanto PP como Compromiso por Galicia criticaron duramente a falta de diálogo do equipo de goberno coa oposición para poder pactar estas medidas; os orzamentos deste exercicio e poñer en marcha iniciativas que palíen a situación actual. Andrés García Cardeso recordou que o goberno local non fixo caso da proposta presentada polo PP no mes de abril, e que tampouco avanzara na negociación cos traballadores para pagarlles os atrasos que figuran na sentencia xudicial.
Dende CxG, César Ramos criticou a forma de gobernar do grupo socialista e a falta de información e contacto coa oposición. Tras retirar a proposta de CxG para o Adicional 2, acabou apoiando a presentada polo PP, para destinar 47.300 euros a gasto corrente e outros 100.000 euros para obras.
Durante o debate, o secretario interventor advertiulles aos concelleiros da necesidade que tiña o Concello de dispor de gasto corrente para evitar tensións de liquidez e manter o principio de estabilidade orzamentaria, apelando á responsabilidade por alcance na que poderían incorrer se se adoptaban decisións que poidan romper ese principio de estabilidade. Fixo mención expresa á necesidade de dispor de 360.000 euros para pagar os atrasos dos traballadores. Unha advertencia que foi criticada tanto polo PP como por CxG.
Tras un tenso debate, a proposta do Partido Popular saíu adiante cos 6 votos do PP e CxG, fronte a presentada polo equipo de goberno, que só contou cos 4 votos do Partido Socialista.
Co apartado de rogos e preguntas rematou a sesión plenaria, a primeira da Corporación da Baña na que algúns concelleiros e concelleira participaron por videoconferencia.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1216
-
A veciñanza deberá pedir vez no teléfono 981 886 501 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
-
De ser precisa, a atención será individual, non durará máis de 15 minutos e mantendo os 2 metros de distancia entre persoas

O Concello da Baña vai fomentar a atención á veciñanza por medios telemáticos ou telefónicos na medida do posible, para cumprir coa nova normativa motivada pola COVID-19, sen prexuízo daquelas oficinas de servizos de carácter esencial.
Nun bando asinado hoxe polo alcalde, José Antonio Pereira informa de que dende o Concello se vai organizar un servizo de cita previa para atender aquelas persoas que teñan que acudir ás dependencias municipais. Antes de achegarse, a persoa interesada deberá chamar por teléfono, ao 981 886 501, ou enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., para solicitar día e hora. Con esta medida quérense evitar aglomeracións tanto na entrada como no interior das dependencias municipais.
As citas asignaranse coa frecuencia precisa para que estean o menor número posible de persoas nas oficinas. En todo caso, esta atención realizarase de xeito individual, e sempre mantendo unha distancia mínima de 2 metros coas demais persoas que se atopen nas dependencias, sexan veciños ou persoal do concello. O tempo de permanencia no interior das oficinas deberá ser inferior a 15 minutos.
Esta medida tómase para evitar a propagación do coronavirus entre a poboación e para cumprir coa normativa en vigor. O alcalde agarda que a veciñanza da Baña comprenda estas limitacións e siga colaborando como o veu facendo ata o de agora, respectando as recomendacións das autoridades sanitarias.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1552

O Concello da Baña comezou onte a limpar e desinfectar o exterior dos contedores do lixo, antes de que o camión faga a limpeza no interior deste depósitos, que a partir de agora volverán ter a tapa pechada como recomenda a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Dende o luns, o punto limpo da Baña volverá a recoller refugallos, sempre que as persoas interesadas soliciten cita previa no teléfono 664 042 597.
Onte comezou a limpeza e desinfección do exterior dos contedores do lixo e tamén a das tapas, á espera de que comece a pasar o camión para limpar o seu interior.
O Concello, seguindo as recomendacións da Fegamp, vai pechar a partir de agora as tapas dos contedores, para evitar cheiros, a proliferación de pragas de mosquitos e cascudas e para que os animais non rachen as bolsas. Por este motivo, pídeselle á veciñanza que cando vaia depositar o lixo, utilice luvas para evitar posibles contaxios, e que despois lave ben as mans.
Punto limpo con cita previa
Por outra banda, dende o luns comezará a funcionar de novo o punto limpo da Baña. Para levar os refugallos a este espazo, situado detrás do polideportivo de Lañas, as persoas interesadas deberán solicitar cita previa no teléfono 664 042 597, para concretar día e hora para levar o lixo. Cando se acheguen, deberán utilizar medidas de protección (máscaras e guantes) e manter a distancia de seguridade coas persoas que se poidan atopar alí nese momento.
O horario do punto limpo será de 10.00 a 14.00 horas de luns a sábado. Neste horario será cando se poida pedir a cita previa e tamén levar os refugallos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1373
O Concello da Baña mantén a disposición das persoas dependentes e máis vulnerables residentes no municipio un servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade; así como un servizo de fotocopias e entrega de tarefas escolares no domicilio daquelas familias sen impresora ou acceso a Internet. Dende o Concello tamén se ofrece a posibilidade de entregar máscaras a aquelas persoas que teñen que desprazarse por temas médicos e non dispoñan destas medidas de protección.
O servizo de entrega a domicilio de alimentos e medicinas púxose en marcha o pasado 16 de marzo, cando o alcalde, José Antonio Pereira Gil, asinou un bando no que lles garantía o reparto de produtos de primeira necesidade ás persoas máis vulnerables do municipio mentres dure o estado de alarma polo COVID-19.
Durante as últimas semanas, o Concello vén mantendo tamén un servizo e recollida de tarefas escolares no CPI San Vicente da Baña que logo se imprimen e entregan ás familias que non teñen impresora na casa ou non poden acceder a Internet. Esta posibilidade ofréceselles tamén ás familias da Baña que teñan os seus fillos e fillas escolarizados en centros doutros municipios.
Outra das medidas que desenvolve o Concello da Baña para axudar a veciñanza é o repartimento de máscaras entre aquelas persoas que, por causa de forza maior, teñen que desprazarse e saír das súas casas, como, por exemplo, facer analíticas do sintrom. O Concello dispón dun remanente de máscaras que pode entregarlles ás veciñas e veciños que as soliciten por este motivo.
Para acceder a estes servizos, as persoas interesadas deben chamar ao teléfono do Concello, 981 886 501, en horario de 9.00 a 14.00 h, de luns a venres.
O Concello mantén estes servizos, así como a desinfección constante de lugares públicos, para garantir o benestar da veciñanza con menos recursos nestes momentos difíciles, e fai un chamamento para facer un uso responsable destes. O obxectivo é que poidan beneficiar realmente as persoas que máis o precisan.